Efeméride con varias actividades

Unha historia de amor pola raqueta

O CT Muimenta celebra este sábado os 25 anos da súa constitución oficial como club

A amizade e fervente afección polo tenis que unía ás familias Rey-Stolle, Campo, Teijeiro, Crecente e Morán, que se coñeceron a través da práctica deste deporte nas pistas privadas das dúas primeiras e do teleclub de Bazar na década dos 70, foi a orixe da que hoxe é unha das entidades deportivas máis lonxevas e con máis bagaxe da comarca chairega, o Club de Tenis SD Muimenta, que conmemora o vindeiro día 17 os seus primeiros 25 anos de historia.

Os seus inicios únense en certa maneira cos do club de fútbol local, que naceu no 89 coa idea tamén de fomentar a práctica doutros deportes, especialmente o tenis, debido ao amor que lle tiña a este deporte o membro da directiva José Antonio Morán Puente.

Trala construción das pistas e a organización dos primeiros torneos de tenis, o CT Muimenta entrou a formar parte como club nas federacións galega e española o 5 de agosto de 1991. Ao ano seguinte, comezou a participar no campionato Galego por equipos, o cal xogou de maneira ininterrompida ata hoxe.

No 2010, o club chegou a ter tres equipos masculinos e un feminino e proclamouse campión galego na quinta categoría masculina. Dous anos despois, alcanzou a división de prata do tenis galego. Na actualidade, conta con dous conxuntos nesta competición e cunhas 60 familias como socios.

Ademais, a entidade organizou dende os seus inicios, aparte das ligas internas e cursos, uns 40 torneos, destacando o Open Hermo -nacido no 98 como Torneo de Verán e que recibe o nome actual en 2002-, un referente na provincia, contando posiblemente cos mellores trofeos de Galicia, realizados artesanalmente por María Novo, e polo que levan pasado máis de 500 xogadores de toda España.

Comentarios