Familiares, amigos e personalidades da cultura despiden a Xohana Torres

Membros da RAG homenaxearon á escritora na capela ardente cunha lectura dos seus poemas
Asistentes ao velorio leron poemas da autora
photo_camera Asistentes ao velorio leron poemas da autora

Familiares, amigos próximos e representantes da cultura galega acudiron ao longo deste mércores a Vigo para despedirse da escritora Xohana Torres, falecida este martes aos 85 anos de idade.

A capela ardente permaneceu aberta desde as 10.00 horas desta mañá no Tanatorio Vigo Memorial, onde será incinerada na intimidade. Alí acudiron diversos representantes do panorama cultural e social, ademais de membros da Real Academia Galega, institución da que a poetisa formaba parte.

Entre eles, escritores e intelectuais como o presidente da Academia, Víctor Freixanes, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Franco Grande, Fina Casalderrey ou Marilar Aleixandre. A RAG protagonizou alí unha pequena homenaxe á falecida, no que varios representantes da institución leron varios poemas da autora.

En declaracións a Europa Press, Marilar Aleixandre considerou que "todas os poetas galegos" están "en débeda" con Xohana Torres, cuxa figura "abriu o camiño" e que mantiña "un constante diálogo" tanto coas xeracións anteriores como coas súas contemporáneas e a xente nova, algo "pouco común".

Sobre a súa obra, a académica destacou que "vai moito ao esencial", e que repasando os seus poemas deulle a impresión de que "foi depurando" o seu estilo, "quitando todo o que podía sobrar" ata chegar á esencia.

BIOGRAFÍA. Nada en Santiago o 22 de novembro de 1931, publicou os seus primeiros versos sendo adolescente na revista do instituto. Algún deles, como Soidá, formarían parte do seu primeiro libro, do mesmo xeito que Nai, que deu a coñecer en 1953 na revista Aturuxo animada por Ricardo Carballo Calero, o seu profesor de Historia e Literatura no bacharelato.

En 1955 recibiu primeiro o premio de poesía da Asociación da Prensa de Vigo, compartido con Celso Emilio Ferreiro, por outro poema, A nosa primaveira: toxos, e en 1957 publicou o seu primeiro libro, Do sulco (1957) , na colección de poesía Illa Nova de Galaxia, acabada de crear para acubillar as novas voces das letras galegas.

Como poeta, publicou tamén Estación ao mar (1980), Premio da Crítica española en 1981, Tempo de ría (1992) e Poesías reunidas (1957-2001), así como Elexía a Lola (2016). Como dramaturga, a RAG destacou as súas contribucións ao teatro da posguerra con A outra banda do Iberr (1965), gañadora do Premio Castelao do Teatro Galego da Agrupación Cultural O Galo, e Un hotel de primeira sobre o río (1968).

Asinou tamén a novela Adeus, María (1971), Premio Galicia do Centro Gallego de Buenos Aires; e, xa no campo da literatura infantil, Polo mar van as sardiñas (1968) e Pericles e a tirotea (1984).

Comentarios