Lembranzas a 75 metros de altura

A Ponte dos Santos cumpre 30 anos nos que cambiou Ribadeo

O vindeiro sábado cúmprese a efeméride da inauguración dunha obra que concitou unha unanimidade moi pouco corrente ▶ O seu remate significou un gran impulso económico para a comarca, que viu ademais como se incrementou a súa poboación
Inauguración da Ponte dos Santos, en Ribadeo, anos anos 80
photo_camera Inauguración da Ponte dos Santos, en Ribadeo, anos anos 80

Este sábado cúmprense trinta anos da inauguración da Ponte dos Santos, unha infraestrutura que marcou un antes e un despois para Ribadeo e para A Mariña en xeral. Puxo fin a unha demanda centenaria dos veciños e contou co apoio da maior parte da sociedade.

O proxecto de construción da Ponte dos Santos remóntase aos anos 60, cando se realizan diversos estudos previos sobre o levantamento dunha ponte entre Ribadeo e Figueras, en Castropol. Anos máis tarde, concretamente o 19 de decembro de 1973 o BOE valida un decreto onde se lle outorga á empresa Puente de los Santos S.A. unha concesión de 40 anos para a explotación da obra mediante peaxe. Finalmente, a familia Masaveu renunciou ao proxecto polas dificultades que atopou para sacar adiante a obra. Esta quedaría estancando ata os ano 80, cando baixo o mandato de Leopoldo Calvo Sotelo se acabou de impulsar a construción dunha ponte que fora considerada necesidade pública en 1979. Finalmente foi en novembro de 1982 cando se acabaría de licitar por un valor de 882 millóns de pesetas, aínda que o custo final rondou o 1.300 millóns de pesetas.

As dificultades que implicaba un proxecto de tal envergadura fixo que as obras non comezasen ata 1983. Durante a construción apareceron tamén problemas durante o levantamento das zapatas, unha delas considerada as máis profundas de Europa.

A obra da ponte, que foi impulsada por Leopoldo Calvo Sotelo, tivo un custo final de arredor de 1.300 millóns de pesetas


Finalizadas as obras, a apertura da ponte supuxo un avance moi importante para Ribadeo e, de xeito case inmediato, notouse un impulso tanto a nivel comercial como a hosteleiro ou constructivo. No tocante á poboación Ribadeo tamén se viu reforzado con esta nova infraestrutura. A Ponte dos Santos non sufriu cambios ata comezos do novo século, cando se decidiu desdobrala para convertela en autovía. A remodelación deu lugar a unha nova obra de gran magnitude. Ao igual que aconteceu en 1987, o desdobramento supuxo un impulso importante para o turismo. Tal e como sinalan dende a oficina de turismo o remate da A-8 fixo que o número de visitantes procedentes de Cantabria e o País Vasco se incrementara considerablemente.

ANÉCDOTAS. A inauguración da Ponte dos Santos deu lugar a varias situacións curiosas. Unha delas ten que ver con este xornal. O automóbil no que viaxaban os xornalistas de El Progreso foi o primeiro vehículo que pasou pola ponte, porque ningunha das persoas que estaban alí lles deu o alto. Outra anécdota ten que ver co alcalde de entón, Eduardo Gutierrez, quen levaba mes e medio no cargo e comprou o seu primero traxe para a ocasión. Outra autoridade que tamén tivo protagonismo foi o daquela ministro Sáenz de Cosculluela, que chegou en helicóptero ata o lugar e na aterraxe manchou ós que alí o agardaban. Por outra banda, o enxeñeiro encargado de dar o impulso e licitar o proxecto baixo mandato de Calvo Sotelo, non fora invitado polo Goberno socialista. Finalmente as xestións de Eduardo Gutierrez permitíronlle asistir ao acto invitado formalmente.

Comentarios