«Se non fora mestra gustaríame traballar en algo relacionado coa historia e a arte»

Marisa Barreiro: «A nosa meta é conseguir que o premio Agustín Fernández Paz sexa un referente»

Hai apenas catro meses, a mestra Marisa Barreiro asumiu a gran responsabilidade de presidir o Instituto de Estudios Chairegos (Iescha), unha entidade que avoga pola defensa da cultura e a lingua galegas. Presentacións de libros, conferencias, rutas de sendeirismo ou exposicións fotográficas son algunhas das actividades que promoven con éxito.
Marisa Barreiro, no local do Iescha
photo_camera Marisa Barreiro, no local do Iescha

Manuel Castro Santamariña estivo case dez anos de presidente. Como valora o seu labor?

O Iescha é unha entidade que leva case 20 anos traballando, así que todos os compañeiros e compañeiras que durante estes anos formaron parte da directiva, ao igual que os que foron presidentes, contribuíron a que esta entidade sexa unha realidade, teña un recoñecemento e se manteña no tempo. Manuel durante estes case dez anos foi un magnífico presidente e segue a ser un excelente colaborador.

Tocaba relevo?

Non creo que sexa un tema de relevos, digamos que é unha cuestión de momentos e de reparto de tarefas. Estaba convencida de asumir a responsabilidade, porque ademais é compartida, e sei que estou apoiada polos meus compañeiros e compañeiras.

Quen a acompaña na directiva?

Eu xa formaba parte da directiva, polo tanto, acompáñanme as mesmas persoas coas que xa levo uns cantos anos traballando, e Pili Gómez, que entrou a formar parte da directiva no pasado mes de marzo.

A liña de traballo seguirá sendo a mesma?

Temos unha liña clara que está perfectamente definida nos seus obxectivos, que trata de investigar, defender, conservar e divulgar a cultura galega e en especial a de Vilalba e a Terra Chá. O traballo da directiva vai estar sempre nesa dirección.

"As exposicións ‘Tal como eramos’ son unha das actividades que teñen máis interese entre todos os públicos"

A institución está a punto de chegar aos 20 anos. Mudaron os seus obxectivos neste tempo?

Os obxectivos nin mudaron nin poden mudar. O Iescha ten moi claro dende un principio o que quere facer e para onde quere dirixir os seus esforzos. É dicir, defender e difundir a nosa cultura e o noso idioma.

Cales son as próximas actividades na axenda?

Hai actividades relacionadas co teatro, coa música, co cine, coa literatura, diferentes exposicións, publicacións... Agora mesmo estamos moi ilusionados co premio Agustín Fernández Paz de Narración Infantil e Xuvenil pola Igualdade e do que está a piques de rematar o prazo de presentación de obras .

Cal das propostas ten máis acollida?

Non facemos as actividades pensando na acollida, que evidentemente é importante, a nosa finalidade é divulgar e apoiar aquelas iniciativas que enriquecen a cultura do noso país e dalas a coñecer. Unha das actividades que podemos dicir que ten moito interese para todo tipo de persoas e idades son as exposicións que facemos de fotografía cada dous anos, que chamamos ‘Tal como eramos’. O Iescha ten un fondo importantísimo, falamos dun arquivo de 15.000 fotos. É unha maneira gráfica de recoller a historia de Vilalba e da Terra Chá e a súa xente. Quero aproveitar a ocasión para dar as grazas a todas aquelas persoas que por un medio ou por outro fan que cheguen ás nosas mans.

De que orzamento dispoñen actualmente?

Principalmente as achegas de socias e socios. Contamos coa axuda da área de cultura da Deputación e tamén da concellería de cultura do Concello de Vilalba.

"O Iescha trata de investigar, defender e divulgar a cultura galega en Vilalba e en toda a comarca da Terra Chá"

Unha das súas máximas reivindicacións nos últimos anos era conseguir un novo local.

O Iescha dispoñía dun espazo que non reunía as condicións para poder traballar e xuntarse e, moito menos, recibir a ningunha persoa que viñera presentar un libro, dar unha charla, ou vir consultar algunha publicación das que dispoñemos coa finalidade de facer algún estudo de investigación. Dende o ano 2016, dispoñemos dun local na casa da cultura, eu creo que merecido. Unha entidade como a nosa necesitábao e débeo ter. O espazo anterior sérvenos como arquivo de diferente documentación e para ter catalogados os libros, tanto os publicados por nós coma outros exemplares que nos chegan como intercambios ou agasallos.

Que metas se marcan agora?

A meta máis importante agora mesmo é conseguir que o premio Agustín Fernández Paz sexa un referente no mundo da literatura, que perdure no tempo e que sexa merecedor do nome que leva.

Cal considera que é o estado de saúde da cultura en Vilalba e, por extensión, na Chaira?

Sinceramente penso que queda moito por facer en Vilalba, na Chaira e en Galicia en xeral. A cultura non está pasando polos mellores momentos, os gobernos non consideran que sexa algo prioritario e os orzamentos que se destinan a isto están moi por debaixo do que deberían. A cultura é a canle que serve para facer que as persoas sexan críticas e sensibles ante o que sucede ao noso lado, de aí a importancia que ten acudir a unha conferencia, ver unha película, unha obra de teatro, escoitar música ou ler un libro.

Comentarios