Lara Méndez: "Queremos un San Froilán de Interese Turístico Internacional"

A alcaldesa de Lugo aposta por "unhas festas fieis ao acervo cultural da cidade"
Lara Méndez
photo_camera Lara Méndez

LARA MÉNDEZ vive as súas terceiras festas do San Froilán na alcaldía "coa mesma ilusión que no primeiro ano. O San Froilán vívese de forma especial porque, como dicía Álvaro Cunqueiro, é a festa máis bonita do outono galego. O feito de estar na alcadía fai que a experiencia sexa máis intensa, sobre todo pola responsabilidade de que todo se desenvolva sen incidentes". A título persoal, Méndez desexa que "sexan unhas festas máis participativas, nas que a xente goce das actividades na rúa e que esas actividades teñan máis repercusión".

Como se confecciona un programa con máis de 200 actividades?
Con moitas horas de traballo, escoitando a moitísima xente. Máis aló do labor da comisión de festas, tamén se reciben achegas dos grupos políticos e suxerencias veciñais a través da páxina web, de comunicacións verbais e de redes sociais.

"Contamos cun reforzo de 353 efectivos que contribuirán a que a xente teña esa sensación de seguridade"

O Concello de Lugo investiu entre 615.000 e 620.000 para organizar os festexos. É un orzamento acorde con case dúas semanas de festas?
Na época de bonanza económica era máis doado facer inversións máis altas, pero coa crise houbo que redistribuír o gasto. Sempre se buscou ter un San Froilán atractivo, porque a festa é un símbolo de identidade da cidade. Son uns días de diversión e que van máis alá da propia festa, que ten proxección na comunidade e tamén en España. O noso obxectivo é que sexa declarada Festa de Interese Turístico Internacional.

A oposición criticou que se gastase 51.000 polo concerto de Adrian Bregovic. Que opina ao respecto?
En primeiro lugar, este concerto finánciao a Deputación de Lugo, e nós o que pedimos é colaboración, do mesmo xeito que o facemos con entidades privadas. Se nós temos 600.000 euros de orzamento festivo e conseguimos a maiores outras achegas, podemos reforzar o programa. Pedimos colaboración á Deputación para que achegase ao San Froilán. Entendemos que sendo a capital da provincia deben colaborar, xa que son unhas festas de carácter provincial.

Dende o goberno local lanzaron a campaña San Froilán. Libre de Sexismo. Que obxectivos ten?
No tema da igualdade de xénero traballamos en todas as áreas de forma transversal. É un problema que nos preocupa, máxime se vemos as estatísticas e a ausencia de políticas axeitadas polos recortes nas administracións. Esta campaña non é exclusiva de San Froilán. Fixémola no Entroido, en Arde Lucus e seguirémola facendo porque mentres siga existindo a lacra da violencia e a desigualdade de xénero temos que seguir traballando intensamente.

Como traballarán os corpos de seguridade para evitar que se produzan agresións?
Sen escatimar esforzos. De feito, contamos cun reforzo de 353 efectivos que xa empezaron o pasado día 29. Eses reforzos contribuirán a que a xente teña esa sensación de seguridade que sempre hai en Lugo, que está considerada unha cidade segura, máis alá das posibles incidencias illadas.

"Temos os prezos taxados para que non se especule na ración"

A xestión das casetas do polbo voltou este ano aos seus adxudicatarios tradicionais. Supón un respiro despois das polémicas pasadas?
O ano pasado abriuse un debate que rematou sobredimensionado. É certo que cando se xera unha novidade, hai incerteza se será mellor ou peor e mesmo houbo xente que se preguntou se habería casetas. Evidentemente, non deixa de ser un concurso aberto, no que todo o mundo tiña capacidade de licitar, que era sobre a ocupación da vía pública e o uso do chan, non da actividade en si. Ao quedar sin concesión o anterior adxudicatario abriuse un novo proceso no que novamente se adxudicaron o dous espazos do chan que quedaron libres e temos catro casetas.

Mantívose o prezo da ración de polbo e houbo queixas por parte dos hostaleiros en relación á súa cotización actual. Expúxose o Concello se deciden mantelo ou aumentalo?
Os pregos son por varias anualidades. De feito témolos ata 2019 e neles contemplabanse os prezos taxados para que non se especule na ración. Táxanse tanto os gramos como os prezos. É certo que este ano houbo incremento da cotización, en función do propio mercado que é o que regula o prezo do produto, e houbo menos produción de captura de polbo. Poderíase estudar unha excepción, se se expón, pero en todo caso a taxa do prezo está estipulada ata 2019.

Habilitáronse novas áreas de aparcadoiro?
Contamos con 5.000 prazas de aparcadoiros disuasorios. É certo que non está na zona céntrica, pero hai autobuses constantes de liñas urbanas que achegan ata o centro coa intención de que a xente poida deixar o coche alí e que poidan vir nas liñas de autobuses gratuítas establecidas para ese fin.

Que razóns lle daría a alguén de fóra para visitar Lugo nestas datas de San Froilán?
Que traten de gozar do amplo e variado programa de actividades que imos ter. Seguro que atoparán algo do seu gusto en música, espectáculos, de orquestras ou charangas. Tamén lles recomendaría aos visitantes que degusten a gastronomía lucense, incluídas unhas boas racións de polbo, e tamén se ampliou a estancia das barracas, o cal sempre vai en beneficio dos veciños e dos feirantes.

Comentarios