Lara Méndez: "En 2019? Véxome na alcaldía, os proxectos son a medio prazo"

A punto de cumprir dous anos á fronte do Concello de Lugo, Méndez fai balance. Di que as dificultades son moitas e que o traballo tarda en verse, e admite algúns erros, pero confía en poder presentar resultados en 2019
Lara Méndez, co Concello de fondo
photo_camera Lara Méndez, co Concello de fondo

A punto de cumprir dous anos no Concello, que balance fai?
Non pode ser outro que moi positivo. Intenso, con moitas dificultades, é bo dicilo, porque é a realidade, a xestión da pluralidade é moito máis complexa e require de experiencia, que se vai cumprindo. Un exemplo: máis do 50% dos acordos de pleno tomáronse por unanimidade, aprobamos 39 ordenanzas... Creo que se fixo un traballo moi importante, construíndo un modelo de cidade e conseguindo os fondos para executalo. O que nos toca agora é cumprir esas expectativas que estamos xerando. É certo que non teremos capacidade de executar todos os fondos en dous anos. Son proxectos a medio e longo prazo. Queremos seguir executando esa transformación da cidade que supuxo o Urban no casco histórico (con 13 millóns en oito anos) máis aló deste, nos barrios.

Cre que a cidadanía percibe ese traballo?
Non, porque a xente percibe o traballo cando se visualiza. Aqueles que coñecen máis a administración si saben dese traballo, pero o resto igual non tanto. Aí tamén está o labor do goberno de facerllo chegar. Por exemplo, o desdobramento de Duquesa de Lugo verase cando comecen as obras. Pero iso significa que non se estivera facendo un traballo? Houbo que buscar financiamento, que se acadou a través da Deputación; agora estase traballando para dispoñer dos terreos, algúns de particulares, outros de unidades de actuación... Leva tempo.

A composición da corporación dificulta a gobernabilidade, pero non hai lugar a algunha autocrítica? Ás veces o goberno non peca de confiado? Por exemplo, levando asuntos ao pleno sen negociar.
Sempre apelamos á responsabilidade, e iso é cousa de todos, dos que estamos no goberno e da oposición. E ao mellor hai cousas tan incomprensibles como que se opoñan a liberar crédito para pagar facturas. Poderiamos dicir, equivocámonos, teriamos que ter falado primeiro coa oposición e despois levalo ao pleno —sempre se comenta, pero poderíase ter feito unha negociación máis a fondo—, pero vemos que cando facemos eses encontros para falar de darlle unha solución aos problemas, con algúns grupos funciona pero con outros non, porque é o non polo non. Vímolo co PP. Tamén é certo que se traballa a veces por hábitos adquiridos. Nunca a oposición se opuxera á liberación de crédito, agás hai uns anos o PP nun caso excepcional que estaba xustificado. Co cal demos por feito, sobreentendemos, que o comportamento ía ser o mesmo.

Atasco nos contratos
"A escaseza de persoal, as macroáreas, a excesiva xudicialización e a inexperiencia inflúen na situación dos contratos"  


Pero se vostede mesmo é a primeira que di que a corporación cambiou moito.
Aí a autocrítica. Ao mellor ás veces dámos por feito cousas, por como foi noutras ocasións. Demos por feito que oposición se ía abster. Porque, en todo caso, a que levanta reparos en caso de habelos é a alcaldesa. Pero vimos como ao final é o non polo non, é unha oposición destrutiva, que non mira polo ben da cidadanía. Primeiro porque non había bloques, despois porque había tres e non catro, despois unhas fascturas si e outras non, de xeito arbitrario.

Arbitrario non. Alega deficiencias na tramitación de gastos e contratos caducados.
Pero que haxa un erro no procedemento, a veces provocado por situacións sobrevidas, significa que o servizo non está ben dado? Que non estamos obrigados a pagar? Cando iso o permitiron sempre. Algúns dos contratos son de 2011, puideron poñer solución antes.

A crítica fana dende 2011.
Si, pero non aportaron nada para darlle solución, porque puideron presionar en Madrid para que aqueles concellos con contas saneadas puidéramos contratar persoas, porque temos a administración estrangulada. E por que? Porque aquí nunca se fixo un sobredimensionamento dos servizos, sempre se foi moi respectuoso co capítulo 1. A consecuencia dese bo traballo, que nos permitiu non estar endebedados, máis aló dos límites normais, é o castigo.

Non se sobredimensionou, pero tampouco se convocaron as prazas que a lei permitía.
Esa é outra realidade.

Tralo problema das facturas subxace, entre outros, o dos contratos caducados. Houbo avances nalgúns, pero outros están igual dende hai anos e vanse sumando máis. Que explicación ten?
A falta de persoal, a excesiva xudicialización... Antes o técnico asumía o exercicio dunha función e agora quere escoitar outras opinións. Pero claro, ao pedir opinión a alguén que non é experto na materia, primeiro tense que empapar de que contrato é, que requerimentos necesita... A maiores, ao mellor ante a dúbida que se pode xerar, pedimos un informe externo. Tamén hai cambios de normativa... Cada contrato ten a súa particularidade. E moitos saen dos mesmos servizos. Ao mellor estás facendo un informe para un e tes que parar porque chegou outra cousa que urxe, porque se acaba un prazo... Tamén é certo que a capacidade dun concelleiro que non tiña contacto coa administración de impulsar un expediente non é a mesma agora que hai dous anos, porque ademais nalgún caso temos macroáreas, como é o caso de urbanismo, medio ambiente e persoal.

