"Ao final, en Monterroso creouse o epicentro do que é o Twitter en galego"

Quizáis a alguén lle soe un chío de Tradutor Galego ou un vídeo de Arrevesados. Diego Busto, ou Madenfas, é un dos responsables de activar a lingua en Twitter
Diego Bustos, na Feira dos Bicos de Monterroso.
photo_camera Diego Bustos, na Feira dos Bicos de Monterroso.

¿Como xorden as contas de Twiter que leva?
Empezou coa intención de espallar un pouco o galego na rede. Ao principio, non tiña intencion humorística ou política, simplemente escoitaba un disco ou vía unha película e comentábao en galego, pero como calquera rapaz. Logo empezamos a buscar a retranca, esas cousas que non había na rede porque quedaban no medio rural e eu cría que tiñan que estar. A partir de aí empezou a xurdir todo, cun compañeiro que é de Monterroso, onde ao final se creou un epicentro do que é o Twitter en galego, porque tamén está o Tradutor Galego, o partido de Aldeáns e logo estamos os que facemos os vídeos de Arrevesados e Madenfas.

"Cando facemos os vídeos, gústanos que sexan cutres. Porque o importante é que quede clara a idea que queremos transmitir, o detalle impórtanos pouco"

¿E os chíos que publican, son espontáneos ou responden a unha rutina?
Depende. Ás veces poñemos esporádicamente e outras van relacionados cunha historia, algo que escoitei dos meus avós ou na taberna, porque eu empecei a escribir aí. Xa cando estaba en Madrid foi máis cousa da morriña e de non poder falar en galego con ninguén, entón escribía historias ou fíos (en Twitter) para expoñer unha idea basicamente. E parece que gustaron, empezaron a difundilos, e ata o de agora.

¿Como é a documentación da súas contas? Por exemplo, co fío dos camións ardendo das orquestras
Neste caso en concreto sempre me chamou a atención a cantidade de accidentes de camións de orquestras dos que me enteraba cando poñía en Madrid a Radio Galega. Tiven a idea e púxenme a buscar imaxes dos incendios e pouco máis. Nunca me documento moito: cando teño unha idea sempre atopo cousas e as publico.

Moitas veces tratan temas con respecto á lingua, culturais e políticos. ¿Como os levan?
Pois si que nos posicionamos en temas concretos, máis culturais que políticos. A política déixoa para facer os vídeos en Arrevesados, porque no momento en que metes humor, todo contido político absorbe se estamos a favor ou en contra. O máis activista é Tradutor Galego. Sempre estamos reiterando que a xente nova non emprega a lingua, sobre todo nas cidades. Sempre me chamou a atención que en Cataluña ou no País Vasco hai máis xente nova falando o idioma. Entón, o activismo que me gusta facer é da lingua e a cultura.

Nesas contas, ao final mestúranse temáticas diversas. ¿Con cal desfruta máis publicando?
Pois o que máis me gusta é facer os vídeos de Arrevesados. Foi algo que empezou case coma un accidente e agora en Facebook temos milleiros de seguidores. Pásoo moi ben cando teño unha idea para o vídeo e poñome a facelo. Tamén me gusta moito falar coa miña avoa, que me conte cousas de cando era nova e imaxinarme nese contexto, coas aldeas cheas de xente. Son historias moi primarias, que non teñen moito detalle nin parafernalia, para os fíos en Twitter.

¿Que buscan neses vídeos?
Son todos públicos, e YouTube ou da TVG e buscamos algo moi difícil de atopar que é a retranca. Vemos moitos vídeos -dende Chiquito de la Calzada ata Dani Rovira- e a un señor co humor da retranca non o fan rir. En cambio, se eu quero meter nun vídeo o humor dese señor con Rajoy ou con Pablo Iglesias, pois ao final do don do humor vai máis aló da ideoloxía, metémonos con todos. Empezamos así, cambiando as voces, mesturando todo, facendo ás veces cousas máis surrealistas. Algúns á xente non lles gustan, pero danos igual.

¿E como elaboran os vídeos?
Estamos na casa comendo, vendo o telexornal, e vemos unha noticia na que sae un señor cun polo de tres patas ou unha señora moi simpática que lle entra un xabarín la horta. Pois como indica o mesmo nome de Arrevesados, mesturámolo todo. Collemos o vídeo do xabarín e xuntámolo con Rajoy facendo sendeirismo e así. É moi primario, á xente mólalle, escriben todas as semanas. A ver se podemos profesionalizar esta conta, incluso grabar o noso material. Pero leva tempo e ao final isto é un hobby, como comprenderás.

¿E como xestionan ese tempo?
Non comemos moito a cabeza. Estas ideas que xorden vendo o telexornal en vinte minutos facémolas vídeo. Baixamos o vídeo de YouTube e cun editor moi sinxelo. Gústanos que os vídeos sexan cutres, porque o importante é que quede clara a idea, o detalle impórtanos pouco.

¿E xa para rematar, algunha suxerencia para a RAG?
Moitas (risas). Fixemos un fío a raíz de que a RAE aceptase termos un pouco raros e de aí as suxerencias á RAG. Para facer os hashtags xuntámonos nun bar en Monterroso, propoñemos un tema e facemos tres ou catro fíos cada un. Ás veces terminan sendo trending topic estatal. É unha forma de expandir a lingua e todo o que poidamos facer na rede é pouco.

Comentarios