"Seguirei facendo cousas, porque é a miña paixón"

Irene Pin: "Pardiñas aposta por un modelo de cultura que prima a colectividade"

En 2016, Irene Pin gañaba no Festival de Cine de Roca o premio á mellor curta galega con 'Ai, Pardiñas, dásme a vida'. Adiantaba ademáis o seu novo proxecto, en colaboración con Bego Fernández, un traballo sobre os refuxiados de Grecia, que presentou este ano baixo o título 'Morrer devagar'
Irene Pin, á esquerda, con Bego Fernández
photo_camera Irene Pin, á esquerda, con Bego Fernández

Como nace 'Morrer devagar'?

A idea de 'Morrer devagar', que tiña como título provisional 'Fronteiras do humano', xurdiu cando eu e máis a miña compañeira Bego Fernández soubemos que iamos realizar unha mobilidade Erasmus en Tesalónica. As dúas estabamos bastante concienciadas co tema das refuxiadas, polo que nos pareceu unha oportunidade única para achegarnos a esta realidade, facer voluntariado e tratar de elaborar un documental sobre o que estaba acontecendo.

Que quedou da idea orixinal na montaxe final?

Practicamente nada. A idea orixinal era retratar a vida cotiá das persoas refuxiadas, de maneira directa e transparente. Sen voz narradora nin presenza visíbel das realizadoras. Porén, como isto non foi posíbel, mudou tanto a forma como a intención nuclear do documental, converténdose nun filme-experiencia que retrata o noso proceso de aprendizaxe.

"Tardamos máis dun mes en poder enfrontarnos ás imaxes nas que somos entrevistadas por Arscham. Foi duro"

Cal era o obxectivo? Con que resultado se senterían satisfeitas?

O noso obxectivo era poñerlle cara aos números e ás porcentaxes, quitarlle o mute a unha situación vergoñenta. Queriamos utilizar o cinema como arma para crear conciencia social, e esta intención consérvase. Só que centramos a atención na reflexión sobre a produción de imaxes e a capacidade para contar historias que non comprendemos. Sobre o feito de que ás veces podemos querer axudar pero temos ideas equivocadas das solucións porque non imos á raíz do problema.

Na presentación do documental fálase de fracaso, en que cre que fracasaron?

Fracasamos á hora de facerlle comprender á xente cal era a nosa intención. A barreira idiomática era moi forte e a nosa inexperiencia tampouco xogaba ao noso favor. Tamén fracasamos á hora de mostrar máis a situación das mulleres no documental. Fracasamos coas diversas propostas de rodaxe que nos fomos facendo, coas distintas aproximacións que intentamos. E finalmente decidimos retratar ese proceso. Talvez no fondo non é tanto un fracaso como unha mudanza de perspectiva, unha adaptación ao medio.

 Tamén recoñecen descubrir prexuízos que non sabía que tiñan...

Todos temos prexuízos e estereotipos, ideas preconcibidas coas que enfrontamos o mundo. Creo que nós no documental somos expostas no momento en que se desintegra o maior de todos, o máis difícil de vencer: a superioridade europea. Unha herdanza das relacións históricas de dominio que exerceu e exerce Occidente, que nos levan a pensar que temos todas as respostas, ou que podemos apropiarnos de historias que non nos pertencen. Que nin sequera somos quen de comprender.

Que lles custou máis descartar e que incluir?

O máis difícil de descartar foi algún material non filmado por nós, senón polas propias refuxiadas do campo: unha curta de ficción sobre a súa fuxida da Siria. Pero non atopamos o xeito de incluílo con coherencia no relato. E o máis difícil, sen dúbida, as imaxes nas que somos entrevistadas por Arscham. Foi un momento moi duro para nós. Tardamos máis un mes en poder enfrontarnos con elas e visualizalas, pero desde o principio soubemos que era necesario utilizalas. Se queriamos ser coherentes con nós mesmas e co noso discurso. E de feito, transformaron por completo o rumbo do documental.

"Moitos dos creadores galegos máis interesantes da actualidade, con recoñecemento a nivel internacional, traballan desde o exterior"

Cal está a ser a reacción do público, que lles di?

Estamos traballando a exhibición cun modelo de contacto directo co público, tratando de facer debate trala proxección. En xeral a acollida está sendo bastante positiva. Hai persoas que nos din que lles custa dixerilo, que lles removeu algo dentro, que lles fixo pensar. Que algúns momentos ou frases se lles quedaron gravados. Iso é moi satisfactorio, porque precisamente a nosa intención era provocar a reflexión. Logo tamén hai xente á que non lle convence, que buscaban unha visión máis política do conflito.

