de actualidad
Leo Messi Leo Messi
► RAMÓN GONZÁLEZ REY 
Votacion: 
No hay votos
0

"Erguínme esta mañá..."

Explotados nas plantacións, esquecidos nas catástrofes do primeiro terzo do século XX, os negros do Estado de Mississippi ficaron á marxe do 'soño americano'. Da súa dor e vontade de resistencia xurdiu o blues do Delta

.

.

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

O MÁIS interesante das loitas de América é a batalla dun mesmo por liberarse dos límites cos que naceu", escribiu Greil Marcus en Mystery train. "Ser americano é ter o convencemento de que sempre podes acadar o que queres, e de que se non o consegues, merécelo igual. Ser americano é sentir esa promesa como un dereito de berce, e sentirte só e obsesionarte cando a promesa se esvaece", rematou. Nas primeiras décadas do século XX, ninguén tiña máis motivos para sentirse traizoado pola quimera do 'soño americano' que os mouros do estado de Mississippi. No 1942, nunha das granxas da rexión, un rapaz apañou nun só día 480 libras de algodón. A fibra era abonda para xerar un beneficio millonario, pero só cobrou dous dólares polo seu traballo. O mozo era B. B. King. Da decepción do engano e da vontade de pelexar malia a derrota brotou unha arte que cambiou a música popular, o blues do Delta.

O blues do Delta do Mississippi —aínda que o nome se refire en realidade a unha planicie aluvial que vai de Vicksburg a Memphis— é unha música tan apegada á terra que para coñecela houbo que cavar. Unha das primeiras evidencias do xénero deriva dunha cata arqueolóxica. No 1901, Charles Peabody recrutou para unha escavación en Coahoma County un grupo de traballadores negros. Co paso das semanas, o arqueólogo estaba máis intrigado polas cancións que interpretaban aqueles obreiros durante os descansos ca polo que había baixo o solo. Ao rematar as tarefas, o científico deixou unhas notas para que alguén afondase no estudo do estilo. "Os homes usan guitarras", escribiu, "pero apenas utilizan tres acordes. Hai estrañas alteracións no ton", proseguiu, "e as pezas falan da mala sorte". Unha noite pediulle ao operario máis vello que cantase. "Soaba monótono e raro", describiu Peabody. O ancián semellaba botar pola boca "todas as penas para fóra".

"Erguinme esta mañá" é a liña coa que comezan ducias de cancións de blues. Anuncia un estado mental marcado pola pobreza e a represión, coma se o pesadelo comezase coas luces do día. O xénero xurdiu nas plantacións e nos cárceres, impulsado por campesiños que só se podían permitir unha guitarra destartalada e que utilizaban o corpo como instrumento —asubiaban, batían cos pés no chan, daban palmas—. A carencia de medios define boa parte das súas características, como a repetición dos versos. Ao cantar sen banda, os propios intérpretes tiñan que facer os coros, a chamada e resposta. A sensibilidade é inequivocamente africana. O ‘feeling’, a inmersión na música á procura dun ritmo, prevalece sobre a metódica interpretación occidental. Pero o blues é unha arte norteamericana, froito da vida no sur dos Estados Unidos.

Aquel xénero misterioso agromou ao tempo que os descendentes dos escravos amontoaban penas que botar


Aquel xénero misterioso agromou ao tempo que os descendentes dos escravos africanos amontoaban penas que botar fóra. Na primavera do 1927, a inundación do Mississippi deixou sen fogar 600.000 persoas. Mentres a poboación branca fuxía da rexión, os negros ficaron á mercé do río. En Greensville, o Goberno quixo levar as vítimas a un refuxio en Vicksburg, pero os propietarios das plantacións negáronlles a axuda aos seus obreiros ao temer que non volvesen a traballar para eles. Noutros casos, os afroamericanos foron obrigados a punta de pistola a levantar diques que tentasen conter a forza da auga. Unhas semanas antes do Crack do 29, un coxo dun metro e setenta centímetros entrou no estudo para gravar con Paramount. Acompañado da súa guitarra e cunha voz de xigante, abrasiva como a lixa, Charley Patton cargou contra os elementos. "Señor, esta terra está anegada", canta e repite, coma se aínda sentise o frío daquelas noites á intemperie. Pero a filípica do home contra a natureza —ou contra Deus— vira nun intre sutil, furtivo. "Marcharía cara á montaña, pero téñenmo prohibido", espeta o intérprete, e nun verso resume a traxedia da súa raza.

