Alberto Giacometti, brando e eterno

Poucas obras fixeron dende a escultura unha reflexión tan fascinante coma perturbadora, o que alimentou o interese do público por unha obra na que se aprecia ese gume...

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

Poucas obras fixeron dende a escultura unha reflexión tan fascinante coma perturbadora, o que alimentou o interese do público por unha obra na que se aprecia ese gume da xenialidade capaz de construír un universo singular que hoxe en día arrasa nas subastas de arte. Ese universo é o que protagoniza a maior retrospectiva da obra de Alberto Giacometti en vinte anos, enchendo varias salas da Tate Modern con máis de 250 obras, moitas delas inéditas, e nas que toman un destacado protagonismo escaiolas, cadernos e debuxos, isto é, obras nas que a súa condición de febleza, que xorde deses materiais e soportes, e que claramente contrastan coa importante obra en bronce do escultor suízo, dándolle a esta mostra un carácter de descuberta, de análise dunha parte do seu traballo, non de todo analizado, que é o que está detrás da proposta da dirección da institución británica.

É paradóxico como Londres se achega nesta mostra ao ser humano, como no medio do fanatismo e o medo que se vive na cidade estas semanas xorde un espazo como este para entender, non só as posibilidades de creación do ser humano, senón a marabilla que é integrar na arte diferentes sensibilidades procedentes de culturas ben diferentes. Nas pezas de Giacometti o home móvese dentro dese existencialismo necesario tras a deriva moral que xorde da Segunda Guerra Mundial, do nazismo, da dor e da perda, e todo iso plásmase nas súas figuras que teñen moito de inspiración nas culturas primitivas, daquela arte exipcia que engaiolou a un mozo de vinte anos que paseaba polo Louvre coa boca aberta. A aquel París chegou Alberto Giacometti a integrarse naquela paixase irrepetíbel dos anos vinte, adentrándose no surrealismo cunhas esculturas con movemento, pero tamén a coñecer o amor, o amor da súa muller Annette, que tantas veces lle serviu de modelo nun taller, que, como o de todos estes creadores, converteuse nun recinto mítico.

Dese estudio xorden moitas das pezas que se amosan nesta exposición nas que, fronte aos seus bronces, moito máis coñecidos, reclaman un lugar na historia pezas en escaiola e xeso, que amosan un paso máis nesa sensación liviá de toda a súa traxectoria, unha fraxilidade que deixa a figura humana no esencial, no que se recoñece a pegada do escultor, dese artista que con cada peza se medía ao propio ser humano e a súa realidade, a un tempo de angustia e desacougo, con Sartre invadindo París e a filosofía coas súas ideas fundamentais no século XX, as mesmas que semellan prenderse da materia que Giacometti amoreaba sobre os finos arames nas que esa materia semella levedar.

Pero xunto a esa profundidade da materia, asoma outra percepción no traballo de Alberto Giacometti que o achega máis as rúas, á vida cotiá e á propia condición humana chea de incertezas. Alberto Giacometti coñeceu nese París da bohemia a unha prostituta, Caroline, da que deseguida queda engaiolado converténdoa en amante e modelo ata o final dos seus días. Esa historia é recollida nun pequeno gran libro, publicado o pasado ano, de Franck Maubert, ‘La última modelo’ editado por Acantilado, nel se relata no só como foi a súa historia, senón a loita do artista no estudo por achegarse a reflectir o ser humano, como esa modelo pasaba horas e horas mirando cara un artista que se amosaba incapaz de reflectila, de acadar o que el consideraba debía protagonizar o seu retrato. Un deses retratos colga das paredes desta exposición, é a presenza daquela muller que reviviu ao artista e ao home, que se entregou a el e cuxa memoria mantivo no seu interior ata o fin dos seus días, como se recolle nese libro.

Aquel home que semellaba dormir todos os días co traxe que levaba posto, tamén se movía polo mundo co pó pegado a súa chaqueta dese xeso que no estudio conformou parte da súa obra máis vencellada á vida do que podamos pensar. Na mostra tamén atopamos un can en bronce que seduciu mesmo a Marlene Dietrich que tentou ter unha aventura con Giacometti, el rexeitouna porque estaba con Caroline, a muller de longo pescozo e as mans cruzadas sobre as pernas, cuxo retrato forma parte tamén desta mostra, como as súas impoñentes mulleres de Venecia nas que o material semella que vai esmorecer pero en cambio, o milagre da arte, volve a dotar a esas figuras dunha eternidade engaiolante. Vaian a Londres, móvanse entre as esculturas de Giacometti e lean o libro de Maubert, a súa condición humana verase fortalecida.

Comentarios