de actualidad
El líder del Partido Socialista portugués, António Costa António Costa
 
Votacion: 
No hay votos
0

Cibrán Tenreiro: "Hai un cambio con respecto ao modo de documentar a escena ‘'underground'’ galega"

As catro deputacións galegas, xunto á Academia do Audiovisual, foron as encargadas de premiar a cinco mozos investigadores, entre eles Cibrán Tenreiro, con raíces na parroquia vilalbesa de Lanzós. O director coruñés levou o premio ao Mellor Ensaio Escrito en Galego co seu texto '‘Equilibrios precarios'’

Cibrán Tenreiro. EP

Cibrán Tenreiro. EP

Cibrán Tenreiro, director con orixes na parroquia vilalbesa de Lanzós e vinculación coa guitiricense dos Vilares, é o autor do documental ‘Entrar aos Vilares’, seleccionado para a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico. E o pasado mes de xuño foi un dos gañadores do I Premio Mari Luz Morales en investigación audiovisual, na categoría de Mellor Ensaio Escrito en Galego.

Que significa o premio?

Estou moi contento con el porque é un recoñecemento que me anima a seguir escribindo e investigando, que me vén dicir que o que eu pense e os temas que trate poden ter valor para outra xente. Especialmente, se teño en conta que vén da Academia Galega do Audiovisual e que axuda precisamente a que o texto teña máis difusión en vez de quedar restrinxido ao ámbito universitario. Faime moita máis ilusión. Máis aló de ter levado un dos premios, paréceme fantástico que a academia promova o pensamento sobre o audiovisual.

Gañou o premio co ensaio ‘Equilibrios precarios’. Como o describiría?

É un ensaio sobre os vídeos que recollen a escena ‘underground’ galega, que xira nos últimos anos arredor de espazos autoxestionados e colectivos de autoedición como O Liceo Mutante de Pontevedra, A Nave 1839 da Coruña, Seara Records ou Porno. Cando se estuda o cinema que recolle actuacións musicais, faise condicionado polo éxito dos grupos filmados, e obvianse normalmente este tipo de rexistros que cumpren funcións sociais diferentes e teñen un interese estético particular. Combinan elementos do cinema doméstico, como unha certa idealización ou a atención a elementos de carácter íntimo, con outros de carácter promocional. Desvían tamén a atención dende o escenario cara o público recollendo toda a actividade das persoas da escena e rexeitan a estética profesional das realizacións de concertos. Supoñen, a través da súa difusión nas redes sociais, un cambio con respecto ao modo tradicional de documentar as escenas, o fanzine.

"Comercial e artístico non teñen que ser os únicos prismas donde encaixen todas as manifestacións culturais"

Cal era o obxectivo?

A miña intención era poñer en valor un tema que queda normalmente fóra das discusións sobre o audiovisual por tratarse dunha manifestación que non encaixa nos estudos dende o prisma do comercial nin do artístico.

Un prisma distinto como o que lle deu ao seu documental ‘Entrar aos Vilares’.

Si, vén dunha iniciativa da asociación Lareira de Soños, na que participa o meu pai. Pastora Veres estaba comezando a escribir un libro sobre a parroquia dos Vilares e preguntáronme se querería complementalo cun traballo audiovisual. Como o libro explica o lugar dende a perspectiva dunha persoa que naceu alí, os meus compañeiros e eu decidimos tentar falar do lugar dende o noso propio descoñecemento del.

Que supuxo a selección da súa peza para a Mostra do Cine Etnográfico?

Para nós foi un recoñecemento moi bonito, porque tiñamos dúbidas con respecto ao interese ou valor que puidese ter o filme, quizais porque nos expoñemos moito nel. O feito de que o xurado entendese as nosas intencións fíxonos moita ilusión.

Este ano convértese en director do Ciclo de Cine Turista de Santiago. De onde xurdiu a idea?

O ciclo encádrase no convenio de colaboración entre o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Cineclube de Compostela. Dende hai un par de anos, este último vén achegando traballo a varias actividades que se levan a cabo no museo, entre elas a programación deste.

Por que é o turista o fío conductor deste ciclo?

Pensamos que o turismo e o cinema están moi ligados por ser actividades da mirada, e ao longo da historia do cine os tratamentos da figura das e dos turistas son feitos dende moitos xéneros diferentes. Ao tratarse de xente que se despraza a lugares que descoñece, entran sempre en xogo choques culturais coas persoas locais, ou grandes expectativas con respecto á influencia que as viaxes poden ter na vida.

Hai gran parte de comedia nel. É por algún motivo?

Había certa vontade de facer un ciclo de vocación popular, e nese sentido acabou tendendo se cadra máis á comedia, pero non dunha forma consciente. De todas formas, as comedias que imos proxectar son todas bastante atípicas.

Que significa para vostede a sétima arte?

É unha forma de expresión moi interesante que permite empregar as outras artes expoñendo mensaxes complexas de forma condensada e moi universal.

A súa familia promove ademais proxectos como a asociación Lareira de Soños ou a Nova Poesía Guitirica.

A labor da asociación responde á dinamización da parroquia dos Vilares levando actividades culturais ao rural e poñendo en valor a súa riqueza sen centrarse soamente no pasado. A Nova Poesía Guitirica é un exemplo semellante, difunde a obra dos poetas guitiricenses.

 

"Se teño que elixir un xénero, prefiro a comedia porque se valora pouco a arte que fai rir"

Película favorita?

Éme imposible escoller soamente unha entre todas as que coñezo, pero as últimas que vin e que me entusiasmaron en gran medida foron ‘La idea de un lago’, da directora e guionista arxentina Milagros Mumenthaler, e ‘Estiu 1993’, de Carla Simón.

Comedia ou drama?

Prefiro non xulgar ningunha película simplemente baseándome no seu xénero, pero seguramente prefiro as comedias porque creo que, en xeral, valórase pouco a arte que fai rir.

Sofá e manta para ver as películas ou a butaca dun cine e unhas palomitas?

Hai películas para cada momento, pero persoalmente gústame a inmersión das salas de cine e a escuridade.

Se tivera que elixir unha banda sonora, cal sería?

A de ‘Orfeu Negro’ e a de ‘Pat Garrett and Billy The Kid’ son as bandas sonoras que máis escoito separadas do filme.

Guitarra española ou eléctrica?

Creo que hai moitos máis guitarristas eléctricos innecesarios, pero a culpa tampouco é do instrumento.

Versión orixinal ou dobraxe?

Quedaríame coa versión orixinal, pero tamén desfruto películas dobradas. Cada opción ten algo especial para poder desfrutar do filme.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.