Meira, recuncho gastronómico

Doce establecementos de hostalería participan dende o xoves ata o domingo no sexto concurso de tapas meirego, que repartirá un total de 600 euros en premios entre os clientes

Mañá xoves da comezo unha nova edición do xa tradicional concurso de tapas de Meira, que converterá a vila, durante un total de catro xornadas, nun recuncho gastronómico ideal.

Durante todos estes días, os clientes que decidan degustar as propostas pensadas e preparadas para a ocasión, poderán facelo a partir das 20.00 horas, a un prezo único de dous euros.

Este ano, o concurso acada unha cifra récord de participantes, chegando á ducia, e amosando que este tipo de iniciativas continúan a ser un acerto en todos aqueles municipios nos que se leva a cabo, xa que anima á xente a saír da casa e serve tamén para dinamizar o sector hostaleiro de cada concello.

O sistema de votación será idéntico ao da edición pasada. Así, os clientes deberán seleccionar as tres mellores tapas, concedéndolles tres, dous e un punto. Para poder efectuar esta asignación, deberán probar as racións dun mínimo de seis establecementos.

Os que se decanten por degustar as doce propostas que concorren a este certame gastronómico de Meira, optarán ademais aos premios que conceden o Concello e os hostaleiros da vila.

Así, haberá un primeiro premio de 300 euros que será canxeable nun vale de compra para gastar nos negocios meiregos; un segundo de 210, con idénticas características, e un terceiro de 90, tamén para adquirir algunha compra na vila.

Este será un dos alicientes dun certame no que haberá tapas para todos os gustos. Carne, peixe e marisco con salsas de todo tipo serán as propostas que poñan na barra os negocios participantes, que esperan acadar o mesmo éxito de edición pasadas.

De feito, as tres tapas que obteñan o maior número de votos por parte do público recibirán un diploma acreditativo, tal e como xa aconteceu en edicións pasadas.

OFERTA. As propostas deste sexto concurso, organizado polo Concello de Meira e os hosteleiros, coa colaboración da Asociación Provincial de Hosteleros de Lugo, son: ‘Delicias do río’, de Arguiñano; ‘Tapa Cazoleiro’, de Cazoleiro; ‘Dous sabores’, do Chispas; ‘Rodaja de merluza’, da Flor; ‘Fastfood’, do Muíño; ‘Marburguer’, do Pedreira: ‘Secreto ibérico’, do Pozo; ‘Vieiras con crema de queixo’, do Recuncho; ‘Mar e terra’, da Nova Pizza; ‘Carrilleras en salsa de chocolate’, do Centro; ‘Cachopín’, do Xeira; e Specífico Romano’, do Catalán.

Comentarios