O Concello da Fonsagrada deberá readmitir o persoal despedido do GES

Catro sentenzas do xulgado do Social 3 de Lugo consideran nulos os despedimentos. Outros seis traballadores presentaron demandas similares, pendentes de resolución

O Concello da Fonsagrada deberá readmitir a catro traballadores pertencentes ao desaparecido Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), que foron despedidos en agosto pasado por medio dun expediente de regulación de emprego (Ere). O xulgado do Social número 3 de Lugo acaba de emitir catro sentenzas nas que considera nulos os despedimentos doutros tantos traballadores e obriga ao Concello a reincorporalos en idénticas condicións ás que ostentaban e a abonarlles os salarios que deixaron de percibir desde que foron despedidos, o 29 de agosto pasado.

Estas catro sentenzas son as primeiras resolucións xudiciais sobre este caso, pero previsiblemente non serán as últimas, pois outros seis traballadores afectados polo Ere presentaron demandas similares que están pendentes de xuízo. O Concello da Fonsagrada formulou o Ere baseándose en causas económicas, organizativas e produtivas, pero a xuíza conclúe que non están xustificadas.

ANTECEDENTES. A odisea do GES da Fonsagrada comezou en decembro de 2015, cando o Concello decidiu non renovar os contratos dos traballadores. Estes iniciaron procedementos xudiciais en contra desta decisión e as sentenzas déronlles a razón. Coincidiron en que a súa contratación temporal era fraudulenta, que polos labores encomendados debería ter sido indefinida e que o procedemento para despedilos fora incorrecto. O Concello da Fonsagrada viuse obrigado a readmitilos.

Pouco durou a paz, pois nada máis incorporarse aos seus postos, o Concello iniciou un Ere para despedilos de novo. Dez dos afectados presentaron demandas de nulidade e catro dos procedementos, os dependentes do xulgado do Social número 3 de Lugo, acaban de concluír con sentenzas favorables aos traballadores.

A xuíza considera que a insuficiencia orzamentaria que argumenta o Concello para formular o Ere non está debidamente acreditada e puntualiza que manter o servizo do GES non suporía un desequilibrio económico porque a Xunta e a Deputación asumen os gastos.

Tamén constata que o Concello da Fonsagrada contratou a dúas persoas para realizar labores similares ás encomendadas aos traballadores despedidos, polo que a xuíza entende que houbo discriminación ao decidir a quen despedir sen especificar a causa. Esta discriminación é tamén causa de nulidade dos despedimentos.

En base a estas catro sentenzas, o Concello da Fonsagrada deberá repoñer os traballadores nos seus postos e pagarlles os salarios adeudados desde o 29 de agosto pasado a razón de 42,37 euros diarios.

Nestes momentos, A Fonsagrada xa non ten GES, pois o Concello decidiu prescindir del e renunciou a asinar o convenio de financiamento coa Xunta e a Deputación, polo que os operarios non poderán voltar exactamente aos postos que tiñan. En todo caso, as distintas sentenzas xudiciais emitidas ata o momento consideran que son traballadores indefinidos do Concello da Fonsagrada, que é o único condenado a recolocalos.

O GES que lle correspondía a esta zona da montaña lucense ten agora sede en Baleira, aínda que de momento non comezou a operar e non conta aínda con persoal específico.

Comentarios