de actualidad
foto Ignacio González
►RAMÓN ROZAS 
Votacion: 
No hay votos
0

Un filme homérico

Ao cumprirse 65 anos da estrea de 'El hombre tranquilo' é unha boa ocasión para percorrer Innisfree e deixarse levar pola corrente de emocións contidas nunha película que se converte en toda unha celebración da vida, pero tamén dun cine capaz de amosar como durante pouco máis de dúas horas un se pode deixar arrastrar por toda unha comunidade de personaxes elixidos de xeito maxistral para que o espectador se sinta un veciño máis dese territorio mítico da historia do cine

.

.

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

ENTRE O apracible verde do campo irlandés e o roxo en combustión do cabelo de Maureen O’Hara conformouse unha das películas máis queridas polo seu director, John Ford, pero tamén un deses títulos nos que todo o afeccionado ao cinema concorda na súa xenialidade e na súa capacidade para ser gozada polo espectador. Ese carácter de celebración que se mantén ao longo de toda a película é o que permite afirmar que Innisfree é unha das patrias felices de todo cinéfilo, o retiro ao que todos nos gustaría ir para participar desa troula que semella permanente, acompañando a un exboxeador teimudo pero de gran corazón e a esa muller tan orgullosa como engaiolante. Gustaríanos ser un máis dos habitantes dese espazo xa mítico do universo cinematográfico ao que John Ford levounos a bordo dun tren, un tren que entra nunha pequena estación para vivir unha das historias máis marabillosas do sempre marabilloso mundo do cine.


"Ben comezarei polo principio... Era un agradábel, un espléndido día de primavera. O tren a Castletown chegou con tres horas de retraso, como acostumaba, e el baixou. Non tiña aspecto de turista norteamericano, sen unha cámara de fotos ou o que era peor, sen unha cana de pesca". Así arrinca El hombre tranquilo, cunha chegada a unha estación e un diálogo absolutamente surrealista que xa nos sitúa nun contexto moi determinado, o dun hábitat singular no que nos iremos atopando a toda unha serie de personaxes, moitos deles incalificábeis que irán rodeando aos protagonistas e participando da acción principal para enchela de momentos nos que en realidade sentimos cos acompañamos a todos eles como membros dunha mesma comunidade na que o goce pola vida dende un espazo moi concreto asoma por tódalas esquinas.

El hombre tranquilo é o título dunha novela escrita por Maurice Walsh e publicada en 1933 en The Saturday Evening Post, que en España non foi editada ata o ano 2012 por Reino de Cordelia e nela cóntase a historia dun exboxeador que regresa a súa terra irlandesa dende os Estados Unidos namorando dunha rapaza e pelexando co seu futuro cuñado para acadar a posibilidade de casar con ela. Ao longo dos anos corenta John Ford xa tentou levar a cabo esta historia no cine para reflectir a súa Irlanda natal e desenvolver alí un conto sinxelo, sen demasiadas pretensións. Pero a historia nas mans dun dos mellores directores da historia do cine desembocou nunha desas películas esenciais na súa traxectoria, unha das súas favoritas polo que significou incluso máis aló dos seus valores cinematográficos e que lle valeu o seu derradeiro Oscar á mellor dirección xunto con outro pola espectacular fotografía dun brioso technicolor. John Ford realizou diferentes cambios a hora de pasar a novela á pantalla. Aquel boxeador do peso welter non encaixaba no corpo dun John Wayne que dende un principio era unha das pezas irrenunciábeis deste proxecto, incluíu tamén o episodio da morte dun púxil rival para xustificar o desexo de non pelexar do protagonista e eliminou certas compoñentes que tiñan que ver coa presenza do Ira para fuxir dun tono polémico que podía afectar ao carácter amábel de todo o filme, así como achegala a un espazo demasiado realista, xa que John Ford xera unha historia que semella unha sorte de soño, unha historia feliz na que o irreal parece asomar en moitos aspectos.

