"Amo a tranquilidade, mais tamén procuro a emoción e a máis vibrante conmoción"

Roxelio P.Moreira: "Despois de dez anos,o seminario xa é unha paisaxe máis entre as que hai en Guitiriz"

A Universidade de Santiago de Compostela inaugura mañá mércores na Casa Habanera o décimo Seminario de Verán Sobre a Paisaxe en Guitiriz, unhas xornadas que dirixe dende os inicios o profesor Roxelio Pérez Moreira e que nesta ocasión se estenderán ata o venres, abordardando diferentes miradas sobre a relación entre os camiños e a paisaxe por medio dun diálogo interdisciplinar
Roxelio Pérez Moreira
photo_camera Roxelio Pérez Moreira

Cal é a esencia do seminario?

Esencialmente, os nosos seminarios de verán ofrécense cunha visión interdisciplinar da paisaxe. Os camiños son infraestruturas, pero tamén cultura. O noso propósito é ofrecer un diálogo interdisciplinario entre as diferentes miradas ás que se presta a relación entre camiños e paisaxe.

Cal é o nexo de unión entre eles?

Nesta ocasión, os camiños óllanse como paisaxe e deste xeito préstanse a moi diferentes lecturas. Poden verse dende o punto de vista científico ou humanístico, o mesmo que simbólico, tecnolóxico ou ambiental. Son vieiros de comunicación e de contemplación, roteiros de experiencias e vivencias, e poden ser vías turísticas ou vieiros de migración biolóxica e ecolóxica. Tamén hai diferenciación entre os camiños terrestres ou fluviais, así como camiños de exploración ou de peregrinación. Hai moita máis diversidade da que pode parecer a primeira vista.

Que enfoque ofrecen os relatores do tema central do seminario?

Sen dúbida contribuímos a crear unha cultura da paisaxe e, para salvagardala, procuramos conxugar os nosos coñecementos e sentimentos, transmitindo coma mensaxe secreta a da concienciación.

Esa defensa é algo que hai que interiorizar?

Sempre. De feito é unha autodefensa porque vivimos e bebemos das nosas paisaxes e somos o que elas son, pois definen o noso país, a nosa cultura e a nós mesmos.

Queriamos que estes seminarios fosen asequibles e interesantes para todo tipo de público, e tamén divulgativos

De onde vén a súa paixón por este tema?

Tivo varias fases de aproximación case simultáneas. A primeira foi como amante da natureza, implicándome na súa defensa cun compromiso ambientalista. A segunda, outra aproximación máis íntima, como fotógrafo naturalista e paisaxista, algo que veño facendo toda a vida. E finalmente, veu o achegamento máis intelectual, de estudo, investigación e divulgación sobre diversos aspectos da natureza e da paisaxe, a súa historia e os seus valores naturais e culturais.

En que se fundamenta o programa deste ano?

Nel entrecrúzanse todo tipo de camiños, tan interdisciplinariamente coma sempre. Camiños históricos ou que fixeron historia, camiños biolóxicos, camiños como sendas verdes e para o sendeirismo, camiños como estruturas que artellan a paisaxe, así como os camiños máxicos. Non hai que esquecer os camiños na literatura e os camiños na pintura. Haberá tamén un complemento audiovisual coa proxección das pezas ‘'Camiños de andar e ver’' e '‘Camiños de vivir e sentir'’ ao finalizar cada xornada. E a isto sumaráselle un roteiro polas paisaxes que ofrece Guitiriz.

Encargarase da conferencia ‘Camiños na pintura’.

Si, e para min teñen unha unión moi importante. De feito, teño colgada na parede da miña casa unha reprodución de ‘'La pesca milagrosa'’, de Konrad Witz (1444), que considero a primeira paisaxe agroforestal fidedigna na historia da pintura occidental. Tamén me impresionan moito as primeiras paisaxes naturalistas nórdicas, como calquera lenzo de Jacob van Ruisdael.

Imos sendo conscientes de que somos paisaxe e, ademais, os protagonistas da súa posible recuperación

Espérase un gran número de asistentes?

Si, case haberá aforo completo no lugar de celebración, a Casa Habanera de Guitiriz. Aínda así, farémoslle sitio a aquelas persoas que puntualmente se queiran achegar a algunha das conferencias.

O curso é un dos que máis interese esperta. Por que cre que ocorre isto?

Penso que o interese pola paisaxe é algo crecente, en xeral. Imos sendo conscientes de que somos arte e parte da paisaxe, e de que ela non é soamente o espectáculo que vivimos, senón o escenario no que estamos incluídos como actores e artífices da súa construción ou destrución. Somos os protagonistas da súa posible recuperación.

Hai pluralidade nos asistentes?

Virán persoas de tódalas idades e niveis formativos, o que é moi boa noticia, pois un dos propósitos que mantemos é que os cursos sexan de carácter divulgativo ademais de interdisciplinarios. Tamén queriamos que fosen asequibles e interesantes para todo tipo de público.

Que balance fai destes dez anos de seminarios?

Coa décima edición destes Seminarios de Verán Sobre a Paisaxe xa somos o curso máis veterano dos ofrecidos pola Universidade de Santiago de Compostela. Fomos capaces de manter uns criterios uniformes de coherencia e prestixio, e este evento anual xa é considerado todo un acontecemento. Dicimos que xa somos unha paisaxe máis entre as paisaxes de Guitiriz.

Comentarios