A risa de Abel Caballero

Un artista cobra por transformar unha dependencia do Marco de Vigo nunha habitación de hotel. O nome técnico e ridículo do proxecto que artellou o xaponés Michael Lin é ‘instalación’...

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

IMAXE É de 2011. Un artista cobra por transformar unha dependencia do Museo de Arte Contemporánea (Marco) de Vigo nunha habitación de hotel. O nome técnico e ridículo do proxecto que artellou o xaponés Michael Lin é ‘instalación’. O cambio de uso vén ornamentado desa retórica que xustifica e explica as obras baleiras. Antes, os artistas triunfadores amosaban técnica e oficio; agora, abonda cunha idea impactante.

Na fotografía de 2011 vemos ao alcalde Vigo, Abel Caballero convidado á inauguración. Como foi el quen habilitou a partida dos fondos públicos, considérase autorizado para calquera ocorrencia. Caballero déitase na cama deseñada por Michael Lin con soberbia e gargallada solta. A idea de dar almofada e cruasán nun centro artístico cáusalle unha graza de partirse a columna vertebral. O rexedor non dá parado de escarallarse porque hai dous colaboradores que lle quitan fotos cos seus móbiles. Non pode defraudar a súa submisión de ambos cara á súa autoridade.

Pérgamo foi unha gran cidade helena. Competía con Atenas en demografía e economía, e quixo competir tamén no ámbito da arte. O Altar de Pérgamo —expoliado en Berlín— responde a ese xeito axitado e violento de representación co que trataron de superar o clasicismo atenense,pousado e elegante. Mandado construír por Eumenes II, o altar conta unha xigantomaquia, unha batalla de deuses contra xigantes na que trunfou Télefo. Eumenes era máis prudente que Abel Caballero e deixou facer os artistas sen humillalos. Os escultores contaron o combate nun relevo. Para diferenzarse da escola de Atenas, non sitúan a escena na altura do friso; senón abaixo, nun rodapé. Buscaban marabillar coa súa arte ao pobo.

Un trío de profesores das tres universidades galegas vén expresar a súa preocupación polo centro de arte vigués no escrito Non sabemos que vai ser do Marco. Temen polo futuro daentidade, que leva meses sen director por mor da dimisión de Iñaki Martínez Antelo. Pregúntanse "que implican as palabras do alcalde, de que se vai cambiar a fondo o proxecto do museo, para que sexa 'adecuado a las demandas de Vigo'?".

O día no que o alcalde de Vigo se escarallou dunha obra de arte empezou o declive da arte galega


Abel Caballero fala tan claro que ata se lle escoitan as comas e os parénteses. Se mo permiten os autores do escrito, podo darlles pistas. A política é unha ciencia contable. Ao alcalde impórtalle a cantidade de xente que entra no Marco, pero non se os visitantes comprenden ou disfrutan. O trío docente recorda que "un museo é un centro dedicado á investigación, defensa do patrimonio e divulgación". Incide en que "a solución non pasa por cambiar o proxecto de museo e producir exposicións baratas e ‘bonitas’, do gusto popular, que nada aportan a nivel de investigación sobre a creación e os procesos artísticos actuais". Imaxino a Abel Caballero lendo o seu texto. "Non hai máis verdade que o presente", sentenza François Sarkozy no libro de Yasmina Reza El alba la tarde o la noche (Anagrama).

Os escultores de Pérgamo non permitiron que Eumenes II se burlase do seu traballo. O responsable do Marco no ano 2011, Martínez Antelo, consentiu ao alcalde que deixase en evidencia unha obra de arte, aínda que fose unha cama exaltada cun discurso artístico. As camas de hotel son anónimas, pero esa cama concreta tiña autor coñecido. Se a autoridade do museo renuncia dese xeito á dignidade, como pensaba que ía reaccionar o alcalde?

Os asinantes do escrito cometen o erro de asumir a concepción da cultura que teñen os políticos. Lamentan que os recoñecementos logrados polo Marco non se correspondan "coa asistencia ás actividades programadas", que cifran en 80.000 persoas no ano pasado, "sobre todo, se ten en conta a localización do edificio, no centro da cidade". Como non se vai sentir reforzado Abel Caballero? Xogan no seu campo e, nel, o alcalde gaña porque é máis hábil. O nivel expositivo en Galicia baixou notoriamente —exclúo o Museo de Pontevedra— porque os representantes públicos perderon o respecto pola cultura. Atrévense a planificar en función das expectativas de asistentes. Os máis prudentes déixanse arrastrar polo criterio dalgún deses artistas mediocres que frecuentan as inauguracións para buscar o favor gobernante.

Télefo foi ferido por Aquiles. Botou oito anos laiándose porque a ferida non pechaba. Decidiu consultar ao Oráculo de Delfos. Soubo que municamente o propio Aquiles podería curalo. Vestiuse de mendigo e foi camiñando ata Áulide, onda o seu agresor. Tivo que entregar a súa dignidade a cambio da curación. Os creadores que teñen un discurso de seu e que contan con técnica e oficio para desenvolvelo están sometidos ao capricho dos xestores políticos e dos artistas de cámara, que logran máis nos convites que nos obradoiros.

A palabra ‘nostalxia’ fai referencia, en grego, á dor causada por unha vella ferida. Nostalxia, é o sentimento que me provocan os tempos, tan helénicos, en que os representantes públicos deixaban facer os expertos. Boto en falla aqueles políticos conscientes das súas posibilidades. Na crónica de Yasmina Reza, Sarkozy confesa: "Algún día escribirei un libro no que falarei como non puiden facelo cando tiña ambición".

Comentarios