A obra para ampliar o xeriátrico de Monterroso iniciarase esta semana

Servicios y Contratas S.L. é a empresa que se encargará de executar os traballos, que deberán estar rematados en menos de tres meses

A obra para ampliar o actual edificio das vivendas comunitarias de Monterroso para transformalo nun xeriátrico que ofreza tamén servizo a persoas dependentes iniciarase a finais desta semana, unha vez que os traballos xa foron licitados e que a empresa adxudicataria dos mesmos, Servizos e Contratas S.L., presente previsiblemente hoxe o correspondente plan de seguridade. "Despois xa só queda que a xunta de goberno aprobe definitivamente o proceso de licitación, co obxetivo de que entre mañá e o xoves os operarios poidan xa empezar a traballar", asegura o alcalde monterrosino, o independente Miguel Rico.

Os traballos, que estaban orzamentados en 250.000 euros, licitáronse finalmente por 202.479 e a empresa adxudicataria terá un prazo de menos de tres meses para telos rematados. Con esta actuación, a residencia monterrosina pasará das 18 prazas actuais a 24. Todas elas contarán, ademais, con habitacións individuais e estarán destinadas a persoas cun alto grao de dependencia.

O proxecto contempla a rehabilitación dun inmoble anexo ao edificio onde se sitúan as actuais vivendas comunitarias e que quedarán conectados entre si.

Precisamente, a construción deste xeriátrico, que leva aberto xa case tres anos, estivo chea de controversias desde practicamente os seus inicios. O proxecto foi unha aposta persoal do excalcalde socialista Antonio Gato, que tivo que superar numerosoas trabas administrativas.

Nas súas orixes o edificio fora proxectado para converterse nunha residencia de maiores, pero ao non lograr reunir as condicións arquitectónicas necesarias para poder atender a persoas dependentes acabou por converterse nunha vivenda comunitaria para persoas válidas.

ESCASA DEMANDA. En todo caso, a escasa demanda fixo que unha parte das prazas acabaran por destinarse a persoas con altos graos de dependencia, o que mesmo motivou algún expediente sanciador por parte da Xunta.

Esa primeira fase da residencia monterrosina foi financiada con 442.000 euros procedentes do Plan E, posto en marcha polo último Goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero. Aquela actuación consistiu no reacondicionamiento dos antigos pisos dos profesores, mentres que a Deputación Provincial asumiu o custo do mobiliario e o equipamento das instalacións.

Comentarios