Mostra fotográfica de Alberto Martí

Acisa e o Concello promocionan o Ribadeo Indiano cunha curta

Algúns veciños convértense en camareiros, panadeiros ou comerciantes do século XIX ►A empresa El Farero Audiovisuales encargouse da realización desta peza audiovisual
Alberto Moledo (esquerda) e o alcalde, nun fragmento da curtametraxe
photo_camera Alberto Moledo (esquerda) e o alcalde, nun fragmento da curtametraxe

Membros da directiva de Acisa Ribadeo e da corporación municipal veñen de producir unha curtametraxe para promocionar a vindeira edición do Ribadeo Indiano, que comeza este venres. A gravación deste vídeo dirixiuna a empresa El Farero Audiovisuales, que proporcionou os medios técnicos para a realización da peza, onde os actores se converten en panadeiros, camareiros ou comerciantes para explicar distintos episodios aquela época.

A curtametraxe, que dura aproximadamente uns tres minutos e medio, ten como fío condutor un neno que acode ao desván da súa casa e atopa unha carta dun indiano. Cada frase que le transpórtao ao pasado, onde a través de flashbacks recorda como se vivía naquela época dende a perspectiva dos veciños, dun camareiro, unha comerciante, uns panadeiros ou un labrego, que xa aventura unha festa para lembrar a influencia indiana en Ribadeo.

Segundo sinalou Manuel Vázquez, de El Farero Audiovisuales, para a gravación da curtametraxe "escolléronse varias localizacións na zona. Os exteriores fixéronse en Cubelas, e os interiores en domicilios particulares e en varios establecementos como a Panadería Paleo, a tenda La Florida, ou o Bar Cantón, aos que lles damos as grazas pola súa colaboración".

Asimesmo, Manuel Vázquez agradeceu o traballos dos actores, que gravaron durante tres días este vídeo, que se pode ver na páxina de Facebook Ribadeo Indiano 2017.

A peza leva acumuladas máis de 20.000 visualizacións, 500 ‘me gusta’ e unha multitude de comentarios, onde se loa o traballo feito por Acisa e o Concello de Ribadeo para promocionar a festa indiana, que comeza este venres e durará ata o domingo.

Comentarios