Os homes elegantes len novelas rusas

Cando alguén pregunta que debe facer para ser escritor sinálaselle o triángulo que soporta a literatura: estrutura, ritmo e personaxes. A estrutura pode ser aprendida lendo libros de guión de cine, o sentido do ritmo cóllese lendo os franceses e para dar volume aos personaxes débese imitar os rusos

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

HOUBO UNHA frase de Milena Tusquets que atrapei ao voo, como se atrapan as primeiras moscas do verán, cando aínda están facendo un voo de recoñecemento do mundo. "Los hombres elegantes leen a los rusos", dicía a escritora. Seica que é filla da editora Esther Tusquets e sobriña do arquitecto Óscar Tusquets, pero xa digo, todo o que lle lin foi esa frase atrapada pechando o puño no aire cálido segundo alguén a subiu a Twitter.

Os homes elegantes len os rusos. Eu estou lendo os rusos, levo uns meses lendo rusos; pero nunca pretendín ser elegante, soamente podo concentrar esforzos e cartos en ser moderno, aínda que intúo que moderno e elegante son sinónimos.

Ás veces, algúen me pregunta que debe facer para ser escritor. Case que sempre son rapazas as que me miran fixamente para que lle explique por onde empezar o seu edificio literario. Agravo a voz, estaricar o lombo e sinálolles o triángulo que soporta a literatura: estrutura, ritmo e personaxes. "A estrutura pode aprendela lendo libros de guión de cine (Syd Filed, Linda Seger), o sentido do ritmo vai collelo lendo os franceses (Flaubert, Victor Hugo) e para dar volume aos personaxes debe imitar os rusos (Tolstoi, Turguenev)".

Non estou certo de que ler rusos sexa un signo de elegancia; pero si de que é un indicio de que o lector está interesado pola complexas emocións humanas. A primeira páxina de Anna Karenina, por quedarnos en Tolstoi, é unha explosión controlada de sentimentos que afectan ás vidas dunha ducia de personaxes. O descubrimento do adulterio que comete o príncipe Stepan cunha institutriz dos seus fillos esnaquiza a confianza da súa esposa e tambalea a estabilidade laboral de cociñeiros, cocheiros, xardineiros e criados. Un achegamento traidor entre dúas persoas é un pequeno artefacto que activa as 999 páxinas restantes da novela. Tolstoi carga ese arrinque de ironía ao describir a indolencia do infiel Stepan.

Sorpréndeme que ese carnaval de sentimentos que artellan os novelistas rusos sexa compatible coa súa preocupación pola exactitude do tempo no que ambientan as tramas: o reloxeiro alemán acode cada venres ao palacio de Stepan para poñer en hora o reloxo e as novelas de Turguenev adoitan comezar cunha indicación precisa da hora, día, mes e ano no que se inicia a acción.

Amélie Nothomb búrlase do ambiente elegante e aristocrático do que procede en El crimen del conde Neville (Anagrama). O novo libro da escritora belga enceita cunha vidente anuncia ao conde Neville que vai dar unha festa na que matará alguén. Como axitación inicial non está nada mal. Este libro é un dos catro que Nothomb escribiu esta temporada. Cada ano escribe catro e escolle un.

Ela non é tan melodramática como o ortordoxo Gógol, quen queimou a segunda parte de Almas mortas en 1848, ao regreso dunha viaxe a Xerusalén tras decidir consagrarse á fe en desprezo da literatura.

Nabokov conservou a sensatez ata o final e limitouse a ordernar a Vera que carbonizase El original de Laura. A muller gardouna na cámara acorazada dun banco suízo, onde permaneceu ata 2008, cando o fillo de ambos, Dimitri, o entregou aos editores de Alfred A. Knopf, que lle venderon a Anagrama os dereitos en español.

Amélie Nothomb négase a destruír eses tres orixinais que lle sobran cada ano. Ao contario, preócupase polo seu futuro. Asegura que intentou depositalos no Arquivo Secreto do Vaticano, pero a súa proposta foi rexeitada con papel timbrado. A autora está convencida de que sería "o máis elegante", pero non logrou o permiso; polo que asegura que os mergullará en resina para a posteridade.

Os críticos literarios deberían andar con pistolas de silicona para aforrar decepcións aos lectores


Os críticos literarios terían que andar con pistolas de silicona nos petos, como Vera Nabokov, para asegurarse de que os escritores non facían perder o tempo a ningún lector con libros malos. Deberían publicarse unicamente as novelas elegantes, no senso con que Milena Tusquets percibe a literatura rusa. Mesmo debería haber canóns de silicona para impedir o acceso a paraxes horribles, porque este acordo de que a natureza é bela por si mesma non me convence, como tampouco convencía a Josep Pla, que soamente apreciaba a natureza civilizada polo home.

A afirmación de Pla linlla a Óscar Tusquets, o tío de Milena, nunha vella entrevista na que tamén describía o concepto de elegancia de Dalí: "Un snob, decía Dalí, es el que se hace notar para que lo inviten a una fiesta; un dandy, en cambio, es el que se hace notar para que lo echen a patadas de una fiesta".

A pistola de Vera Nabokov non era de silicona, senón unha desas con balas para matar e que lle aseguraba manter a Vladimir a salvo dalgún moralista tolo. Nabokov e Vera coñecéronse en Berlín en 1923, nunha festa de carnaval. Ela levaba un antifaz, achegouse a Vladimir e recitoulle un poema dun escritor ruso novísimo, V. Sirin. Vera non puido ser máis elegante: Nabokov logo recoñeceu os versos que escribira con seudónimo.

Comentarios