"Un xuvenil da comarca ten que ter unha oportunidade no Lemos"

Óscar López asume a presidencia do club porque lle mancaba na alma velo desaparecer. Sabe que é case unha tolería coller o timón, pero chega coas ideas e as contas claras. Quere recuperar o vínculo coa cidade
Óscar López
photo_camera Óscar López

ÓSCAR López Cerceda ten 43 anos. Naceu no Páramo pero leva 17 anos asentado en Monforte, onde traballa e formou a súa familia. O fútbol é a súa afección. De mozo foi xogador e nos últimos tempos formou parte da xestión do CF Monforte, centrado no fútbol base. Agora será o novo presidente do Lemos, un equipo do que é socio dende hai anos. A súa foi a única candidatura que se presentou para relevar a Antonio Pérez.

Que lle dixeron para convencelo de meterse na complicada tarefa de rescatar ao Lemos nas súas horas máis baixas a nivel económico e deportivo?

A min gústame ir ver os partidos á Pinguela dun clube do que son socio hai moitos anos. A situación é a que é. Se cadra por iso din o paso, porque non había máis alternativas. Deixar desaparecer o Lemos parecíame cando menos duro. Non veño buscando protagonismos, só quero aportar as miñas ideas e a miña inexperiencia quero suplila con esforzo.

Foi difícil facer a candidatura?

Si. A cidade está moi desvinculada do Lemos e a maiores a débeda é astronómica, así que foi complicado formar un grupo. Son xente da miña plena confianza e algúns coma José Luis Campos e Antonio Mougán xa estiveron en anteriores directivas. O reto é volver a formar vínculo entre a cidade e o Lemos.

A xente perdeu a ilusión de ir á Pinguela?

Totalmente. Eu quero darlle a volta a iso. Entendo que se os xogadores son da comarca, os pais, o resto da súa familia e os amigos irán velos ao campo. Se son de fóra, aínda que sexa de Vilalba ou de Lugo, non van vir.

Iso quere dicir que se vai recuperar a relación coa xente de aquí e cos clubes de base coma o Monforte ou o Calasancio?

No momento no que logremos saír a competir, o seguinte obxectivo será falar co Calasancio e co Monforte para mellorar a relación e que sepan que cando os rapaces rematen a súa étapa de xuvenís terán a oportunidade de xogar no Lemos, algo que nos últimos anos non acontecía.

"O primero gran reto é saldar a débeda coa federación e despois saír xogar cun equipo de xente de aquí, do entorno"

Fala de saír a competir. Hai unha débeda coa Federación de Fútbol Galega que igual o impide.

Efectivamente. Hai case 4.500 euros de débeda directa e despois están as fichas. Nós para xogar a tempada precisamos ter a primeiros de agosto uns 6.000 euros, así que non hai tempo que perder.

Onde conseguirán os cartos?

Estamos falando coas empresas de Monforte e coa xente de a pé, socios e non socios, para que nos boten unha man e poder arrancar. Ofrecemos un proxecto serio sin estrelas nin protagonismos. Os 6.000 euros son a punta do iceberg, o urxente, pero a débeda total chega aos 80.000 euros. O seguinte paso é reunirse cos acreedores. Non podemos pagar de golpe e nin sequera dar unha cifra de canto imos reducir a débeda, pero traballaremos arreo para que vaia mermando. Entre eses acreedores están empresas de buses, de vestiario pero tamén  o  propio  expresidente, Antonio Pérez. Él asegura que lle pertencen 45.000 euros, anque na asemblea non aportou facturas. Pois tamén toca reunirse con él, estudar o que comenta e do que ten  papeis.  Coma ao resto dos acreedores, non lle podemos negar ir pagando en función das posibilidades todo aquilo do que teña facturas e poida xustificar.

E no deportivo. O reto é regresar á Autonómica Preferente?

De xeito inmediato non. De primeiras a idea é saír a competir e intentar ir reflotando o club. Agora mesmo tampouco nos podemos permitir económicamente estar máis arriba da Primeira Autonómica. Gustaríame falar de ascensos e de categorías superiores pero a realidade é a que é. Non toca facer cortinas de fume, non
vou prometer nada que non poida manter.

Falaremos cos acreedores e iremos pagando pouco a pouco todo aquilo do que haxa factura

Como vai o Lemos de xogadores?

Temos en contra o tempo e a falta de recursos. Ningún xogador da anterior tempada nos dixo nada de seguir, así que o reto é conformar un equipo con xente da zona a contrarreloxo.

Que se lles pode ofrecer?

A ilusión de levar a camiseta do  Lemos e o compromiso de que traballaremos para que esta situación cambie, pero a tal punto non lles podemos ofrecer diñeiro.

Hai nomes para esa plantilla?

Non. O único que temos é a Edu, o entrenador. Ten 23 anos, é da comarca, estivo entrenando no Calasancio e nas categorías inferiores do Lugo. Él vai ser quen conforme o equipo e o único que lle comunicamos e que queremos xente de aquí, pero para o resto ten liberdade. Toda a que se pode ter a estas alturas, cando xa hai moita xente que se comprometeu con outros equipos e tendo en conta a nosa situación. Él está moi comprometido e tamén é de agredecer.

O ano pasado sucedéronse tres entrenadores. Vaise repetir iso?

Non. O que comece rematará a tempada.

Voltemos aos socios. Como están os números?

Hai 200 socios que pagaron o seu carné. Cremos que neste primeiro ano o número ideal sería o de 350 socios.

Falaba tirar de xogadores da comarca que leven a súa xente ao campo. Pero farase algo máis para captar socios? Haberá descontos por exemplo?

A xente non pode pagar as cantidades que pagaba antes. Baixaremos o carné básico dos 60 euros anuais a 50 euros. En canto as entradas, pasarán de 10 a 5 euros e os nenos entrarán gratis.

Como chegou o Lemos a este punto?

A xente perdeu a ilusión porque non coñecía os xogadores, non os vía na rúa, e todo se foi perdendo pouco a pouco.

Comentarios