"Cantas máis veces leo 'Nimbos', máis me gusta"

Antón de Guizán: "O Armeiro foi testemuña visual da sociedade daquel tempo"

O presidente da asociación Lareira de Soños dos Vilares, en Guitiriz, xurdida a partir dun libro de Pastora Veres que recupera a memoria da parroquia, vén de iniciar a gravación dun documental no que parten da figura do polifacético Armeiro de Berulfe para tratar de facer un retrato de toda unha época, contando coas súas fotos e cos testemuños de moitos que o coñeceron.
Antón de Guizán
photo_camera Antón de Guizán

Lareira de Soños xa ten novo proxecto. Sen deixar de lado algunhas das súas teimas, como pór en valor o rural e impulsar a recuperación do patrimonio vilarego, a asociación que preside Antón de Guizán vén de iniciar a gravación dun documental sobre José Lobeiras, o Armeiro de Berulfe.

Como xorde o proxecto do documental sobre o Armeiro?

A través do traballo de investigación de Pastora Veres para o seu libro. O contacto coa familia, coas fotos, cos seus numerosos oficios, coa súa historia persoal e coa época na que viviu fan do Armeiro unha figura ideal para ilustrar a vida do pasado século nos Vilares e nas parroquias próximas.

Que ten de particular este home?

José Lobeiras foi armeiro, xoieiro, ebanista, sacamoas, barbeiro, curandeiro, ferreiro, labrego, iluminaba festas con ‘petromaxs’, foi o primeiro en poñer canalóns de cinc polas casas..., mesmo foi aviador e tivo ideas republicanas en tempos ben difíciles. O feito de ser o primeiro fotógrafo ambulante da comarca dálle unha dimensión especial, convérteo en testemuña visual da sociedade daquel tempo. Polo obxectivo da súa Leica pasaron vodas, bautizos, mortos, retratos, festas, feiras, etc. Rara é a casa que non ten fotos de avós ou bisavós feitas polo Armeiro nos Vilares ou noutras parroquias.

"Conservar o patrimonio vese máis coma un problema que como unha posible vía de negocio, como gasto e non como investimento"

Que pode adiantar do proxecto?

Vai ser un documentario, unha exposición cunha selección das súas fotos e unha publicación, todo iso para o próximo ano, no que se cumpren cinco do proxecto Os Vilares, Lareira de soños. O documentario alternará as súas fotos, lugares que frecuentaba, as casas onde viviu, onde quitaba fotos e entrevistas a persoas que o estudaron ou o coñeceron e que falarán del e do seu tempo.

Quen intervén no proxecto? Con que apoios conta?

É unha autoprodución, co material de filmación prestado, sen apoio institucional ningún e con moitos apoios persoais, o dos propios realizadores, ademais de min, Luís de Fabete acompáñame nas filmacións, Moncho Fuentes é o fotógrafo que restaura as fotos do Armeiro, Pas Veres, Raúl Río, Bruno Pena e Cibrán Tenreiro asesórannos e supervísannos, María Blanco na montaxe, Sandra Tenreiro coa parte musical, veciños, o fillo do Armeiro, Fidel, a directiva da Lareira que sempre está aí... É un traballo comunal, como todo o que facemos e no que cadaquén aporta o que pode.

A iniciativa enmárcase dentro da posta en valor da memoria local, material e inmaterial, que busca Lareira de Soños, cando e por que xorde esta entidade?

A asociación, legalmente, ten algo máis dun ano aínda que o proxecto nacía hai catro, coincidindo coa dedicatoria das Letras Galegas a Díaz Castro. Unha encomenda de Manuel María a Pas Veres na inauguración dunha mostra de fotos antigas na I Romaría Labrega da Chaira para recoller todo ese legado nunha publicación, foi, 25 anos despois, a razón deste proxecto que conta con 35 socios fundadores e oito directivos que buscamos que non se perda o patrimonio material e inmaterial dos Vilares, a súa historia. Queremos pór en valor o rural desde unha pequena parroquia, sumar a outras iniciativas que se desenvolven no rural chairego e galego.

Unha das súas teimas é preservar as pinturas murais da igrexa dos Vilares, en que punto están?

Os frescos da igrexa son unha xoia patrimonial con cinco séculos de existencia que corren serio perigo de ser irrecuperables. Levamos máis de dous anos petando nas portas das institucións e aínda agardamos por unha resposta clara e positiva. Cada ano que pasa, faise máis difícil recuperar as pinturas e encarécense os traballos.

Outro tanto se pode dicir dos alpendres da antiga feira, algún avance neste eido?

Aínda peor, son un símbolo que non parece importarlle a ninguén, que supuxo a implicación das familias dos Vilares en 1916 e que vai camiño tamén, como todo o patrimonio etnográfico, de ser comido polas silveiras. Non hai conciencia nin vontade das administracións, cando hai unha verdadeira riqueza no noso rural.

Falta concienciación sobre a protección do patrimonio?

Moita, vese máis coma un problema que coma unha posible vía para atraer visitantes e negocio. Vese como gasto e non como investimento, todo o contrario ao que ocorre en países máis desenvolvidos.

"Co Trapeiro de Horna pretendemos poñer en valor a xente humilde a través do oficio máis emblemático da parroquia dos Vilares"

Tamén puxeron en marcha un recoñecemento, o Trapeiro de Honra. Que fin ten esta distinción?

A través do oficio máis emblemático da parroquia dos Vilares, pretendemos poñer en valor a xente humilde, anónima en moitos casos, que son exemplo da supervivencia e da existencia deste país desde lugares coma as herbas pequerrechiñas das que falaba Díaz Castro. Levamos xa catro edicións e a quinta, en 2018, será para Raúl Río, un exemplo de vilarego comprometido aquí e na emigración coas súas orixes.

Como dixo antes, a entidade xurdiu a partir do libro de Pastora Veres. Teñen xa data de presentación?

O libro está en fase de corrección linguística e de maquetación, agardamos que saia á luz a finais deste ano ou comenzos do 2018.

Da iniciativa tamén formaba parte o documental ‘Entrar aos Vilares’, de Cibrán Tenreiro, que segue a proxectarse por toda Galicia. Esperaban esta boa acollida?

O que ía ser un audiovisual que acompañase ao libro converteuse nun produto con vida propia, que segue a ser demandado por todo o país e foi finalista da Mice, con 15 filmes de todo o mundo. Nin agardabamos tanto nin temos motivos para queixarnos.

Que outros proxectos teñen en mente?

Seguiremos na liña trazada e consolidando iniciativas, promovendo tamén actividades da Nova Poesía Guitirica, como o certame Vilariñas, e diversas xornadas. Aproveitaremos os numerosos contactos que nos facilitou o documental para desenvolver proxectos en colaboración con outras entidades. O ano 2018 vai ser especial por cumprirse os cinco anos da Lareira.

Comentarios