Patton acumulara méritos para ser considerado o pioneiro do blues do Delta. Era un transgresor —nos anos 20 gravara temas de contido sexual ou sobre a adicción á cocaína—, mais ata daquela non fora quen de facer dunha canción unha crónica do seu tempo. O que sabemos del desmitifica a idea do músico de blues como un crooner atormentado. Sedutor, borrachón, cantaba nas festas e utilizaba os trucos —como tocar de costas— que despois faría Jimi Hendrix. Pero malia disfrazarse de entretedor, Patton era un artista, un tipo capaz de poñer o ser humano diante do espello. No 1934, uns meses antes de morrer, rexistrou coa súa muller unha peza, Oh Death (Oh morte), na que confesa que o final está preto. "Silencio, hai alguén que me chama", canta cunha voz rota pola bronquite. "Silencio, hai alguén que me chama", repite Bertha Lee. Hai un momento no que a cantante se despega das palabras do seu home, coma se el tivese entrado no limbo. "Silencio, hai alguén que te chama", entoa, e un non sabe se apela ao seu esposo ou ao propio ouvinte, que algún día escoitará a mesma chamada.

Patton indicoulles o camiño a unha primeira fornada de artistas que só ficou ensombrecida pola crise das discográficas, tras o Crack do 29. Ese ano, Son House saíu da prisión de Parchman —asasinato— para dotar o pagano blues do Delta dunha intensidade devota. Logo de escoitar Death Letter Blues, a voz e as cordas, as de calquera, soan notariais. Skip James elevou o nivel compositivo do xénero. En Hard Time Killin' Floor Blues retrata a Gran Depresión en catro versos: "Tempos difíciles, onde queira que vaias,/ os máis difíciles de sempre./ A xente anda de porta en porta sen atopar un ceo,/ non importa onde peten". Poñer Devil Got My Woman é adentrarse nun deserto. O timbre escuálido do artista é como un vento árido que asubía a historia dun amante despeitado. "Debeu ser o demo o que cambiou a miña muller", canta. Ás veces, as donas rexeitan o papel de secundarias e de malas da película. E son abondo conscientes de si mesmas como para escribir algo como Last Kind Words, de Geeshey Wiley: "Miña nai díxome, xusto antes de morrer,/ preciosa filla, máis vale non saber".

Pero o artista que transformou o folclore rural de Mississippi nunha arte comercial foi Robert Johnson. A lenda conta que Johnson, un guitarrista mediano, reapareceu logo duns meses convertido nun mestre do instrumento. A fábula atribúe a súa rápida melloría a un pacto co demo, que se cobraría o prezo cando o músico morreu envelenado por un marido celoso. O artista foi o primeiro en propagar o mito, sabedor da importancia de forxar un personaxe para acadar o éxito e coñecedor da mala prensa do blues, que a xente ligaba a Satán. Cunha cultura musical superior á dos seus contemporáneos, Johnson profesionalizou o xénero e preparouno para a electrificación. A segunda gran quinta do Delta encargouse da tarefa. A achega de John Lee Hooker foi o ritmo. Muddy Waters afiou o estilo con banda en Chicago e reforzou a confianza dos negros cunhas pezas nas que presumía de semental. Nos anos 50, os brancos percibían como unha ameaza aquilo de "son un amante nato, son un home". Howlin' Wolf interpretou o blues cunha teatralidade lendaria. O resto é historia. "O blues tivo un fillo e chamouse rock and roll", dixo Waters, e dixo ben.

Os mestres do blues do Delta ocuparon os escenarios nos anos 60, cando o xénero foi recuperado como exemplo dunha autenticidade que a sociedade arelaba. Na última década do século XX e a primeira do XXI, co impulso de Kurt Cobain e Jack White, a música dos parias do sur dos Estados Unidos volveu ás portadas. Os musicólogos buscan teorías que expliquen a súa pegada nun tempo tan distante, nunha comunidade tan diferente. E falan de incomunicación, de soidade na era da información. Quizais sexa máis doado. "Non te preocupes se a xente se ri na túa cara", canta Son House, e apela ao sobrevivente que todos levamos dentro. "Canto pasará ata que poida cambiar as miñas roupas?", pregúntase Bukka White desde o 'caldeiro' de Parchman. E como a gran arte, o vello folclore de Mississippi vai directo ao corazón do ser humano, cargado co peso da vida, decidido a continuar.

Blues, la música del Mississippi

Cando Robert Johnson alcanzou o estrelato póstumo, e dadas as dificultades para atopar o lugar onde descansaban os seus restos —os negros eran soterrados sen marcas—, multiplicáronse os curas que coñecían a tumba do intérprete. "Os párrocos, graciosamente, pasaron por alto o feito de que o veciño máis famoso do seu cemiterio andara en tratos con Satán", conta Ted Gioia. En Blues: la música del Delta del Mississippi, o crítico estadounidense mestura a paixón pola música co desapego pola lenda, o rigor informativo cunha prosa lixeira e, en moitos momentos, deliciosa.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.