PDF

Ver la portada de hoy

►MANUEL GAGO 
Votacion: 
No hay votos
0

Os faraóns, mellor con langostinos

"O meu irmán está no Ártico, nas illas Svalbard, estudando como afecta o cambio climático ás escasas plantas que sobreviven aló. (...) Como é obrigatorio levar rifle nas saídas de campo por se atacan osos polares, estivo entrenándose no lugar máis parecido ao Ártico que tiña a man, a parroquia de Baroña, no Porto do Son"

.

.

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

SERÁ POLA estación, pero os meus encontros co frío industrial, natural e metafórico son constantes nestes días. Na medida en que descubrimos que o cambio climático non é algo que só vai afectar os nosos netos, senón os nosos petos, a nostalxia polo frío esténdese polos ósos como a certeza de que nunca poderemos conxelar o tempo e parar a ler todo o que queda pendente. Disfruten do verán e beban cultura coma se fora un bo godello, iso si, ben fresquiño.

VISTA
Eis o Fuciño do Porco, no Vicedo, ese espectacular e fotoxénico promontorio marítimo. Vaticino como unha pitonisa que todo o éxito que xa ten agora a nivel local –contamos 130 persoas nunha hora– non é nada en relación co futuro inmediato. Acabarase regulando a súa entrada, como na praia das Catedrais. As miñas dotes de videncia tamén me fan anticipar que, na cimeira da súa sona, os visitantes seguirán a marchar do Fuciño sen saber que tamén é un castro espectacular e unha mina de ferro do Sargadelos da Ilustración.

GUSTO
Que o turismo global está a cambiar moito coa suposta democratización do lecer pode resumirse no que me pasou esta semana. Estaba buscando unha viaxe a Exipto nunha coñecida axencia en internet, e ao calcular o orzamento, ao final ofrecéronme un gancho para decidirme. Se mercaba, agasallábanme cunha caixa de langostinos conxelados. Chamei a un coñecido da axencia porque non daba crédito. "Quitánnolas das mans! Preguntan máis pola marca dos langostinos que polas condicións da viaxe!", contestoume.

TACTO
O meu irmán está no Ártico, nas illas Svalbard, estudando como afecta o cambio climático ás escasas plantas que sobreviven aló. Nas illas atópase, por exemplo, o bunker ese no que se gardan miles de sementes en prevención a unha apocalipse humana. Como é obrigatorio levar rifle nas saídas de campo por se atacan osos polares, estivo entrenándose no lugar máis parecido ao Ártico que tiña a man, a parroquia de Baroña, no Porto do Son. Ao chegar ao Polo, foi alugar un rifle, e déronlle unha arma de aspecto gastado, tacto rugoso, con moitos anos de uso. Envioulle por Whatsapp unha foto ao seu experto aquí, e o home contestoulle: "Impresionante! Ese é un mauser alemán da Segunda Guerra Mundial!". O frío ártico conserva ben non só as sementes, senón as armas nazis.

OLFACTO
Ando a voltas coa Triloxía da Ocupación (Anagrama), as tres novelas de Patrick Modiano sobre a Francia controlada polos nazis. Entendo moitas cousas ao saber que escribiu a primeira, A praza da estrela, con só 23 anos. Como di Carlos Llop: "É como se Scott Fitzgerald e Dostoievski saíran de esmorga noturna". Esta obra, unha sátira terrible sobre un xudeu colaboracionista e a súa sociedade, só se pode escribir cando pensas que a brillantez literaria nunca vai rematar e non lle tes medo ningún ao mundo.

OÍDO
Francisco Javier Garbayo avísame da doazón do legado arxentino de Andrés Gaos á Universidade de Santiago de Compostela, sen dúbida a noticia cultural destes días. Gaos é un dos grandes da nosa música do século XX. Amigo de figuras da época como Stravinsky ou Camille de Saint Saëns, as súas pezas como compositor son notables. Algúns críticos falan de que a súa sinfonía En las montañas de Galicia, escrita no 1953, é trasnoitada por romántica, como unha partitura conxelada. Lembroume aos emigrantes que son moi atrevidos nas súas empresas na diáspora e conservadores como petrucios decimonónicos nos asuntos galegos. Curioso, porque adoita dicirse o mesmo de moitas obras da nosa literatura. Se cadra a nosa cultura estea na permanente procura dun tempo perdido, enchendo os ocos da historia fóra de prazo. Non serei eu quen o critique.

VERTIXE
Sigo cos meus experimentos con realidade virtual. O gran problema é a vertixe: os usuarios maréanse coma un balde cando camiñan no mundo virtual mentres están quietos no real, así que hai que recorrer a metáforas de desprazamento. Agás nun caso, e é marabilloso: cando voan. Sincronizo o vídeo e o voo dun drone aéreo cunhas gafas de realidade virtual: o usuario ve en tempo real o mesmo que o drone, e o movemento da cabeza do usuario tradúcese na dirección de voo da máquina, facendo que o corpo sexa a interfaz. Non só non sofren mareos, senón que acontece algo abraiante e poético: os probadores comezan a estender, de maneira inconsciente, os brazos coma se foran as ás dun paxaro.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.