Blanco: "Noutras cidades europeas ao Carme daríaselle moito valor"

Está mesma semana exporá nun seminario internacional en Plymouth (Reino Unido), xunto co profesor Uxío Otero, distintas experiencias e propostas do Máster de Actividades Educativas na Natureza da USC, un posgrao único en España e en todo o sur europeo
Vicente Blanco, co barrio do Carme ao fondo
photo_camera Vicente Blanco, co barrio do Carme ao fondo

VICENTE BLANCO estará a partir do mércores no seminario internacional que organiza o Instituto de Educación en Aventura ao Aire Libre e Aprendizaxe Experimental (EOE), unha organización na que está integrada a facultade de Formación do Profesorado a través do Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza. No encontro, que este ano se desenvolve baixo o lema 'Atmosferas ao aire libre e narrativas: Conectar a mocidade ao mundo', Blanco presentará dous proxectos pensados para o barrio do Carme e a lagoa de Coeses.

Como será a súa participación no seminario da EOE?

Imos dous profesores: Uxío Otero e eu. Uxío vai presentar os traballos fin de máster que fan os estudantes. Este posgrao é o único desta liña na Península Ibérica e en todo o sur de Europa e no congreso participan sobre todo países nórdicos e centroeuropeos, que teñen moito interese por saber que estamos a facer aquí. Eu vou representando a materia que imparto, xunto co profesor Salvador Cidrás, sobre arte e natureza. Hai moitas formas de abordar a relación entre arte e natureza pero nós centrámonos na arte como compromiso cos entornos medioambientais que vivimos.

En que consiste o proxecto que se vai presentar para o Carme?

Este é un barrio residuo, que estivo de espaldas ao desenvolvemento da cidade e nós pretendemos dalo a coñecer á cidadanía. Este ano unha alumna fixo un vídeo e o ano que vén pretendemos continuar con outras iniciativas, como accións de limpeza, facer pequenas rutas polo barrio ou recoller a súa memoria, contalo a través dos recordos da xente que vive nel.

É un proxecto a longo prazo?

Si porque realmente se necesita o compromiso da xente que vive no lugar e colaborar coas institucións. Xa falamos co Concello, que se comprometou a facilitar un contedor para as labores de limpeza o curso que vén...

"En España faise moito fincapé nos contidos memorísticos e esquécense as aprendizaxes manuais e a natureza"



Por que escolleron este barrio de todos os que hai en Lugo?

Porque é un barrio impresionante a nivel paisaxe e arquitectónico e está totalmente abandonado. Na miña experiencia, noutras cidades europeas a ese barrio daríaselle moitísimo valor e aquí é un residuo que a xente non coñece. Por aí pasa o Camiño Primitivo, que caba de ser recoñecido Patrimonio da Humanidade, o que lle dá certa protección. A nós chamounos a atención que cando entrevistamos á xente moitos non coñecían estas cuestións. Está moi cerca e, ao mesmo tempo, é moi descoñecido. Nós cremos que é moi interesante para facer propostas. Aí podía plantexarse un espazo para disfrute da cidadanía que sería un luxo, cantas cidades poden ter un espazo así?

O feito de ser un barrio residuo, ao final parece que se convertiu nunha oportunidade...

Si, precisamente polas presións especulativas que non chegaron a ser ese valor residuo nós vémolo como unha oportunidade. Agora atopámonos cun feito inaudito, que é necesario poñer en valor.

E no caso da lagoa de Coeses?

No traballo de arte e compromiso o primeiro é coñecer as problemáticas do entorno no que vivimos a través da xente que vive nese entorno. No máster facemos excursións a Coeses, no concello de Lugo, e falando coa xente soubemos dunha lagoa que está desecada desde que se fixo a carretera porque se usou para botar alí o refugallo. O seguinte paso foi falar co Concello e agora estamos pendentes de saber quen ten a propiedade da contorna. A persoa que nos falou dela recordaba con moito agrado esa lagoa estacional porque alí había parrulos, ían xogar ao fútbol, a bañarse... Hai memoria dun lugar que era moi significativo.

E cal sería a proposta?

Limpar a lagoa coa axuda das institucións e expertos en recuperación. Estamos pendentes de determinar de quen é a propiedade dese espazo e gustaríanos que as institucións se moveran para aclaralo.

Hai algún outro proxecto en marcha?

Si, o grupo de investigación está planificando unha ruta nos Ancares para persoas invidentes. Sería a primeira de Galicia e coido que de todo o norte peninsular.

Onde hai posgraos semellantes ao Máster Daen?

En Reino Unido, en Alemania, Suecia, Finlandia, Noruega, Estados Unidos, Austrialia... Nestes intercambios vese moi ben como nos sistemas educativos doutros países introducen a natureza e o manual no currículum, mentres en España faise moito fincapé nos contidos memorísticos e esquecemos as aprendizaxes manuais, que son básicas, e a natureza é básica para aprendelas. En Eslovenia, por exemplo, todos os nenos fan estancias na natureza cada curso, está no currículum.

Comentarios