de actualidad
Liliane Bettencourt Liliane Bettencourt
►NIEVES NEIRA 
Votacion: 
No hay votos
0

A tea de Inger Christensen

"Que ocorrería cos libros de Inger Christensen se fose un home? Seguramente non terían que esperar ao ano 2014 e 2015 para poderen lerse en castelán. Seguramente a súa autora, poeta fundamental do século XX, estaría recoñecida co premio Nobel de Literatura, do que foi unha firme candidata"

. CEDIDA

. CEDIDA

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

UN DÍA, na orquesta sinfónica de Boston, preguntáronse por que, habendo o mesmo número de homes e mulleres nos conservatorios, os seus integrantes eran todos homes. Decidiron facer as audicións a cegas. A cousa comezou a equilibrarse, pero non foi suficiente: os candidatos terían que ir tamén descalzos, para que o son dos tacóns non opacase o da interpretación musical. Recordo isto, que contaba Lara Contreras no escenario de Antes de la metralla, de Matarile Teatro, ao abrir estes libros. Alfabeto e Eso, da poeta danesa Inger Christensen, traducidos ao castelán grazas ao labor da editorial Sexto Piso e da tradución de Francisco J. Uriz. Que ocorrería con eles se o seu autor fose un home? Seguramente non terían que esperar ao ano 2014 e 2015 para poderen lerse en castelán. Seguramente a súa autora, poeta fundamental do século XX, estaría recoñecida co premio Nobel, do que foi unha firme candidata. De entrarmos na casa da literatura descalza, ela estaría no máis alto. Coma unha araña.

No seu libro, La baba del caracol, Chantal Maillard fala de tres tipos de poeta. O ourizo, que basea a relación coa realidade no "descubrimento e revelación"; a araña, "o da construción", e un terceiro que prefire deixar innominado. Christensen era araña, unha araña que naceu en Dinamarca no ano 1935 e que, despois de estudar Matemáticas, pasou a adicarse por enteiro a tecer a súa escritura. "Intentei falar dun mundo que non existe para facelo existir", dixera nunha entrevista sobre a súa propia poesía. Alfabeto (1981), por exemplo, desprégase seguindo a secuencia de Fibonacci –que fai que cada poema sume o número de versos dos dous anteriores– e as letras do alfabeto. "Los albaricoqueros existen, los albaricoqueros existen" é o primeiro pregue dese abano, cun ‘a’ que coincide co danés. Un verso, letra a; 21, letra g. "Graenserne findes, gaderne, glemslen/ las fronteras existen, las calles, el olvido". Así se desprega este mundo "que non existe", pero que cumpre as formas da existencia. "A forma na que un porro se envolve dende o interior, ou a cabeza dun xirasol, son exemplos baseados nesta serie", indicou Christensen. Forma que é inseparable do contido, forma que é contido, reflexión de como a linguaxe desprega o mundo e o varre. Linguaxe, himno, literatura.

Xa Eso, publicado no 1969, respondía a esa mesma concepción arquitectónica. Tres partes: Prólogos, Logos e Epílogos. E dentro de Logos: o Escenario, a Acción, o Texto. E dentro de cada unha desas partes: simetrías, transitividades, continuidades, conexidades, variabilidades, extensiones, integridades, universalidades. O libro crece ramificándose coma o xeo. E cos seus brazos percorre o mundo, dende a constitución das formas –"Eso era lo que se movía, tuvo y tiene lugar, sin cesar hasta que llega el descanso definitivo. Como mica, gneis y granito. Como pirita y cuarzo. Como lava aprisionada, basalto, diabasa"– ata pousar nos diferentes diferentes tecidos que forman os suxeitos, as cidades, as institucións. En calquera lugar: "Se colocan en fila fichan entran y se cambian de ropa/Hablan del tiempo No hacía tanto frío". En calquera acontecemento: "2. Alguien allana una casa y vive allí tanto como le es posible. 3. Felicidad es el cambio que me ocurre cuando describo el mundo. Le ocurre al mundo". Unha lupa que ao achegarse as cousas tamén revela o que delas se afasta. Puxa con precisión e rebasa, a araña, a súa propia tea.

"Poucos poemas na historia da literatura tiveron a repercusión de Eso no momento da súa publicación", pode lerse na lapela da edición de Sexto Piso. De momento son dous libros, traducidos ao castelán, dunha produción que inclúe tamén ensaio, narrativa, literatura infantil, colaboracións con músicos e artistas contemporáneos e aínda obras mestras da súa poesía, como O val das mariposas. Tremenda. Herta Müller conta nunha entrevista –dispoñible en Vimeo– o moito que desexou o Nobel de Literatura para Christensen. Lembra como conquistou á audiencia moza do festival de poesía de Berlín, a mesma que non paraba de falar no recinto e calou tras escoitar os seus dous primeiros versos. E sen embargo, "non era nada pretenciosa", di Müller. Nada pretenciosa. E iso é tamén o que asombra na súa poesía: como semellante proxecto de escritura puido escribirse con esa transparencia. Non a transparencia da exposición, senón a que non ensancha a voz sobre o mundo, a que, como di a tamén inmensa escritora portuguesa, María Gabriela Llansol, "perde definitivamente o possesivo", a que semella dar lugar a un corpo autónomo: a tea perfeita, aló, transida de luz.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.