Bendicións taberneiras para entrar con bo pé en pardiñas

Unhas 150 ánimas deron o mellor de si na quinta edición do Dálle ao Cante, unha experiencia musical comunitaria que uniu a 16 grupos de aquí e de acolá e a 11 bares de Guitiriz.

Este festival queda oficialmente inaugurado! Non o dixo ninguén, pero fíxose efectivo con cada unha das notas que saía dos múltiples instrumentos que onte soaron polas rúas de Guitiriz na que foi a quinta edición do Dálle ao Cante Pardiñas.

O quecemento comezaba no Campo da Feira, onde todos os grupos se reunían para coñecer a súa ruta de peregrinación, na que figuraban un total de once locais: Flamingo, Korreo, Xoldra, Centro, Mónica, Soa, Titanic, Gaibor, Casa Barxa, Pepe e A Tasca.

Un ronco aquí, unha escala por acolá, o son dunhas ferreñas ao fondo, unha breve peza improvisada mestúranse con saúdos, apertas e unha pingas de expectación ante o que depara unha nova noite de cantos de taberna. E non unha calquera, senón a que abre os actos do XXXVIII Festival de Pardiñas.

As ao redor de 150 almas que compoñen os 16 grupos participantes desta edición comenzan a espallarse pola vila. Son @s Pantox@s, Birloque Gaiteiros e Os Folieiros da Coruña, Viute o Demo de Sada, As Fillas da Modesta de Vigo, Xaora de Lugo, Os Enchoupados de Teixeiro, Do Lado do Sol de Abegondo, a asociación cultural Andrade e Cerna de Árbol de Vilalba, os multinacionais Os Furancholos e os locais Caivanca, Os Armandanzas de Xermolos, As Bruxainas da Anpa de Lagostelle, Xorcar e Case os de Sempre.

Con cada novo son, con cada nova peza, con cada sentido aplauso, a festa vaise contaxiando e espallando ata culminar, como é costume, no Currovello, onde hai mexillonada popular. Outro clásico da véspera de Pardiñas.

Hoxe, a acción trasladase ao escenario principal. Aínda que moitos levan días indo e vindo para ter todo a punto, o festival abre oficialmente pola tarde, coa inauguración da Mostra de Instrumentos -hai pregón de Antón Corral e concerto de Fernando Meireles- e da Mostra de Artesanía e a primeira velada de concertos. Mañá, máis e (poida que) mellor.

Comentarios