Líderes de pensamento

A nova polémica cultural global arremete contra o intelectual que se atopa cómodo nos medios, enche auditorios e sabe diferenciar, no seu xeito de expresarse entre escribir un ‘paper’ académico e facer declaracións para unha entrevista para un xornal local. A cousa encaixa como roda de muíño ao redor do absurdo debate madrileño sobre Slavoj Žižek

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

OLFACTO

Unha das grandes serpes do verán xornalístico galego é a entrevista colectiva aos alumnos estranxeiros de lingua da Real Academia Galega. Esta teima mediática revela moitas cousas de nós: non nos acabamos de crer que un xaponés ou unha húngara poidan interesarse por unha lingua aínda minusvalorada por moita xente local. Este ano son ao redor de 70 estudantes de idades, procedencia e formación ben distintas. E non só lles interesa a lingua. Con eles falei da incidencia de Facebook e Twitter na cultura do país, e do xeito no que unha cultura minorizada, de poucos millóns de falantes, pode desenvolverse na internet masiva do big data. Xa lles dou a miña solución, con olfacto –ou sexa, experiencia– de cibernauta veterano: imos ter que ser activistas do noso toda a vida.

VISTA
Visito en Afundación de A Coruña a exposición Lugrís, paredes soñadas. Trátase dunha retrospectiva do Lugrís muralista e traballador por encargo, que non é moi diferente nos seus estilos e temática do Lugrís que crea sen esa restrición comercial. Lugrís é atemporal, a súa principal virtude e defecto. Encaixaría poderoso nas artes publicitarias de principios do XX ou hoxe como ilustrador de libros fermosos dunha pequena e reputada editorial. Lugrís é tamén un pintor dunha narrativa. A exposición permite constatar como foi fiel a un imaxinario e a unha técnica que xa estaba totalmente definida ao inicio da súa madurez. É nesa fidelidade, ou inmobilismo, se cadra, onde estea o segredo desta impoñente figura do século.

OÍDO
Os negros estadounidenses gostan moito da palabra classy para definir elegancia e estilo, toda unha reminiscencia dunha sociedade, non desaparecida, na que o estilo é un asunto de estratos sociais. Gregory Porter, o cantante de jazz que vai ser cabeza de cartel no senlleiro Festival de Jazz de Pontevedra, é un exemplo de cantante classy, nun xénero tan mestizo como é o jazz actual, o xeito musical máis brillante e diverso da música contemporánea. A Porter critícano polo xeito no que reinterpreta as raíces sonoras, as presenzas e as ausencias familiares, pero cando se escoita con atención, un sabe que Porter, ademais de classy, é clásico de vez, como Lugrís.

TACTO
Un artigo de David Sessions en New Republic está a xenerar un auténtico debate. A tese sustancial recóllea dun libro do politólogo Daniel W. Drezner, quen sinala que fronte á tradicional figura do intelectual público –escéptico e analítico, hoxe vendido a unha academia que usa a súa propia criptolinguaxe–, os novos millonarios están a favorecer unha nova figura: o "líder de pensamento". Este thought leader funciona como un evanxelista de gran crédito mediático, que cunha visión persoal do mundo, pretende "cambialo". Fronte, digamos, Noam Chomsky, prototipo do primeiro, teriamos a Tomas Friedman ou –achega miña– Slavoj Žižek. O irónico é que o artigo explícao recorrendo a simplificar nesas dúas bandas dun mundo tan complexo coma o da cultura e o pensamento. Por certo, tentei aplicar a tese ao ámbito galego, mirando quen encaixaría onde. Deume a risa. Déixolles o exercicio para a súa vindeira tertulia de taberna.

GUSTO
Participo na Cata dos Viños de Galicia, ou sexa, os premios aos mellores viños do ano. No canto de contar chistes entre premio e premio, experimentamos con conferencias de dous minutos ao redor da relación entre cultura, historia e viño. Estes vellos relatos son grandes descoñecidas, pero funcionan, abofé. Un adegueiro pregúntame: "De que libro as sacaches?". E a resposta é que non hai un libro, aínda hoxe, que as conte. Para atopalas hai que remexer en ducias de fontes distintas.

Comentarios