PDF

Ver la portada de hoy

►JAVIER NOGUEIRA 
Votacion: 
No hay votos
0

Kis e os reinos desaparecidos

"Esa capacidade para encher de literatura os baleiros, xa que de Stettin a Trieste non hai aínda quen non os teña"

Danilo Kis.

Danilo Kis.

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

EN METADE dos conflitos que levarían ao esnaquizamento de Iugoslavia, un morto máis ou menos non debería ter demasiada importancia. Ía haber milleiros máis. Porén, a morte de Danilo Kiš en outubro de 1989 pódese considerar a pregoeira das catástrofes que ían azoutar o seu país nos anos vindeiros. Na portada de Homo poeticus, a compilación de ensaios e entrevistas realizada orixinalmente nada menos que por Susan Sontag coa que a Editorial Acantilado culmina na práctica a publicación en España do mellor escritor serbio dende Ivo Andric —este lector ousaría pedir a compilación dunha opera omnia nun só volume—, aparece Kiš perseguindo o seu destino, enganchado a un cigarro que fumea e que supoñemos pasaría ao catálogo de cabichas mortas que rematarían nun cancro de pulmón mortal con 54 anos.


A biografía de Danilo Kiš desafía o nacionalismo serbio máis racial e radical, que levaría ao desastre. Fillo de xudeu, non de ortodoxo; nacido na Vojvodina, zona de influencia máis húngara ca serbia; supervivente ás deportacións nazis, pero orfo de pai; trasladado posteriormente a Montenegro, agora país independente e xa por entón zona de cultura distinta á da Vojvodina natal e á Serbia de Belgrado.

A súa actividade literaria está en estreita relación coa nenez traumática e viuse fortemente confrontada ao goberno do mariscal Tito. O heroe da Resistencia iugoslava separárase dos ditados do estalinismo ata converterse no líder do coñecido como "movemento dos nonaliñados". Pero aquilo non significaba que a liberdade tivese chegado ás letras iugoslavas: Kiš era un auténtico loitador pola liberación artística e pelexou contra o realismo socialista imposto culturalmente polo goberno. Afastarse de Brezhnev, en realidade, non garantía nada.

É moi tentador comparar a Danilo Kiš con Jorge Luis Borges, algo que se fixo decote. Os dous escollen o relato curto e teñen unha voz lírica moi persoal dentro dese molde, pero aí rematan as semellanzas —non é pouco—. Como demostran os seus ensaios, a súa narrativa ten moito de autoficción e de recheo do baleiro provocado pola ausencia da figura paterna. Quizais a súa rehabilitación a partires dos 90 tanto en Estados Unidos como en Europa ten que ver con esa capacidade para encher de literatura os baleiros, xa que de Stettin a Trieste non hai aínda quen non os teña.

Por outra banda a dimensión política toma relevancia nos ensaios dirixidos contra os críticos que o sistema lanzou contra el, sobre todo despois de Una tumba para Boris Davidovich, obra que o levaría a un exilio parisino do que non regresaría. Son textos inmediatos, airados, agresivos en ocasións. A mágoa é que ese carácter urxente afástaos do lector de arestora: temos que actuar coma se estivésemos escoitando nunha conversa telefónica só a un dos falantes.

E ademais enfrontámonos a un reino desaparecido. As letras de Danilo Kiš son a derradeira gran obra de Iugoslavia, un país esvaecido sen deixar pegada, transformado por unha guerra nunha constelación de sociedades nas que resulta complexo reivindicar o pasado. Dende a distancia faise imposíbel reconstruír calquera contexto e temos que quedar con dous elementos que sosteñen a prosa do autor: a honradez intelectual que o levou ao mantemento da conciencia do pasado e a reivindicación da liberdade contra o totalitarismo e a súa prosa, ao tempo limpa e afiada, que resoa mesmo nunha lingua tan afastada do serbocroata coma o español grazas ao grande traballo duns tradutores que, neste caso, actúan asemade de divulgadores culturais dun escritor imprescindíbel no panorama das narrativas europeas do século pasado.


Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.