Guadi Galego, Nao, Raiba e Os Amigos dos Músicos, no Festigal 2017

O festival celebrarase o 24 e o 25 de xullo no campus sur de Santiago

A XVI edición do FestiGal levará ao campus sur de Santiago a artistas como Guadi Gallego, Nao, Raiba, Os Amigos dos Músicos e Son da Rúa para, que actuarán na véspera do Día da Patria Galega para reivindicar "un país normalizado neste espazo político, social, musical e cultural".

Tania Ameneiro, da Fundación Galiza Sempre, anunciou este martes as bandas participantes e agradeceu ao voluntariado que traballa na organización do FestiGal e ao autor do cartel deste ano, Leandro Lamas.

A xornada do 24 de xullo comezará cunha sesión de DJ con Bigote Mix, Son da Rúa, Os Amigos dos Músicos, Guadi Gallego, Nao, como banda de referencia do rock galego, e Raiba, que traerá o seu último disco, Marxinación. Alberte Fernández, de Galiza Nova, explicou que os gañadores do concurso Novos Valores, Son da Rúa, participaron co tema en ton humorístico O galego non mola, para denunciar a situación deste idioma.

Para o 25 de xullo, os responsables do FestiGal realizan unha aposta en feminino no café concerto cunha exhibición de regueifeiras por cortesía da asociación Oral. O punto máis cómico e desenfadado virá da man de Isabel Risco, co seu espectáculo Nabiza Girl.

No apartado musical, o público poderá descubrir o proxecto de Áureas En Voga, un concerto-espectáculo deseñado para viaxar ás músicas dos anos 20. A proposta terminará coas voces das Tanxugueiras.

Comentarios