Cinco familias de A Mariña acollen nenos saharauis

As persoas que colaboran a través da ONG Solidaridade Galega co Pobo Saharaui son de Ourol, Viveiro, Xove, Barreiros e Ribadeo
Musa, coa súa familia de Hedradas
photo_camera Musa, coa súa familia de Hedradas

O venres 7 chegaron ao aeroporto de Lavacolla, en Santiago de Compostela, preto de 300 rapaces procedentes dos campamentos de refuxiados situados no deserto de Tinduf. en Alxeria. A pesares de que estas persoas arraigan a súa identidade secular no Sahara, hai máis de corenta anos que Marrocos manda alí e que non existe a paz para os saharauis. Xusto dende que España deixou de ser a colonizadora. Dende entón, a maioría do pobo saharaui vive exiliado nestes campamentos onde sufren carencias, maiormente sanitarias e alimenticias. Os 'Veráns en Paz' pretenden paliar estes déficits nos máis pequenos da comunidade. Este ano cinco familias da Mariña decidiron realizar un verán solidario. "Aprendemos máis do que damos", recoñece María del Carmen Fernández, unha das nais de acollida.

O primeiro que as familias fan, unha vez asentados en candanseus fogares, é levar aos cativos ás revisións médicas tipificadas no convenio que a ONG ten co Servizo Galego de Saúde. "Existe un protocolo de revisións e vacunas" sinala a delegada de Solidaridade Galega co Pobo Saharaui, a viveirense Ana Mejuto, que tamén acolle a unha rapaza, Teslem: "Todo o que aporta é positivo; ela é parte da familia dende que chega".

A situación é máis sinxela cando a familia de acollida ten fillos pequenos, como pasa no caso de María del Carmen Rodríguez e Ramón Seijo, que viven nas Hedradas, Xove. "Andrea e Carlota lévanse xenial con Musa" sinalan. Musa ten 12 anos e a pesares de ser "tímido" é querido por todos na parroquia. María del Carmen comenta que na familia de Musa "son oito irmáns e as condicións de vida son difíciles" polo que "cando coñecimos a oportunidade a través de Ana non dubidamos".

Abdalahi tamén pasa o seu segundo verán na Pedreira (Barreiros) procedente de Dajlha. Os saharauis adoitan poñerlles aos campamentos os nomes das súas poboacións de orixe porque "é un xeito de seguir reclamando a súa terra" argumenta María del Carmen Fernández Vizoso, nai adoptiva de Abdalahi. "Dajhla é o campamento máis afastado, a case 140 km. do resto" di, ao tempo que afirma que súa familia está "pensando en ir este ano" a coñecer o Sahara. A lonxanía de Abdalahi rápido se foi: "cando chegamos foise xa coas cativas ás festas de Santa Cilla, é un chaval moi sociable". Non é o único ao que lle gustan as festas galegas, pois Ana Mejuto afirma que "Teslem só quere pasar o Naseiro e irse". Inda así, Maite González, de Bravos (Ourol) di: "Polo ano falamos con Yamal co WhatsApp".

A pesares de ser nenas, a nai de acollida Pilar Rodríguez, de Vilaselán (Ribadeo), comenta que "a nena que tiñamos o ano pasado era do Polisario, non quería saber nada de Marrocos", en relación á fronte política que loita pola autoderminación do pobo saharaui. Agora teñen ata a primeira semana de setembro na Mariña. As nais concluén que "sempre queren volver, aquí pasan un bo verán pero saben que son de alá".

Comentarios