ÚLTIMA HORA

Una mujer en Lugo fallece al precipitarse desde un cuarto cuando limpiaba las ventanas

de actualidad
Eva González Eva González
► JAUREGUIZAR 
Votacion: 
5 (1 voto)
0

Nobel de Literatura lido, proba superada

Secundarios que morren, secuendarios que son premiados. Os segundóns foron os protagonistas culturais da semana

.

.

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

LEVO UNS días vendo unha serie exótica, é dicir, xaponesa. O aspecto máis sorprendentes é que os personaxes piden as cousas "por favor" nas tendas e dan as "grazas" na cafeterías. Empecei a seguir Million yen women (As mulleres do millón de iens) porque Xapón é un gabinete das marabillas e porque cada capítulo dura 24 minutos, o meu tempo de transición entre a vixilia a fase REM do sono.

Ás veces non miro unha serie no móbil para durmir. O luns estiven escoitando a recompilación de éxitos medianos de Tom Petty. O músico norteamericano falecera ese día. Non me acordara del dende 1990, de cando os Travelling Willburys quitaron o segundo e derradeiro disco. Os Travellings a banda de pesos pesados (George Harrison, Jeff Lynne, Roy Orbison, Bob Dylan) na que Petty estaba integrado. A morte ten esa función vivificadora da memoria, de lembrarche xente que pasara ao teu fondo do armario. O luns, 27 anos de esquecemento despois, custoume calcular as veces que escoitara Something In The Air (Algo no aire), con esa producción entre o pop e o orquestral tan propia dos Beatle, ou Free Falling (Caída libre).

Esquecera de Tom Petty porque era un secundario. Mesmo o nome da banda coa que soñaba cumprir as vodas de ouro, The Heartbreakers (Os Rompecorazóns) ten ese aire pretencioso co que os fracasados de antes de intentalo ocultan as carencias.

Million yen women está protagonizada polo actor Yojiro Noda (Toquio, 1985), líder da banda de rock Radwimps, que interpreta a Shin Michima, un novelista ignorado polo éxito. Michima sente unha envexa cara a un colega triunfador que converte o seu peito nunha grella. Nada estrano. O filósofo Thomas Hobbes argumentaba que a existencia de Deus todomisericordioso é compatible coa proliferación do mal porque a divinidade tolera o Mal para que saibamos recoñecer o Ben. Daquela, ten que haber proles de secundarios, como Tom Petty ou Shin Michima, para que deamos identificado ás figuras.

O Premio Nobel de Literatura concedeuse este ano a un secundario, Kazuo Ishiguro. A súa novela Los restos del día (Anagrama) foi levada ao cinema como Lo que queda del día. Supoño que lembran a Anthony Hopkins e a Emma Thompson nunha mansión da campiña inglesa, pero dubido de que saiban que a historia foi concebida por Ishiguro. Hopkins e Thompson son protagonistas no filme, pero encarnan a dous secundarios da vida postos en primeiro plano.

Cada ano, no día de anunciar o Nobel de Literatura, os intelectualotes cos que me relaciono e máis eu enviámonos mensaxes sobre os insondables designios da Academia Sueca. O xogo ten algunhas normas, aínda que nunca as explicitamos. Hai que enumerar as obras do premiado que liches, pero dando unha proba de vida da lectura e non se trata dunha busca apresurada en Google.

Este ano andei presumindo porque sabía de Ishiguro por Los inconsolables (Anagrama) e Nunca me deixes (Galaxia). A primeira das novelas vai dun pianista que viaxa ata a unha vila centroeuropea para dar un concerto. Os veciños son melómanos e confían no músico para que recoloque a harmonía colectiva, que quedou soxuzgada pola desorde. O artista, como resulta esperable, non o consigue. O libro, xa que o menciono, aburriume.

Pasoume como aos lectores de Shin Michima na serie de Netflix que estou seguindo. Os guións de Million Yen Women están trazados con ese ingredente de surrealismo e fantasía tan xaponés. O escritor convive con cinco rapazas que lle pagan un millón de iens como alugueiro mensual. El ignora o motivo dese trato porque aceptou a prohibición de preguntarlles polo asunto.

A situación de Nunca me deixes é paralela. Hai tres mozos que conviven nunha residencia estudiantil aillada na campiña vitoriana. Ishiguro, aínda que xaponés, vive dende neno en Gran Bretaña e comparte a obsesión inglesa polas arquitecturas edificadas por nobre para aillarse do pobo chan. Os tres personaxes son secundarios, viven sometidos por un secreto que non se atreven a preguntar porque afecta a súa natureza. Non lles vou abrir o agasallo que contén esa trama. Lean Nunca me deixes. É unha marabilla.

As mulleres foron as eternas secundarias neste western crepuscular que é a cultura galega. Agora soan nada menos que catro para ocupar a vacante de Xohana Torres na Real Academia Galega. Son Dolores Vilavedra, Inma López Silva, Olivia Rodríguez e María do Cebreiro. Calquera das catro ten traballado o currículo necesario para ocupar a cadeira. Non lle deben nada a ninguén e merecen unha primavera, como reclamaba para si Virginia Woolf.

Dareilles unha pista sobre Nunca me deixes. A novela de Ishiguro trata de personas que non o son, de seres que quererían saírse dunhas vidas que pertencen a outros, de infelices que poderían descender en caída libre cantando Free Falling, de Tom Petty: "Vou caer libremente, vou deixar este mundo por un instante". Un desexo secundario.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.