FÚTBOL

El Lugo, colíder tras ganar al Alcorcón (0-1)

de actualidad
Michel Salgado Míchel Salgado
 
Votacion: 
No hay votos
0

"En Galicia hai unha concentración moi grande de videopoesía"

'Versogramas', así se chama o ambicioso proxecto co que Celia Parra, poeta e produtora audiovisual, quere radiografar o panorama internacional da videopoesía, e que presenta este domingo ás 12.00 horas na fundación Uxío Novoneyra con motivo do Festival dos Eidos

Celia Parra. FRAN GÓMEZ REGENJO

Celia Parra. FRAN GÓMEZ REGENJO

Non é a primeira vez que Celia Parra, veciña de Quiroga, poeta e productora audiovisual, participará no Festival dos Eidos. Este ano, o motivo da súa presenza será a presentación este domingo, na fundación Uxío Novoneyra, do estado do ambicioso proxecto Versogramas, o primeiro documental sobre o panorama internacional da videopoesía, no que traballa canda Juan Lesta e Belén Montero, que tamén estará na presentación. Versogramas vén de acadar excelentes resultados na campaña de micromecenado, e conta co o apoio do Agadic, TVG, editorial Galaxia -que editará o libro e dvd-, Amanita Films, Pixel Films, Fundación Paideia ou a propia fundación Uxío Novoneyra.

Como xurdiu este proxecto?

Versogramas xurdiu en 2013 a raíz dun proxecto fin de máster, que dei coa idea de levar á realidade. A miña titora, Fernanda del Nido, á quen estou moi agradecida, presentoume a Juan Lesta e Belén Montero, da produtora Esferobite, que tiñan unha inmensa experiencia en videoclip, vídeo experimental e contidos para museos. Sumáronse ao proxecto, e traballamos xuntos dende entón.

"A videopoesía mestura vídeo e poema para crear algo máxico que non é nin unha cousa nin a outra"



Con que materiais traballan no documental?

Con varios tipos. Uns son as entrevistas. Queríamos darlle voz aos creadores e creadoras, non facer un discurso alleo a eles. Ademais, amosamos as súas obras. E todo isto o artellamos nun discurso temático. Tamén utilizamos planos experimentais de recurso, secuencias gravadas en plató que fan o percorrido dun personaxe que descobre o xénero abrindo caixiñas, como metáfora dos temas.

E como se podería definir este xénero?

É difícil de definir, e hai distintas maneiras de entendelo. Se tivese que establecer unha definición, diría que é un xénero audiovisual ou literario que emprega a linguaxe audiovisual para trasladar a atmosfera dun poema. Mestura vídeo, imaxe e son dunha maneira creativa baseándose nun poema, para crear algo distinto que o complemente, reforce ou contradiga. Así, créase esa cousa un pouco máxica, que non é poema, nin vídeo, é outra cousa.

"Tendo tan bos poetas como temos na literatura galega, é normal nutrirse deles para crear outras pezas"

Dentro deste panorama internacional da videopoesía, que lugar ocupa Galicia?

Un lugar fundamental. Aquí hai moita tradición de videopoesía e videocreación. Nos anos 80 a videocreación galega estaba nun punto de ebulición total, no que se sitúan as primeiras obras de Antón Reixa ou Xavier Villaverde, e Yolanda Castaño, xa nos 90. Pero ademais de ter unha tradición clara de videocreación e videopoesía, o xénero evolucionou con bastante saúde. Agora mesmo, ao meu redor, vexo concursos de videopoesía e máis videopoetas: Dandy Lady, Cinta Adhesiva, as Candongas do Quirombo, colectivo FIINDA... Hai moitísimos, e tamén hai iniciativas de videopoesía no eido educativo. Parece que hai unha concentración moi grande de videopoesía aquí.

Incluso na antoloxía de novos poetas, de Apiario, hai varias persoas que traballan con videopoesía, dende as editoras a Jesús Castro, Alba Cid ou vostede mesma...

Si, é unha ferramenta que se empeza a utilizar bastante, máis entre os poetas novos, que nacemos con internet. As ferramentas de vídeo e de gravación democratizáronse. Todo o mundo ten unha cámara no móbil e conexión a internet -no noso mundo, claro-. Así que, se tes inquedanzas poéticas, é natural empregar estas ferramentas para crear o teu discurso.

Hai relación entre esta profusión da videopoesía e a potencia que ten o cinema experimental galego, que en ocasións ten como referencia a obra de poetas?

Non me atrevo a establecer unha relación, pero si que hai un caldo de cultivo moi potente, unha fortísima tradición poética, en calidade e cantidade. Tendo tan bos poetas como temos, é normal nutrirse deles para crear outras pezas.

"Para min, gravar sempre foi un xeito de aproximarse ás cousas, e a poesía un xeito de ver"

No seu caso, como comezou a explorar a videopoesía?
Eu son poeta. Primeiro comecei a escribir, pero á medida que me fun interesando polo audiovisual (estudei Comunicación Audiovisual), descubrín que a ferramenta do vídeo acaía moi ben ao discuso poético. Tería vinte anos cando fixen o primeiro experimento. Foi moi intuitivo, pero despois na rede descubrín todo o mundo que había. Dende entón seguín facendo iso, de xeito máis consciente.

Tamén nos seus textos o cinematográfico ten moita importancia, como mundos que trasegan.

Si, eu escribo pensando en imaxes, algo do que me decatei ao facer unha lectura máis consciente dos meus textos. A medida que me fun interesando máis no audiovisual, este os ía permeando máis. Utilízoo como ferramenta expresiva, e porque me gusta deixar pegada desa outra forma de ver que é o cine.

Sen embargo, a súa poesía dá tamén moita centralidade ao tacto.

Para min está mesturado. Lémbrome dun profesor do máster que dicía que calquera persoa que collía unha cámara gravaba instintivamente aquilo que amaba. Para min, gravar sempre foi un xeito de aproximarse ás cousas, e a poesía un xeito de ver. Interésame, non só o escenario, senón todo o que hai nel. Sempre fun moi curiosa, moi de tocar. O tacto é o primeiro contato que hai entre nós e as cousas. Tocar é ver.

Coma no verso de Novoneyra "os meus ollos, coma unha man lene". Ah... Non coñecía ese verso, pero gústame moito! Para nós é un gusto estar no Festival dos Eidos, porque a fundación sempre nos apoiou dende o comezo. Polo trato que dá á poesía fai que sexa un gusto estar aí.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.