Con todas esas dificultades, non barallan contratar o traballo fóra?
Barallamos todas as opcións, porque aínda que o PSOE cre nos servizos púbicos, a realidade é a que é, e a nosa finalidade é darlle solución aos problemas da xente como boamente poidamos. Se hai que sacar algunha contratación fóra faise, pero dos contratos que estamos a falar, os máis enquistados, están nun proceso dende hai moitos anos, hai un traballo feito que hai que finalizar. Non tería sentido agora contratalo fóra.

Pacto do goberno
"Para chegar a acordo teñen que querer os dous. Nós queremos sentarnos a falar, pero como quixemos sempre"


A maneira en que se afrontou a negociación dos orzamentos é unha desas situacións que dán a sensación de que o goberno non é consciente da minoría que ten.
É moi consciente. Se me sento nunha mesa é coa vontade de chegar a acordos. Pero se saímos todos con esa vontade e despois non somos capaces de defender un acordo ao que chegamos [alude a Lugonovo], iso xa non é culpa do goberno. Tamén hai que esixirlle responsabilidade á oposición.

Pero o goberno sabe como funciona Lugonovo e fiouno todo a el.
Non, eu senteime tamén co PP.

In extremis.
In extremis non. Fomos cerrando etapas. E é certo que este ano empezamos algo máis tarde porque estabamos pendente doutro tema que estaba vinculado, a RPT, e se foi enquistando.

En que fase está a RPT? Cal e cando será o próximo paso?
Todos sabiamos que non ía ser un proceso fácil, rápido, nin a gusto de todos. É un proceso regrado. Primeiro buscamos un acordo sindical o máis amplo posible na mesa de negociación. Despois pasou por distintos servizos. Agora estamos pendentes duns datos de Persoal para poder ter o informe de Intervención. Se o informe é favorable, o seguinte paso é elevar o documento a xunta de goberno. Se non, haberá que volver á mesa de negociación para adaptar as disfuncións que poida ter.

A conflitividade laboral que provocou este asunto afecta ao funcionamento do Concello?
Hai disparidade de criterios e un malestar evidente, pero dicir que afecta é tanto como dicir que os funcionarios non son profesionais nin responsables do seu traballo e que paralizan a función pública por aprobar un documento que lles afecta a eles. Eu iso non o digo nin o comparto nin o creo.

Hai quen cre que a relativa paz sindical dos últimos tempos custa cartos aos lucenses, polo acordo da RPT, polas horas extras...
De momento cobran o mesmo, e as horas extraordinarias e reforzos aumentan porque temos unha administración asfixiada. Para cumprir a ratio europea de bombeiros teriamos que ter 98 e estamos en 41, un 50% menos. Se non teño capacidade para contratar terei que reforzar porque o que non vou facer é deixar o servizo descuberto, porque se teño que lamentar unha soa desgraza por iso... Esa non vai ser unha decisión deste goberno.

Proxectos
"Queremos levar a peonalización fóra do casco histórico, por exemplo, á rúa Milagrosa, arredor da Praza"

A mobilidade na cidade complicouse trala supresión da Ora e a falta de alternativas. Veremos algún cambio pronto?
Para nós a mobilidade é fundamental. O noso obxectivo é poñer o peón como protagonista de todas as accións. Anunciamos medidas que aínda non puidemos aplicar, porque a falta de orzamentos limita, e aí volvemos a apelar á responsabilidade dos grupos. Ata agora fíxose un traballo de poñer en valor e humanizar o casco histórico. Nós queremos seguir polos barrios, levar a peonalización a outros lugares da cidade, como á Milagrosa, ao tramo da rúa Milagrosa que rodea a praza.

Para que o peón teña prioridade sobre o coche nunha cidade como Lugo falta moito, dende cambio de mentalidade e alternativas ao coche, e ata agora, a realidade é que a mobilidade empeorou.
Que leve un tempo e non se vexan resultados ata medio ou longo prazo non pode ser un motivo para non facelo, ou polo menos este goberno non vai ser cortoplacista, porque pode ser moi efectivo para unhas eleccións, pero non é efectivo nin bo para a cidade. Fomos facendo cousas que de momento parecen illadas e non cohesionadas, pero non é certo, e cando se vexan na súa totalidade veranse doutro xeito. Un exemplo: coa Ronda a 30 xa hai menos tránsito, menos contaminación ambiental e acústica e menos vibracións para o noso patrimonio da humanidade. Tamén imos revisar os recorridos do tráfico no recinto histórico e os accesos.

Onde se ve Lara Méndez en 2019?
Na alcaldía.

Repetirá, entón?
[Silencio] Agora mesmo véxome en Lugo, ao lado dos meus veciños. Os proxectos son a medio e longo prazo, quero ver o resultado do traballo que estamos facendo, aínda que tampouco vai ser algo de catro ou oito anos.

Comentarios