Manteñen o contacto con algún dos protagonistas do documental?

Si. Con Arscham, con Ahmad e con Malacki, sobre todo a través das redes sociais. 

Recorreron ao crowdfunding para financiar o documental, un camiño habitual para os proxectos audiovisuais. Faltan apoios á cultura?

É evidente que si. Sobre todo para as persoas que estamos comezando. É moi difícil meterte dentro da industria. De calquera xeito, nos tratamos de movernos fóra do circuíto comercial, xa que non é o obxectivo deste proxecto. Valorabamos a liberdade e a independencia, polo que o crowdfunding nos parecía o método máis axeitado.

Fai un ano estivo no Festival de Cine de Roca presentando este proxecto, cambiou a súa visión do mundo dende aquela?

Si, curiosamente para mellor. Agora son máis optimista. Coñecín xente incríbel, que malia as súas circunstancias comparte contigo o pouco que ten, e se ofende se non o aceptas. Ou entre as voluntarias, persoas que viven para axudar ás demais. Iso fai que sintas a túa responsabilidade. Creo que se algo aprendín de todo isto é que xuntas somos fortes. Pódense facer moitas cousas para transformar e mellorar o mundo no que vivimos. Mesmo na nosa vida cotiá. Non podemos deixar de loitar por construír un mundo máis humano, en todos os aspectos. A idea de que non hai alternativas ao sistema no que vivimos é a maior mentira do neoliberalismo. Hainas e están en marcha, mais só poden funcionar se loitamos xuntas por elas.

O ano pasado fíxose co premio do festival por ‘Ai Pardiñas, dásme a vida’, que recordos ten deste traballo?

Unha vez, dende Xermolos, dixéronme que lles parecía como se estivese feito por alguén de dentro. Creo que foi o mellor eloxio que me podían facer. Teño un fondo cariño por 'Ai Pardiñas'. Foi o meu primeiro documental, todo un proceso de aprendizaxe para min. Foi un traballo moi intenso, mais gocei moito realizándoo. Levoume a entrevistar a xente á que admiro e descubrir outra tanta marabillosa. 

"Dende Xermolos dixéronme que lles parecía como se 'Ai Pardiñas' estivese feito por alguén de dentro, creo que foio o mellor eloxio que me podían facer"

Xa coñecía o festival? Este documental supúxolle algunha sorpresa, axudoulle a descubrir algo novo de Pardiñas?

Asistira o ano anterior ao do documental, pero facendo o traballo descubrín que había moito máis detrás. Pardiñas aposta por un modelo de cultura no que prima a colectividade e a solidariedade. Un modelo de cultura feito para que a xente participe de maneira activa, ancorado na tradición das festas populares, mais ollando cara ao presente e o futuro. Nese sentido, é tamén unha forma de resistencia cultural, tanto da nosa cultura propia como da cultura en si fronte a un modelo de explotación económica no que fica reducida a un ben de consumo máis.

Con que se queda destes dous traballos? Que lle achegaron a nivel persoal?

Creo que ambos me permitiron aprender moito sobre a produción audiovisual, se cadra o primeiro a nivel máis técnico e o segundo máis teórico. Pero alén disto, tamén me levaron a desenvolver unha visión máis optimista sobre o poder que temos as persoas para actuar sobre a nosa contorna. Porque como di Mero no documental de Pardiñas: "Cando se suman vontades, e son moitas, e son limpas, saen cousas espectaculares".

 E de cara ao futuro, ten novos proxectos en carteira?

Sempre hai cousas, aínda que sexa un pouco no ar. Agora mesmo estou rematando de escribir un poemario sobre a experiencia en Grecia que me gustaría chegar a publicar algún día. Chámase 'Το βλέμμα την Ειρήνι' (A ollada de Irene) e nel inclúense os poemas que aparecen no documental. Traballo tamén en dous guións de ficción (unha curta e unha longa) e estou a voltas cun documental sobre a historia da Coluna Sanfíns.

Cre que se pode forxar unha carreira no audiovisual en Galicia?

Creo que se pode, mais é complicado. Este ano desapareceu o máster en Comunicación e Industrias Creativas da USC. Para continuar estudos en Galiza, fóra do ámbito publicitario, hai que pasar por institucións privadas. Moitos dos creadores galegos máis interesantes da actualidade, con recoñecemento a nivel internacional, traballan desde o exterior. Dende aquí hai propostas moi interesantes, pero que teñen grandes dificultades para subsistir. Hai talento e produción, mais falta sobre todo recoñecemento e valorización do propio entre o público. E se xa é difícil manterse, comezar parece misión imposíbel. Pero pouco a pouco.

Comentarios