Máis de 70 ilustradores reinterpretan a obra de grandes mestres da pintura

A exposición, que leva por título A Arte no Cómic, amosa, entre outras, obras do Louvre, do Museo del Prado ou do Thyssen

Un total de 73 debuxantes e artistas da novena arte reinterpretan as grandes obras da historia da pintura universal na exposición A Arte no Cómic, comisariada polo historiador Asier Mensuro e producida por Fundación Telefónica, que poderá verse por primeira vez en Galicia grazas á colaboración con Afundación.

A mostra, que pode visitarse na Sede Afundación da Coruña ata o 6 de xaneiro, está estruturada en tres espazos: a presenza do cómic nos grandes museos, historietas desenvolvidas por autores galegos –que inclúe a interpretación en cómic da Colección de Arte de Afundación, obra do ilustrador Jacobo Fernández Serrano– e a homenaxe que realizaron algúns debuxantes a pezas de arte emblemáticas.

A exposición amosa, entre outras, obras do Museo Louvre, do Museo del Prado, con obras inéditas que se poden ver por primeira vez neste proxecto, ou do Museo Thyssen-Bornemisza, que actúan como colaboradores desta orixinal exposición. 

A Arte no Cómic estuda o modo en que a historieta se aproximou ao mundo da pintura e "incide especialmente na actual corrente museográfica que avoga por un achegamento á novena arte como unha disciplina que debe estar presente na programación dos museos e grandes centros de arte", destaca Afundación.

Na exposición pódense contemplar obras da colección do Louvre, como La coronación de Napoleón, en versión en viñeta de Christian Durieux, La balsa de la Medusa de Eric Liberge ou La Gioconda de Marc-Antoine Mathieu. Tamén se inclúen cómics da colección do Museo de Orsay, como Moderne Olimpia, de Catherine Meurisse, ou Les variations d'Orsay, de Manuele Fior. 

Hai obras doutros museos, como cinco páxinas creadas polo historietista KEKO para o Museo del Prado baseadas en obras de Ribera; ou Museomaquia, de David Sánchez e Santiago García, cómic aínda inédito encargado polo Museo Thyssen-Bornemisza con motivo do seu 25 aniversario, que conta con catro das súas páxinas nesta exposición.

Con A Arte no Cómic, Fundación Telefónica sumouse a esta iniciativa encargando versións libres dalgunhas das mellores pezas do seu patrimonio artístico a ilustradores e autores de prestixio. Entre eles, Javier Olivares, Premio Nacional de Cómic de 2015, e Santiago García ofrecen a súa visión de Constructivo en blanco y negro TBA (1933), de Joaquín Torres-García, ou a debuxante Mamen Moreu realiza tres ilustracións que homenaxean ás obras Le peintre au travail, de Pablo Picasso, Assemblatge amb graffiti, de Antoni Tàpies, e La Belle Société, de René Magritte.

COLECCIÓN DE ARTE AFUNDACIÓN. O segundo ámbito da exposición está centrado no cómic desenvolvido por autores galegos, entre os que se atopan Brais Rodríguez e Miguelanxo Prado. Ademais, con motivo da exposición, Afundación encarga a Jacobo Fernández Serrano unha historieta baseada nalgunhas das obras máis sobresaíntes da súa colección de arte e que se incorporou aos seus fondos. Entre outras, nas páxinas de Pikiblinder aparecen obras como Molido (Leiro, 1999), El regreso del indiano (Castelao, 1918), Máscaras (Mallo, 1942), Romería (Lugrís, 1953), Cencerrada e La enana pintora (Laxeiro, 1950 e 1970, respectivamente), Tríptico marinero (Sobrino, 1931), Tyla y yo (Minguillón, 1943) ou Paisaje (Perez Villaamil, 1848), ata un total de 26.

A PINTURA NO CÓMIC. Por último, a mostra recolle como as grandes obras da pintura aparecen no cómic. Trátase dun achegamento novo ao mundo da pintura, unha mirada persoal e unha homenaxe dos historietistas que, conscientes da capacidade narrativa da novena arte, utilizan os seus recursos para mostrarnos o mundo da pintura dun modo distinto ao que habitualmente ofrecen críticos e teóricos da arte. Este ámbito conta con pezas como 3 páxinas sobre el Guernica de Javier Olivares e Santiago García; La voz del pueblo, de Gustavo Rico e Jorge García, que recrea La carga de los mamelucos de Francisco de Goya; ou Espejo del alma, de Teresa Valero e Juan Díaz Canales, que inclúe versións dalgúns dos principais lenzos do movemento impresionista.

Comentarios