Un estudoso explica o pasado de Nois a través dos topónimos da parroquia

A charla do mércores permitirá coñecer a súa importancia como porto baleeiro ou a súa historia vitivinícola, ademais de lendas como a creación da capela das Flores tras anegarse a de Brea
Antonio Sixto leva anos recompilando topónimos de Nois
photo_camera Antonio Sixto leva anos recompilando topónimos de Nois

Lograr que non se perda a toponimia local e que todos, pero especialmente os máis pequenos, coñezan a historia da súa localidade, é un reto que persegue Antonio Sixto, un estudoso da parroquia focega de Nois que o xoves imparte unha charla no centro social A Saira, previa ao roteiro que terá lugar o sábado promovido por A Pomba do Arco. «Un roteiro que xa fixen cos escolares de quinto e sexto de Fondo Nois, dos que poucos sabían que houbera dúas fábricas de salazón ou coñecían as partes dun cabozo, pero saben moitas cousas de fóra», recorda.

Sixto falará a partir das oito e media da tarde ante un auditorio ao que descubrirá o pasado da localidade en relación co nome dos lugares. Así, explicará a súa importancia como porto baleeiro no século XVI, do que quedan testemuñas como A Pena da Balea ou Cabanas. Esta pesquería florecente deu en crear o porto baleeiro de mans da familia Moscoso, cuxa sucesión é o actual Conde de Fontao, e entre cuxas primeiras tripulacións había mariñeiros de orixe vasca, con apelidos como Legaspi ou Bengoetxea, que aínda fican a día de hoxe en Nois. Na localidade funcionaron tamén dúas fábricas de salazón, o que dá conta da importancia do seu pasado pesqueiro.

Tamén será unha sorpresa para moitos descubrir a importante actividade vitivinícola que tivo Nois a finais do XIX, da que quedan restos en topónimos como Viña Vella, Viña Cha ou Viñas ou a Casa das Covas; ou coñecer a lenda que deu orixe á capela das Flores, que se levantou na zona onde chegaron os santos que estaban na capela de Brea e que foi arrasada por unha riada.

Outra das curiosidades é que os lindes da parroquia se manteñen inalterables dende o século XVII, do que son aínda un exemplo as testadas coa veciña parroquia de Fazouro nos lugares de Perillán, Coto do Castrillón, Coto de Aguieira ou Chao de Texeira. Tamén explicará como os topónimos en lingua galega subsistiron durante longos periodos, como é o caso de San Xiao de Nois, xentilicio que perviviu ata o XVII en que foi substituído polo de San Xulián.

Comentarios