ÚLTIMA HORA

Una mujer en Lugo fallece al precipitarse desde un cuarto cuando limpiaba las ventanas

de actualidad
El actor de origen coruñés Mario Casas Mario Casas
 
Votacion: 
No hay votos
Sociedad | Cultura 0

Lara Dopazo: "O poemario está escrito desde a frustración e a precariedade"

A xornalista Lara Dopazo Ruibal acaba de proclamarse gañadora do premio de poesía Fiz Vergara Vilariño con 'Claus e o alacrán', unha obra feita desde o "desamparo". O libro "ten moita rabia, moito enfado e moita frustración" pola situación actual, explica esta escritora de Marín

Lara Dopazo Ruibal. EP

Lara Dopazo Ruibal. EP

A XORNALISTA Lara Dopazo Ruibal, natural de Marín e residente en Santiago de Compostela, vai xa polo seu cuarto premio literario. O último é o Fiz Vergara Vilariño, convocado pola agrupación cultural Ergueitos e o Concello de Sarria. É autora de narrativa e poesía, aínda que ela séntese cómoda "xogando na fronteira" dos dous xéneros, sinala.

Acaba de ser elixida a gañadora do premio de poesía Fiz Vergara Vilariño. Cando o xurado lle comunicou a nova non o cría.

Sorprendeume moito, non me parecía un libro que puidera gañar un concurso. Cando me chamaron non mo cría e estaba supernerviosa. Ahora xa aterricei. É unha honra porque a canteira de autores e de poemarios é brutal. Como lectora de poesía significa moito para min, lera moitos dos libros gañadores. É un premio prestixioso, respectado e as obras teñen moita calidade.

Lera a obra do autor samanense que se homenaxea co premio?

Non a coñecía, pero voume poñer con ela.

Por que o título do poemario, ‘Claus e o alacrán’?

É un libro de poesía con personaxes. Un dos protagonistas é Claus e tamén está o alacrán, que é un animal que aparece moito. A obra está dividida en tres partes e o alacrán é o fío condutor.

Por que o alacrán?

O alacrán é un ser curioso, que vive en extremos, en zonas húmidas ou desérticas, e para poder sobrevivir ten veleno. É un animal interesante, é dos considerados como malos polo ser humano, pero só sobrevive. No poemario aparece como un ser que basicamente sobrevive.

No seu fallo o xurado destacou da súa obra que reflexiona sobre a construción da identidade.

Estiven reflexionando moito, pero non é algo no que eu faga fincapé no libro. Visto desde fóra pode ser unha cousa que chame a atención, como están construídos os personaxes. Depende de como o lea cada un.

E en que fai fincapé no poemario?

Escribín o libro desde unha sensación de desamparo, que é o concepto que máis define o libro. Pero depende de como se lea e para outros pode chamar máis a atención outra cousa. O mesmo libro lido por unha persoa en diferentes momentos pode ter diferentes significados. Isto é o luxazo da poesía. No momento en que soltas o teu libro a xente interpreta o que quere, ó mellor incluso son cousas que non che gustan que lean, pero son as marabillas da literatura.

Sobre que trata o libro?

Trata o tema da precariedade, a frustración, para min foi o momento vital o que marcou o libro. Ten moita rabia, moito enfado e moita frustración. Isto é algo xeracional, algo compartido polos rapaces menores de 35 anos de idade, que vivimos a crise económica, a caída do sistema público, un desenmascaramento da democracia que non é tal e perdemos dereitos. O mellor non é tan evidente, pero está escrito desde a frustración e a precariedade.

"A miña xeración viviu a crise económica, a caída do sistema público e un desenmascaramento da democracia que non é tal"

Vostede gañou varios premios literarios. Estes galardóns son agora a forma de publicar?

Desde a crise descendeu o número de publicacións en galego. Ata este momento non fixen demasiados esforzos para publicar. Os premios son unha maneira cómoda e tamén poden ser unha forma covarde de publicar porque se non gaña a obra queda aí e non pasa nada. Eu fíxeno a través de premios e tamén son unha fonte importante de ingresos.

Unha das obras coa que gañou un premio foi ‘Dende illa peixe’, que se converteu nunha curtametraxe. Como foi o proceso?

É unha historia moi bonita, de fíos de amizade. O libro gañou o premio GZ Crea no 2008, que é o actual Xuventude Crea. É un libro que escribín para regalarlle a unha boa amiga, que decidiu facer del un guión para unha curtametraxe, ‘Illa pedra’. Despois unha rapaza que facía un máster de tradución audiovisual decidiu usala para meter audiodescrición para persoas cegas. Converteuse na primeira peza audiovisual en galego en ter audiodescrición. Para isto non serven todas as curtametraxes porque usa os silencios para que un narrador lle conte ás persoas cegas o que pasa.

Algún dos seus poemas tamén se acabou convertendo en canción.

Foron tres poemas que foron musicalizados por Fanny y Alexander. Un deles foi para a curtametraxe.

Vostede escribe poesía e narrativa, que xénero prefire?

Narrativa non fixen moita, son algo novata, que tamén o son na poesía. Eu escribo unha poesía-narrativa e unha narrativa-poesía. Os xéneros son difusos, eu xogo na fronteira e síntome cómoda xogando aí. Nos poemarios fago historias, son narrativos e teñen principio e final.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.