ÚLTIMA HORA

Una mujer en Lugo fallece al precipitarse desde un cuarto cuando limpiaba las ventanas

de actualidad
Eva González Eva González
► RAMÓN GONZÁLEZ REY 
Votacion: 
No hay votos
0

Non hai misericordia

Con 'Sen perdón', que cumpre 25 anos, Clint Eastwood atopou unha narrativa e desmitificou o xénero do western. A película é unha reflexión sobre as consecuencias dos nosos actos e a meneira de representar a violencia no cinema

.

.

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

COMEZA CO ocaso, literal e figurado. Baixo un ceo pardo, o protagonista (Clint Eastwood) cava a tumba da súa muller, Claudia. "Era unha moza fermosa, non sen ofertas de matrimonio. Así que á súa nai rompeulle o corazón cando decidiu casar con William Munny, un famoso ladrón e asasino, un home notorio polo seu carácter vicioso e inmoderado", advirten os créditos da película. "Cando ela morreu, non foi a causa del, como esperaba súa nai, senón da varíola. Foi no 1878". Coa fin da lúa de mel, cun viúvo a afrontar a viuvez, así arrinca Sen perdón, un filme que semellaba simbolizar o crepúsculo da carreira de Clint Eastwood —con 61 anos volvía ao xénero do western, que o fixera célebre como actor— e que foi un comezo, a primeira das súas obras mestras como director.

A historia de Sen perdón é tamén a dunha maduración lenta. David Webbs People escribiu o preciso guión —Eastwood non cambiou unha frase— no 1976, e nove anos despois Francis Ford Coppola tentou acadar o financiamento para levar o texto á gran pantalla. Malia o seu prestixio, Coppola non foi quen de atopar respaldo e Eastwood adquiriu a historia para a súa produtora, Malpaso. Daquela, o cineasta californiano era un actor de máis éxito ca reputación, reducido a interpretar papeis de tipos duros e impasibles, para o que sacaba rédito ao seu físico.

Porque corpo tiña. Clint Eastwood naceu en San Francisco o 31 de maio do 1930, cun peso de cinco quilos e 160 gramos. O relato dos anos previos á popularidade difire segundo quen o conte. O cineasta fomentou a lenda dun home feito a si mesmo, criado nunha familia que pasou fame durante a Gran Depresión, capaz de gañar o pan con todo tipo de tarefas (albanel, leñador) e de nadar ata a praia para sobrevivir a un accidente de avión. Pola contra, o historiador do cinema Patrick McGilling retrata a un rapaz que medrou nun barrio próspero —onde puido escoitar aos grandes do jazz—, que sorteou a guerra de Corea e que soubo estar no lugar axeitado no intre preciso para facer valer os seus ollos verdes e os seus 192 centímetros, tanto na súa vida social coma nos cástings.

O impulso chegou a mediados dos 60, cando Sergio Leone apostou por el para interpretar ao "home sen nome" da súa célebre Triloxía do dólar. No inicio de Por un puñado de dólares (1964), o protagonista observa sen meterse o abuso dos poderosos sobre os febles. "Leone estaba convencido de que o western se convertira nunha batalla moralista entre o ben e o mal e quería quitarlle todo rasgo moral ao xénero", asegura David Denby no seu perfil de Eastwood para The New Yorker. A morte tiña un prezo (1965) e O bo, o feo e o malo (1966) alimentaron o status e a conta corrente do actor californiano, que gañou 270.000 dólares pola súa recreación do vaqueiro con poncho nos tres clásicos do spaguetti western. Mellor aínda, albiscou unha veta que explotar. "Entendeu que, para alguén coma el, era menos importante a profundidade do personaxe a interpretar que consolidar unha imaxe de tipo duro e implacable", sinala Denby.

Coa estrutura de traxedia clásica, 'Sen perdón' é a historia dun asasino redimido por unha muller


Entre o 1971 e o 1988, Eastwood rentabilizou este arquetipo ao encarnar a Harry Callahan. Viúvo coma Munny, sádico como o pistoleiro nos seus tempos mozos, Callahan é un detective escéptico que —farto das deficiencias do estamento policial— impón sen miramentos a lei do seu revólver. Dirixida por Don Siegel, a primeira película da saga, Harry, O Sucio, soubo conectar co público estadounidense nunha época convulsa. "O recelo de Eastwood e a protección do seu Magnum ofreceron consolo a un país que estaba a perder en Vietnam e que tiña medo do caos nas rúas", expón Denby. O crítico de cine Michael Wood escribiu que o filme "deixaba á audiencia desfrutar da ilusión da violencia imaxinaria como solución aos problemas reais".

