A música de Bustamante fixo vibrar a Monforte

As festas da patroa collen forza e a música, os cabezudos e as actividades para os máis cativos enchen as rúas da cidade do Cabe de xente

Unhas 12.000 persoas gozaron este sábado pola noite do concerto de David Bustamante nas festas de Monforte. Non faltou ningún dos seus grandes éxitos.

O seu concerto foi só unha mostra da xeira de diversión que se vive na cidade do Cabe. José Manuel Parada recordaba no pregón das festas de Monforte que cando era mozo as celebracións era a única data do ano na que un podía chegar á casa á hora que lle petase. Se cadra as cousas tampouco cambiaron tanto porque estes días o que queira botar na rúa o día e a noite ten oferta de todo tipo.

Nas últimas horas, os máis festeiros puideron desfrutar dun concerto de Rosa Cedrón na Praza de España, das alboradas dos grupos de gaitas, da charanga Unión Monfortina, do concerto dos alumnos do conservatorio e da verbena con Los Player's. Xa ven, para poñer o pé fóra e non voltar. Ata o vindeiro xoves a festa en Monforte non ten paradoiro.

Por ver, este sábado ata vimos na rúa aos cabezudos, as personaxes se cadra máis emblemáticas das festas de Monforte e máis apegadas á tradición. Cando non había presuposto para tantas luces, orquestras e grandes atraccións eran estes homes de corpo pequeno e cabeza xigante o encargados da diversión.

Os cabezudos e os mozos da compañía Píscore que se encargaron de animar aos más cativos co seu espectáculo de humor e música foron onte os más aplaudidos.

Comentarios