PDF

Ver la portada de hoy

de actualidad
foto J. Mª Aznar
 
Votacion: 
5 (1 voto)
1

Albá prepara o seu salto atrás no tempo

Este núcleo palense viviu estes últimos días os ensaios e preparativos para un novo Son d'Aldea, que chegará tamén a Santo Xusto ►A finalidade da iniciativa é mostrar, a través de representacións teatrais, como era a vida nas aldeas galegas a principios do século XX

Xosé Luis Carrera e Afonso García, dúas alma máter de Son d'Aldea. EP

Xosé Luis Carrera e Afonso García, dúas alma máter de Son d'Aldea. EP

As aldeas palenses de Albá e Santo Xusto mostran estes días un inusual aspecto que sorprende ao visitante, que, de súpeto, sente como dá un paso atrás no tempo. Nas corredoiras que separan estes dous núcleos, o habitual estes días é oír o rítmico canto do eixo dun carro do país ou cruzarse con homes, mulleres ou nenos nos que os zapatos de pel ou as deportivas son substituídas por zocos de madeira, e as súas camisas e pantalóns vaqueiros, por porosas e frescas pezas de liño de elaboración artesanal.

As maneiras, o trato e a linguaxe da xente fúndense cos sons, os labores e a propia luz dunha paisaxe que leva a ese visitante a unha aldea de principios do século XX.

Se os máis novos poden sorprenderse por esa viaxe no tempo, para os máis vellos non é máis cunha viaxe na súa memoria, uns recordos que volven aflorar con cada edición de Son d'Aldea, que non é máis cunha gran representación teatral que mergulla ao público no modo de vida das aldeas de hai sesenta ou setenta anos.

Aínda que a representación será este sábado, dende hai xa tempo Albá está mergullada nese salto ao pasado a través dos ensaios que se levan a cabo en cada un dos escenarios e nos que participan actores e actrices de gran vocación e afección, coordinados por Afonso García, director desta grande obra.

Nestas representacións participarán este ano un total de 103 persoas, das que a maioría, arredor duns 60 intérpretes, viven neste concello ou están vinculados a estas terras. Moitos son fillos ou netos que aínda que agora non conviven nalgunha destas parroquias, teñen un forte sentimento de pertenza a este lugar.

A fama dos roteiros teatrais foise facendo popular en toda Galicia ata o punto de que moitas persoas de diversos puntos da comunidade comezaron a mostrar interese por participar nestas representacións. Nesta edición colaboran aficionados chegados dende Lugo, A Coruña, Melide, Arzúa ou Laza, entre outros destinos.

Nas representacións participarán 103 persoas e máis da metade están vinculadas coas parroquias de Albá e Santo Xusto


INTÉRPRETES. Son estes actores e actrices os verdadeiros artífices de que cada edición de Son d'Aldea supere a anterior. Algúns xa teñen unha notable experiencia, como as veciñas Alicia Pérez e María Expósito, que participan no roteiro desde a súa primeira edición. Afirman que o que máis lle gusta é ver "a xente e o ben que o pasa".

Afonso García explica que hai meses que comezaron a preparalo todo, pero xuño, xullo e agosto son sempre os de máis traballo. Como mínimo soen quedar unha vez á semana cos actores dos distintos escenarios, pero hai escenas onde son os propios intérpretes os que piden ensaiar máis.

Nestas historias mestúrase a realidade coa ficción. Afonso García explica que "hai algún escenario como A Señora do Castro que está centrado no castro de Albá. Nel se narra unha lenda onde dúas mozas van levar unhas galiñas á señora do castro a cambio da protección para a aldea". Outra historia moi particular é A Dentada. Nela Manuel Suárez, un veciño de Vimianzo, conta a historia dun neno de cinco anos que foi atacado por un lobo mentres xogaba co seu primo. O público sorprenderase, sen dúbida, do final.

Na maioría dos casos, son historias, como esta, inspiradas nas propias vivencias dos veciños e que as transmiten deste xeito ás novas xeracións, coa finalidade de que os máis mozos non esquezan que a aldea, a pesar da crise que está vivindo, continúa a ser o piar fundamental da sociedade actual.

Festas e diversión aseguradas

A sétima edición de Son d'Aldea arrancará este venres mesmo en Albá, ás 17.00 horas, cunha mesa redonda na que o debate se centrará na relación entre os animais e os humanos no rural.

Posteriormente, desenvolveranse unha serie de relatorios relacionados co eixe temático desta edición. A xornada seguirá coa actuación de Quico Cadaval ás 20.00 horas, que presentará Animal de compañía, e despois haberá unha cea. O grupo musical Agarimo poñerá fin ao día.

As pezas teatrais, o sábado
O sábado, ás 10.00 horas arrincará en Albá e Santo Xusto a ruta teatral, titulada Alento Animal, na que os veciños serán os protagonistas en distintos escenarios. Logo continuarase cun xantar na aldea de Albá, ás 14.30 horas.

Pola tarde haberá mostras de oficios artesáns, promovidas por Laia Zapateiros ou Senda Coiro. Tamén haberá postos de alimentación e xogos populares a cargo de Xotramu. O Son d'Aldea deste ano rematará coas actuacións musicais de Comando Curuxás e The Teta's Van, ás 20.00 horas.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.

imagen de usuario
xavi perez martes 5 de septiembre de 2017, 23:11
1

en pzalas de rei hay unos lugares preciosos para visitar; me gusta la iniciativa mucho para destacar , concierto y teatro para gozar en compañia de amigos marola asociacion pertenezco yo