Sen perdón foi como un esgarro na faciana dos que vivían nesa quimera. Ata daquela, a produción salientable de Eastwood como director limitábase ao western O fora da lei (1976), guionizado por Philip Kaufman, e a Bird (1988), unha aproximación a un dos grandes do jazz, Charlie Parker. Cando rodou Sen perdón, inmerso en dificultades personais —demandas xudiciais, o seu divorcio de Sandra Locke—, o cineasta de San Francisco sentiu que estaba ante o final dunha época. "Saboreaba o filme como o último western do seu xénero, quizais a última cinta deste tipo para min", recoñeceu nunha entrevista.

Cunha estrutura de traxedia clásica, na que o heroe desfruta e padece o seu don, Sen perdón é a historia dun asasino redimido por unha muller, que á morte da súa dona fica sen agarradoiras. A pobreza lévao a aceptar unha oferta. Un aprendiz de cowboy miope, ávido de cartos e aventuras, infórmao do pago dunha recompensa por liquidar a un par de impresentables que marcaron a navalladas a cara dunha prostituta. "Cortáronlle as tetas... Todo agás a cona, supoño", explícalle Munny ao seu vello compañeiro de fatigas, Ned Logan (Morgan Freeman), nunha tentativa de que se una ao dúo. E a lenda e a verdade mestúranse, tamén na figura dese escritor que acompaña a sheriffs e foraxidos á procura dunha historia na que colocar todos os adxectivos posibles. Algúns personaxes de Sen perdón —o literato, o pistoleiro adolescente— semellan tan enfermos pola propaganda das novelas de vaqueiros coma o Quixote de Cervantes, alucinado polos contos de cabaleiros.

As intencións dos tres buscarrecompensas topan coa pouca gana de líos do sheriff, interpretado por Gene Hackman. Se Leone pretendía depravar o western, Eastwood cuestiona unha por unha as nocións do ben e do mal do xénero. Así, o gardián da lei en Big Whiskey é o máis temido dos seus habitantes, pois é coñecida a súa tendencia a extralimitarse, o seu uso despiadado do cargo para exercer a violencia "É o arquetipo dun home sen honra", precisa Denby. Non hai misericordia, como advirte Little Bill. Cando o alguacil lle dá unha tunda a Munny, unha rameira recrimínalle ter pegado "a un home inocente". "Inocente de que?", responde Bill. E o espectador comprende a miseria dos personaxes; dos asasinos que un día sementaron para recoller despois, do tirano, das meretrices, sedentas de vinganza. Como apuntou o novelista Lorenzo Silva, Sen perdón resume "a nosa historia, na que sempre estamos a pagar os nosos crimes, tan indisolubles do que somos como os nosos propios actos de beleza ou xenerosidade".

O cumio da película non é o violento desenlace, senón a secuencia na que o trío de pistoleiros dá caza á súa primeira presa. Nese intre, Logan decátase de que non é quen de rematar á vítima. Entón, Munny colle o rifle e acerta nas entrañas. Mentres o rapaz agoniza, cos seus amigos e os seus verdugos escondidos tras as rochas, pide auga. "Darédeslle un grolo? Polo amor de Deus! Non imos disparar!", berra o asasino. E durante os máis de cinco minutos que dura a escena todos os lugares comúns do western caen a cachos, revélase a torpeza da violencia. "Os vellos mitos disólvense na caótica estupidez da vida que, representada por Eastwood, semella a máis desafiante forma de arte", argumenta Denby.

Eastwood retomou a figura do foraxido incapaz de escapar de si mesmo en Un mundo perfecto (1993). Foi a seguinte das súas grandes mostras de madurez. A violencia e mailo peso do pasado fían tamén Mystic River (2003), a obra mestra do director, o retrato dun trío de amigos dun barrio obreiro de Boston marcado para sempre por unha traxedia na nenez. En As pontes de Madison (1995), Million Dollar Baby (2004) ou O intercambio (2008) deu voo ás mulleres, invisibles durante toda a súa traxectoria; en Cartas desde Iwo Jima (2006) ou Gran Torino (2008) avogou pola empatía "co outro", el que represantara —nas películas, mesmo na política— o patriotismo do partido republicano. Pero todo iso viría despois. Primeiro foi a película coa que Eastwood atopou unha narrativa, coa que "explorou as dimensións de situacións que antes resolvía con simpleza", segundo Denby. Antes foi Sen perdón, o western que se revolveu contra o seu xénero.

'Sen perdón'

Se Eastwood prosperou no cinema coa bitola de ser o pistoleiro máis rápido do Oeste, o certo é que ningún director de Hollywood roda con tanta celeridade coma el. Acostumado a liquidar escenas en 2-3 tomas, gastou 39 días en gravar Mystic River, os mesmos que empregou para Sen perdón. Con todo, adicoulle ao seu western un mimo singular. Sabía que tiña entre mans algo especial, unha historia que meditaba desde sete anos atrás. O premio foi o Óscar á mellor película e tamén estatuíñas para o propio realizador, para Hackman como mellor actor secundario e para os responsables da montaxe.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.