Os gandeiros sacan peito en Pedrafita do Cebreiro

A feira do ano congregou numerosas reses de gran calidade e mostrou o elevado potencial do sector na montaña ► A poxa de becerras de raza rubia galega suscitou grande interese e os prezos subiron ata os 2.500 euros
Moito público arredor das catro becerras subastadas por Acruga
photo_camera Moito público arredor das catro becerras subastadas por Acruga

O potencial gandeiro da provincia de Lugo volveu lucir músculo na feira que este domingo se celebrou en Pedrafita do Cebreiro. Os gandeiros sacaron peito e amosaron na coñecida como feira do ano o acerto da súa aposta pola calidade. Con boas razóns para presumir do mellor produto, demostraron, unha edición máis, que a actividade que mantén viva a montaña ten futuro e que a procura da diferenciación e do valor engadido é a clave da continuidade.

Pedrafita volveu superar expectativas. Gandeiros e reses procedentes de distintos puntos de Galicia e León foron chegando ao longo da mañá para participar na feira, cada un ao seu xeito. Houbo quen foi vender, outros comprar e moitos mirar, pois o espectáculo merecía a pena.

A feira do ano, ademais de favorecer as habituais transaccións de calquera mercado, inclúe concurso de gando de rubia galega e asturiana dos vales, e tamén poxa de becerras de Acruga.

A poxa estivo moi animada. Un total de 23 gandeiros das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra competiron por algún dos catro exemplares presentados. O prezo de saída era en todos os casos de 1.800 euros e chegou en dúas reses aos 2.500 euros. Estas foron adxudicadas a gandeiros de Baralla e da Fonsagrada. As outras dúas, vendidas por 2.100 e 1.900 euros, foron para Palas de Rei e Becerreá, respectivamente.

No concurso organizado polo Concello de Pedrafita participaron 120 animais das razas rubia galega e asturiana dos vales.

En touros de rubia, o primeiro premio foi para un de José Antonio Ferreiro Palacios, do Corgo; o segundo, para Antolín Alonso Arias, da Fonsagrada, e o terceiro para Ganadería Santalla, do Corgo.

As mellores vacas rubias foron as de Antolín Alonso, José Antonio Ferreiro e Carmen Núñez Franco, de Pedrafita do Courel.

Os premios de becerros de rubia foron para Manuel López Díaz, de Vilela do Courel, e para Ganadería Santalla. E as mellores becerras presentáronas tamén José Antonio Ferreiro Palacios, Antolín Alonso Arias e Ganadería Santalla.

Os touros de raza asturiana premiados foron os de Ana Rosa Alonso Arias, da Fonsagrada; Javier Santín González, de Cervantes, e José Manuel Trobo Espín, de Barxamaior (Pedrafita).

Na modalidade de vacas impuxéronse exemplares de Ana Rosa Alonso Arias, Antolín Alonso Arias e Javier Santín González.

O mellor becerro foi un de Ana Rosa Alonso e as becerras premiadas foron de Javier Santín González, José Manuel Trobo Espín e Jaime Santín Linares, de Riocereixa (Pedrafita).

Os premios para xatos leváronos Amelia Candal Sánchez, de Castroverde; Carmen Teijeira Jurjo, de Teixeira do Courel, e Ganadería Santalla, do Corgo.

O premio ao mellor lote de reses de raza rubia foi para Antolín Alonso Arias e en asturiana para Ana Rosa Alonso Arias.

PARTICIPACIÓN POLÍTICA. Políticos de todos os partidos acudiron onte á feira de Pedrafita para amosar o seu apoio ao sector. O popular José Manuel Balseiro percorreu a feira e o socialista Darío Campos participou na entrega de premios, o mesmo que o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, e o voceiro de En Marea, Luís Villares.

Villares puxo a feira de Pedrafita como exemplo da loita do rural por sobrevivir. Valorou a aposta pola gandaría e a horta para sacar ao mercado produtos de calidade con alto valor engadido, "unha mostra do potencial do territorio e de que hai xente disposta a tirar para diante". Destacou a súa achega á sociedade, tanto pola dinamización económica do seu entorno como polo servizo que prestan ao resto da poboación "coa produción de alimentos de calidade e o coidado dun territorio que doutro xeito sería pasto do lume". Criticou, pola contra, "que a Xunta non dea facilidades e que tome medidas que estrangulan o rural, como o desmantelamento do servizo sanitario de atención primaria, do transporte ou unha lei do solo que afonda na destrución".

Comentarios