A presenza de actores habituais na cinematografía de John Ford como Maureen O’Hara, Andrew McLaglen ou o propio John Wayne, xunto á presenza de moitos familiares: os catro fillos de John Wayne, os irmáns do director ou os dous da propia actriz protagonista, ocupando papeis secundarios incrementaron esa sensación de familiaridade que se palpa ao longo de toda a película. O clan Ford pousando os seus pés nos campos de Irlanda baixo un ceo nebuloso era un pasaporte cara o éxito, como así foi, converténdose nunha das películas máis aplaudidas polo público e pola crítica do director que facía westerns. A rodaxe non estivo afastada das escaramuzas típicas nas rodaxes de John Ford, noites de alcohol, discusións, camaradería entre todo o equipo, pero á hora de poñerse ante as cámaras todo estaba sempre listo, aí o director era un reloxo e había que aproveitar o pouco sol que asomou ao longo das seis semanas de traballo en escenarios naturais. Un pobo —Innisfree realmente chamábase Cong— ao que chegou a luz eléctrica xusto cando se rodaba este filme, manténdose nel un há-bitat todavía moi ancorado no pasado e na tradición. Este elemento é fundamental á hora de evidenciar os costumes da comunidade, a necesidade de certos ritos sobre todo vencellados á voda entre os protagonistas que é o motor da película.

Tanto esa tradición como a bonhomía que se rexistrou tanto na rodaxe como no resultado final van na dirección que pretendía John Ford de filmar unha historia chea de humanidade na que semella que o guión ou non existe ou ten moito de improvisación no día a día. Nada máis lonxe da realidade nunhas secuencias nas que lle estamos mirando aos ollos ás persoas ao longo de toda a película. Isto é algo moi característico do seu cine, o apego á persoa, para o que non se precisan estrañas colocacións da cámara nin experimentos, adoita con poñer a cámara á altura dos ollos e que John Ford explica nunha conversa cun dos seus axudantes: "'Cando falas con alguén, sobes a unha escaleira e míralo dende alí? Ou te deitas no chan e miras cara arriba? Ou lle miras directamente aos ollos?' 'Mírolle directamente aos ollos', respostou. ‘Así é como rodo eu as películas’, rematou Ford."

Pero aparte do ambiente, das paisaxes, da mestría de Ford ou da propia historia o que lle da o gran pulo a El hombre tranquilo son os seus personaxes. Se os protagonistas nos papeis de Sean Thornton e Mari Kate Danaher non poden estar mellor, o exboxeador nun proceso de búsqueda persoal, de recuperación da paz consigo mesmo e todo iso facelo a través do amor; ela é unha muller irlandesa chea de carácter que, lonxe das apresuradas calificacións como se fixeron acusando á película de machista, cando é a súa coraxe e a loita polo seu o que finalmente marca o progreso da relación co seu pretendente. A relación acada un dos seus momentos cumes nun dos mellores bicos da historia do cine, baixo a tormenta e enchoupados por unha auga incapaz de apagar o lume.

Pero o grande éxito son eses secundarios que xa citamos: o irmán protector, o grandeiro Victor McLaglen e o seu espírito fanfarrón, ou o xenial Barry Fitzgerald que vixila todo o proceso de noivado seguindo os costumes da comunidade. Pero xunto a eles tamén temos o cura, e á eterna solteirona, e a uns e outros construíndo un arquetipo da felicidade na que nos introduce John Ford dende ese momento iniciático no que asistimos á chegada dese home á estación de tren. Sempre a chegada como inicio do relato, como o Ethan Edwards de Centauros del desierto ou o Jim Gary (Richard Widmark) de Dous cabalgan xuntos, o heroe na procura do seu propio destino.

Un pode ver El hombre tranquilo decenas de veces que sempre é quen de gozar dela, atopando unha desas confluencias felices, que se dan en contadas ocasións, e que xorde cando hai un estado de graza das numerosas compoñentes que forman parte dunha película. Nesta ocasión todo estaba disposto para o milagre, unha desas películas inagotábeis coa que tras vela recuperas a confianza no ser humano e nas posibilidades da vida. Un filme homérico.

'El hombre tranquilo'

Sean Thornton (John Wayne) é un "home tranquilo e pacífico" que regresa a Innisfree, na súa Irlanda natal, de onde saíra con 12 anos cara a Estados Unidos. Ao chegar, decide comprar a súa casa natal e os terreos que a rodean, pero choca cos intereses dun matón corpulento, Willy Danaher. Sean Thornton fíxase na fermosa e borrascosa Mary Kate, irmá de Willy Danaher. Thornton tenta conquistala e atópa a oposición de Danaher, Thornton tenta non caer en rifas, pero a súa actitude é interpretada como covardía. Ante os desaires da muller a quen ama, Thornton decide coller o touro polos cornos. Donaher acepta o reto do home tranquilo.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.