Rouban xoias e todas as esmolas na igrexa de Saavedra a pouco da festa

Os cacos forzaron de madrugada a porta da sacristía pero non causaron danos no templo. Completaron o seu botín cunha caixa de chaveiros con estampitas e un bote de hostias
Ángel Vigo, cun dos chaveiros
photo_camera Ángel Vigo, cun dos chaveiros

A poucos días da cita clave -este mércores celébrase a multitudinaria Festividade da virxe dos Milagros- e na semana na que se celebran as concorridas novenas previas, os cacos puxéronse como obxectivo a igrexa de Saavedra, en Begonte.

Forzaron as pechaduras da porta da sacristía e, pese a estar reforzada cunha lámina metálica no interior, conseguiron acceder ao templo, no que se fixeron cun extraño botín: dúas cadeas de ouro con dous medallóns grandes e de bastante valor que levaba a virxe dos Milagros, outras cadeas máis pequenas e as do Neno Xesús, todos os cartos que había nas caixas, un bote coas hostias para consagrar nas misas e unha caixa chea de chaveiros con estampiñas, un modelo novo diseñado para poñer á venda este ano.

"Reventaron tódalas pechaduras, sacaron o entrepano, rascaron a pedra dos marcos e con punzóns abríronse paso", explicaba este domingo Ángel Vigo, a poucos minutos de comenzar o rosario e co entorno da igrexa xa cheo de xente, ao tempo que aseguraba non saber a canto poden ascender as perdas.

"Non sabemos o que había nas caixas", dixo, pero recoñeceu que estes días hai máis esmolas. "Hai moitísima xente nas novenas. Onte (por este domingo) foi terrible o abarrote", explicou Vigo, mentres sinalaba que xa entraron máis veces e que para evitar outros roubos reforzarán a porta con outra de ferro.

"Aparte da porta non fixeron destrozos dentro, menos mal", apuntou, mentres defendía que este suceso non afectará á programación da festa. As misas da novena comezaron o 14 e terminarán este luns. E o mércores será o día grande, con misas pola mañá e pola tarde. Aínda haberá outras os días 25, 27 e 28.

Comentarios