O certame Fa Ce La Fest contará con Pablo Und Destruktion, Bala e Kimuru

A segunda edición conta cos australianos Steve Smyth & The Outlaws, os franceses Willis Drummond e os lusos Birds Are Indie
Pablo Und Destruktion
photo_camera Pablo Und Destruktion

O certame Fa Ce La Fest, que se celebra este ano dende o xoves ata o sábado en Lugo, contará na súa segunda edición con doce actuacións, entre as que cómpre salientar as de Pablo Und Destruktion, Steve Smyth & The Outlaws, Wilis Drummond, Birds Are Indie, Bala ou Kimuru. O programa ábrese o xoves, ás 22.00 horas, no Clavicémbalo, con Bulto, Esposa e Montelouro —unha banda lucense con exmembros de Holywater e Isla Bikini que se estrea no Fa Ce La Fest—.

O venres as actuacións serán no Círculo de las Artes, con presenza dos portugueses Birds Are Indie, do veterano lucense Kimuru e dos australianos Steve Smyhth & The Outlaws, que tocan por vez primeira en Galicia. Esta banda de blues fixo o videoclip do tema Shake It, do seu disco Exit (2016), que foi elixido entre os mellores do ano pola revista Rolling Stone.

Esa mesma noite actuarán en directo Kokoshca e El Lado Oscuro de la Broca, "dous dos grupos do momento", dixo o voceiro do certame, Celes Muinelo.

O último día contará coas novidades da incorporación ao programa de actuacións doutras artes, como a do grupo de danza contemporánea 3monos, que ofrecerá o seu espectáculo no salón rexio do Círculo o sábado ás 12.45 horas, e a presentación do libro Todo tiene una historia, do ourensán Isaac Pedrouzo.

A nova banda lucense Montelouro, formada por exmembros de Holywater e Isla Bikini, presentarase o xoves no Fa Ce La Fest



A xornada continuará ás 16.00 horas con Puma Pumku e a banda lucense Kadett GSI, que tocarán no Mercado Street Food. Celes Muinelo sinalou que "Kadett CSI saen do grupo de Pastillas Mamut, que foi bastante coñecido en Lugo".

O peche do programa terá lugar ás 21.00 horas no Círculo de las Artes, con actuacións de Bala —un dúo galego que vén de facer unha xira por Australia e Xapón e que conta coa lucense Violeta—, os franceses Willis Drummond e Biznaga, sobre os que Muinelo apuntou que "recobran o espírito punk dos 70, de grupos como The Clash ou os Buzzcocks".

Relacionado con Lugo está tamén Pablo Und Destruktion, "que estudou Veterinaria" na cidade; así como Lois Pérez e Anxo Manoel, que farán un espectáculo de humor musical.

Aínda poden adquirirse entradas e abonos, tanto para todo o festival como soamente para un dos días ou concretamente para asistir á actuación de danza de 3monos. As entradas están dispoñibles en varios puntos de venta de toda Galicia, en Ticketea.com, e nos establecementos Ho Gruf e no Mercado Street Food, de Lugo, con descontos para os socios do Círculo de las Artes.

Celes Muinelo sinalou que o crecemento desta segunda edición do festival lucense de música tamén se fixo patente no número de patrocinadores e asegurou que están convencidos de que "cada ano se está investindo máis no turismo asociado á cultura".

Ese crecemento plasmouse tamén na incoporación do Círculo de las Artes como sede para acoller concertos do festival.

A responsable de Comunicación do Círculo de las Artes, Marga López Blanco sinalou en relación á colaboración da entidade á que reprensenta con Fa Ce La Fest que "o Círculo sempre mantivo un papel importante a prol da cultura, pero a xunta directiva considera necesario abrirse a novas sensibilidades, para que o Círculo de las Artes sexa un referente desta pluralidade, dunha forma innovadora e aperturista".