"Germán Coppini non era da nosa especie"

Julián Hernández, de Siniestro Total, di que o humor é o "sistema operativo" da banda, que dedicou un tema a Luis Tosar

Julián Hernández confesa que sinte "vertixe" cando pensa que comezou con Siniestro Total hai 36 anos. A banda viguesa estivo tocando onte en Lugo como cabeza de cartel do Festival do Leite, que organiza Deleite. Non ten unha explicación concreta a esa resistencia nun ámbito tan cambiante como a música popular. Soamente suposicións. "Supoño que foron os cambios no grupo e a cabezonería", indica.

Tamén sospeita que sufriron a súa maior crise ao principio da súa carreira. Germán Coppini estaba compatilizando o dadaísmo punk de Siniestro Total co pop sentimentalista de Golpes Bajos. "Coppini non achegaba moito ao grupo, non era compositor, escribira dúas ou tres letras; pero era o cantante, o que leva o peso do grupo", explica o agora vocalista. Hernández trata de relativizar a tensión daquel ano 1983. "Tampouco era un problema brutal, eles facían pop e nós, rock; todo vén do mesmo", comenta. Pero non se resiste a considerar que "non eramos da mesma especie".

Na primavera, Coppini marchou e deixou perplexo ao resto dos músicos. A "cabezonería" foi o que os salvou.

Anos máis tarde, tras o abandono de Miguel Costas, Julián Hernández asumiu a portavocía do conxunto. De novo, tocaba a guitarra —mesmo fixo dous anos de conservatorio—, pero a fundación de Siniestro Total revelou que todos eran guitarristas, "polo que houbo unha separación de poderes" e a el tocoulle estar tras os tambores.


Xosé Antonio Touriñán encargouse de achegar o humor neste certame organizado polo colectivo de gandeiros


A renovación máis destacable destas tres décadas está no público: "Mirando desde o escenario vas vendo como a idade vai medrando; os máis novos están diante e os máis vellos, ao fondo, porque son os que poden pagarse o wishkey na barra".

O abismo entre Golpes Bajos e Siniestro Total atópase nas letras. Julián Hernández defende que "o humor é o noso sistema operativo", antes de arremeter contra os conxuntos que tratan de emocionar coa súa música. "Nós fuximos de sentimentalismos porque son clichés estereotipados que se convirten nunha mercaduría manufacturada, nunha especie de chantaxe emocional ao público", afirma. "Se un día nos poñemos serios, que nos leven ao neurólogo", solicita.

Ese ton retranqueiro pode atoparse tanto nas súas letras como nas súas músicas. As cancións son versións doutros grupos en numerosas ocasións, mentres que, noutras, limítanse a facer citas nos textos ou nos arranxos. "Somos máis fans que músicos, polo que roubamos ideas que nos gustan. Ás veces son de Muddy Waters; ás veces, dos Kinks; ás veces do soul", revela o artista vigués.

A versión máis celebrada é Sweet home Alabama ('Alabama fogar doce'),de Lynyrd Skynyrd, que eles convertiron en Miña terra galega. O líder de Siniestro explica que escribiron esa canción "porque nos anos 80 os modernos de Madrid odiaban os grupos de barbudos e melenudos dos anos 70". Lynyrd Skynyrd non se afeitaban nin se cortaban o pelo.

A pesar de que lles reprocharon que estivese en galego nun concierto en Andalucía cando soamente cantan a frase do título nesa lingua, Hernández argumenta que "está en castelán porque somos máis castelán falantes". As imaxes nas que se inspira ese tema son "como aquelas postais nas que se vía a catedral de Santiago ou gaiteiros". A letra supón unha entrada de enciclopedia sobre Galicia e un himno ironicamente alternativo a Os pinos.

Tras a broma continua sobre o seu país, hai unha reivindicación sostida da condición galega. No seu disco anterior, 'Paseando sobre el agua' (2015), dedicaron unha canción ao actor Luis Tosar, Mi nombre es Luis Tosar. A peza, coma de costume, está inspirada en (My name is) Michael Caine, de Madness. "Se eles teñen a Michael Caine, nós temos a Luis Tosar", proclama Julián Hernández. O intérprete lucense mandoulles unha gravación de voz na que se escoita a frase que dá título á canción. "Estámoslle moi agradecidos, mandounos o de Mi nombre es Luis Tosar cincocentas veces. É incrible!", remarca.

Algúns expertos sinalan a novas bandas galegas, como Novidades Carminha e Terbutalina, na herdanza de Siniestro Total. O seu cantante non atopa semellanzas. Subliña que "eles teñen a súa personalidade, o seu xeito de facer; o que nos une é que temos as mesmas referencias".

CAXADE. Terbutalina foi outra das atraccións do Festival do Leite, que se desenvolveu onte no parque do Miño de Lugo.  Esta segunda edición contou con outros grupos musicais galegos do momento,como Escuchando Elefantes, Best Boy, Caxade, Adrián Costa & The Criers, Os Amigos dos Músicos e Primordiais. Estiveron acompañados por grupos que están comezando a súa carreira como é o caso de Atrás Tigre ou Musel.

Comentarios