As melodías enchen de luz e cor as rúas da capital chairega

O primeiro Ciclo de Música na Praza inclúe once concertos doutras tantas agrupacións. A área de cultura organiza esta iniciativa, que agrada moito a intérpretes e veciños

O verán en Vilalba xa non será igual. Dende a área de cultura, que dirixe o concelleiro José Antonio Pita, decidiron promover un ciclo de música que encherá de luz e cor as principais rúas e prazas da vila durante a época estival, unha proposta que chega coa intención de quedarse, e que agrada moito aos intérpretes e tamén aos veciños.

É un xeito de sacar á luz o traballo que desenvolven alumnos e mestres do conservatorio municipal de Vilalba entre catro paredes. Un modo, ao fin, de dar pulo a unha disciplina artística que está moito máis denostada do que aos músicos lles gustaría.

Por iso, todos os que participan nesta primeira edición confirman que se trata dunha iniciativa «moi interesante». Así o constata, por exemplo, Alejandra Vázquez, a presidenta da Banda de Vilalba. «Estamos moi contentos con esta proposta, xa que é unha forma de achegar a música á xente e facerlles ver o traballo que estamos realizando», di a moza.

É un parecer que comparten cada un dos intérpretes que conforman as once agrupacións que actuaron -xa houbo dous concertos, de Pizzicato Trío e do dúo Pravarel- ou actuarán nas vindeiras semanas ou meses.

Marta Prado, de Pravarel, ademais de afirmar que esta é «un boa iniciativa», confirma que o xerme desta proposta naceu da man dun concerto que o seu dúo deu o pasado verán na Rúa Basanta Silva.

«A Pita gustoulle moito e decidiu facer o ciclo. Para nós é estupendo, aínda que tocar no exterior é distinto, hai que elixir os instrumentos, hai outra sonoridade», enumera a percusionista, que gozou hai apenas uns días dunha nova oportunidade de amosar o seu traballo na Praza de San Xoán.

Nas vindeiras semanas serán outros os que terán ese contacto co público, moito máis directo que en calquera escenario ou auditorio. «O de tocar na rúa paréceme estupendo. É importante sacar a música deses sitios reducidos e sen que teña que haber unha festa», di Marisa Dapereira, mestra na escola municipal de Meira e integrante do Cuarteto en A e Tango en Xan3iro.

O seu compañeiro Bruno Villamor comparte esa filosofía e, ademais, engade que este ciclo é un xeito marabilloso de que «a xente poida valorar o que facemos», di un músico que tamén participará neste iniciativa con A Vabagán, un grupo de ritmos tradicionais moi sorprendentes.

«Que se vexa o que fai a xente de Vilalba é unha das cuestións máis positivas deste ciclo», di Pablo del Valle, membro de AproyecT, un trío que naceu precisamente da man desta actividade.

Non é o caso do Cuarteto Divertimento, que leva 20 anos sobre os escenarios:«Ogallá haxa máis actividades coma esta», pide Jorge García Porral, mentres outro Jorge, este de Skirion, augura que este será «o primeiro de moitos ciclos».

Un desexo que comparten os mozos de Pizzicato Trío, e tamén de Tuba e Dálle, que esperan que isto sirva «para desmontar que a música clásica é pesada e aburrida», din ao unísono Carmen Mato e Silvia López.

O cuarteto Castelao, con algo máis de experiencia nas súas costas, defende a mesma idea que os máis novos. «Esta é unha proposta interesante de dinamización cultural», di Rodrigo Tubío, á espera, igual que o resto de músicos que pasarán á historia por formar parte deste ciclo, de que esta iniciativa sexa un éxito.

Comentarios