de actualidad
Marine Le Pen Marine Le Pen
 
Votacion: 
5 (1 voto)
Lugo 0

Carlos Vázquez: "A lama e as especies vexetais foron a orixe de moitos topónimos"

A orixe e o significado duns 400 topónimos de Lugo e o seu concello non teñen xa segredos para este filólogo e profesor, tras catro anos de investigación que verán a luz nun libro publicado polo Concello de Lugo

Carlos Vázquez García, co libro 'Toponimia do Concello de Lugo'. VICTORIA RODRÍGUEZ

Carlos Vázquez García, co libro 'Toponimia do Concello de Lugo'. VICTORIA RODRÍGUEZ

ESTUDOU OS topónimos de Monterroso, Guntín e Lugo. Fíxoo por afección e, no caso dos lucenses, tamén porque foi o tema da súa tese doutoral, presentada hai tres anos na facultade de Filoloxía de Santiago. Agora verase o resultado deste traballo en forma de libro. Toponimia do Concello de Lugo  será presentado, ás oito deste mércores, no Vello Cárcere.

De onde lle veu a idea de estudar a toponimia do concello de Lugo?
Primeiro estudei a toponimia de Monterroso, en 2002; despois, en 2004, tocoulle ao concello de Guntín, e dez anos máis tarde, fixen a tese sobre os topónimos lucenses. Cando vexo un letreiro, sempre me pregunto de onde virá o nome e que significará. Tamén empecei a afeccionarme cando lin os estudios que fixo Nicandro Ares.

Cantos topónimos de Lugo analizou?
Uns 400.

Resultoulle moi difícil adiviñar a orixe de tantos nomes?
Se temos formas topónimas medievais, que son a maioría, é máis doado. Se é un topónimo anterior, é máis complicado. A toponimia non é unha ciencia exacta. Do que se trata é de buscar unha forma que, na súa posible evolución fonética ao longo dos séculos, nos dea o nome actual.

Levoulle moito tempo investigar se había forma medieval?
Dous anos só de revisión de documentación. Collín todos os topónimos que viñan no nomenclátor e tamén no rueiro de Lugo e revisei os catro tomos da Colección Diplomática de Cañizares –que está na catedral e que abrangue desde o século VI ao XIII– e dous tomos máis de documentación –tamén catedralicia e recollida por María José Portela– dos séculos XIV e XV. Ademais, revisei documentos que había nos mosteiros de Ferreira de Pallares (Guntín), Vilar de Donas (Palas de Rei), Meira, Samos, Oseira (Ourense) e Sobrado dos Monxes (A Coruña). Outras fontes consultadas foron o Corpus Documentale Latinum Gallaeciae, Codolga; o Inventario Toponímico de Galicia, ITMG, e o Tesauro Medieval Informatizado da Lingua Galega, TMILG. Todo isto atópase na rede.

Coa repoboación cristiá, déronselle terras aos familiares dos nobles e moito topónimos que levan a palabra villa ou vila

Cousas curiosas que atopou?
A diferenza nun topónimo entre Alta e Alto, por exemplo. Hai Santa María Alta, que fai referencia a que é unha terra alta, desde a que se ve unha parte de Lugo, e San Xoán do Alto, no que se refire ao lugar, que está alto. Na Idade Media, había varios topónimos que levaban a palabra Alta como Santa Eulalia de Bóveda, que era Santa Eulalia Alta. En canto ao rueiro de Lugo, é curioso que se puxese o nome de Madanela a unha rúa de Fingoi cando este nome existía en Lugo pero en Recatelo, onde estaba a igrexa da Magdalena.

Desapareceron moitos nomes do rueiro antigo de Lugo?
Si, na Idade Media había arredor da catedral nomes de rúas que indicaban a actividade dos gremios. Había a Rúa da Carnicería, da Coitelería, da Tripería ou da Tenería (onde se tinguía a roupa), o único que se mantivo. A San Pedro chamábaselle O Burgo Novo; á Praza Maior, as Cortiñas de San Román; á parte de San Roque próxima á muralla, San Pedro de Fóra; á zona comprendida entre Bolaño Rivadeneyra e San Froilán, O Carballal... Tamén estaba Valoira, que é un val fértil con auga, na Avenida das Américas, e Soilán, un sitio próximo a Casás, que é o nome dun posesor, Sunila.

Cales son os topónimos máis frecuentes?
A lama ou o barro e os nomes procedentes de especies vexetais como carballo, carballal, carballosa, castiñeiro ou uz foron a orixe de moitos topónimos.

Hai moitos topónimos co nome da persoa que levaba as terras?
Si, eran os posesores. Coa repoboación cristiá, déronselle terras aos familiares dos nobles e moito topónimos que levan a palabra villa ou vila –que, daquela, significaba granxa– indican que eran a granxa de alguén. Pero tamén hai posuídores anteriores á Reconquista. Os investigadores alemáns Piel e Kremer fixeron un traballo sobre os nomes hispanogóticos e atoparon topónimos de orixe xermánica en Galicia do século VIII que saen do nome dos posesores.

Por exemplo...
Belesar, Frameán, Meilán (que fai referencia ás posesións do "pequeno home"). Hai que confrontar os nomes actuais con repertorios xermánicos, árabes e latinos. É bastante traballoso.

Algún topónimo imposible de analizar?
Poutomillos. Pode ser que veña de Postumilius, un nome de persoa, pero non aparece en ningún repertorio.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.