"Galicia asumiu o custo dos seus axustes, pero hoxe ten vantaxes"

Lévase criticado moito a austeridade nestes anos. Ata que punto é importante que un Goberno cumpra fiscalmente?
É doado de entender. Todos os funcionarios dependentes da Xunta recuperamos no verán as extras perdidas desde 2013, algo que ocorreu en poucos territorios de España ou en ningún. Nós cumprimos, porque antes asumimos o custo. Sempre explicamos que a fase de recuperación da economía aquí tardou máis porque o consumo tivo que soportar ese axuste que outros non aplicaron. Fixemos os deberes, pero agora temos vantaxes: unha posición máis saneada, non temos problemas de acceso ao mercado e dispoñemos dun fondo que nos permite financiarnos a tipo cero, cando outros teñen que pagar xuros. De todas formas, penso que cumprir fiscalmente é obrigado nun Estado descentralizado como o noso, nun contexto no que todo o que fagamos a nivel fiscal lles afecta aos demais, é unha cuestión de responsabilidade. Outra cousa é como fago para encaixar as contas: baixar o gasto, subir impostos, discutir coa Administración central quen debe soportar máis axustes... Porque ao meu xuízo, as autonomías soportaron en exceso o axuste desta crise, o Estado penalizounas.

"Todos deben cumprir fiscalmente, eu non defendo as quitas, pero si flexibilidade no pago xa que debemos ser solidarios"

Hai que castigar o incumpridor?
Creo que non hai que premialo, pero tamén penso que cando alguén está nunha mala situación, a pesar de que sexa en parte ou totalmente a súa responsabilidade, hai que botarlle unha man. Penso que o Estado das autonomías ten que ser solidario. Galicia pide nivelación porque prestar os seus servizos é máis caro, aínda que tamén temos certa responsabilidade nalgúns aspectos como o do espallamento, pola decisión de deixar construír en todos os lados, por poñer un exemplo.

Defende unha quita da débeda ás comunidades máis afogadas?
Eu estou en contra da quita da débeda, pero en cambio penso que hai que apoiar mecanismos de flexibilidade como ampliar o prazo de devolución ou reducir os tipos de xuro. Pódese ser xeneroso, pero sen tocar o principal.

Como director do Foro Económico de Galicia, como se ve a economía galega nos vindeiros anos?
Nós traballamos con previsións a moi curto prazo. Neste 2017 detectamos unha reaceleración clara, despois de que en novembro a cousa estivese caendo. Foi cara abaixo ata máis ou menos febreiro, cando de súpeto remontou dun xeito inesperado, igual que ocorreu en España. Nestes momentos estamos en ritmos moi parellos a España e imos rematar o ano por riba do 3%.

Pero iso non debe agochar que son necesarias rerformas estruturais na nosa economía, non?
Claro, iso témolo moi analizado. Temos un problema claro coa terra, outro coa demografía, un problema coa innovación, queda marxe de avance en apoio ao emprendemento... Temos moitos deberes a longo prazo.

E temos alomenos potencial?
É que isto é importantísimo! Galicia ten potencial enorme en recursos naturais, hai un montón de firmas galegas coñecidas e unha rede empresarial familiar forte. Xa non estamos na cola, senón que estamos na media baixa; se fas catro grupos, Galicia estaría no terceiro, con Valencia e Canarias. Galicia está por debaixo do seu potencial, claramente, por iso hai que facer eses deberes.

"Necesitamos pactos sociais, pero aquí as organizacións empresariais están máis pendentes dos seus problemas internos"


Hoxe unha das principais eivas da recuperación é a precariedade laboral. Como se soluciona?
É unha realidade. Necesitamos pactos sociais a escala estatal e autonómica e precisamos organizacións empresariais fortes. É un dos custos que estamos pagando por que as organizacións en España están máis centradas nos seus problemas internos que en adicarse a falar, consensuar e marcar liñas e obxectivos para combater, por exemplo, esa realidade das condicións laborais.

Comentarios