PDF

Ver la portada de hoy

de actualidad
El periodista Jordi Évole Jordi Évole
 
Votacion: 
No hay votos
0

Os miolos revirados, a cachola descuajeringada e as funcións motrices gripadas

Pelúdez pasa unha mala noite e polo día non recupera cun ollo posto en Barcelona e outro nas festas

AO HOME víanse unhas trazas murchas e tristeiras.

-Non durmiches ben?

-Non. E mira que onte, co das Vodas de Titanio, houbo tararí e tarará.

-E logo que pasou?

-Pois que non acougaba no leito porque ando estes días un pouco Oriol Junqueras.

-E iso que vén sendo?

-Pois xa o di a propia palabra, que miro as cousas cun ollo aquí e o outro, en Cataluña.

-Non é raro. Estamos todos coa vista estraviada. É o que nos toca vivir.

-Xa, pero o caso é que se eu lles vira sentidiño..., pero non teñen xeito ningún. Nin de palabra, nin de obra, nin tan sequera de omisión. Levamos perdidos non sei cantos miles de millóns e o que pode vir aínda! Mire prás empresas. Todas correndo escopeteadas coma cando ameazaba a peste na Idade Media. E as rúas cheas de xente, un día cunha bandeira, outro con outra. As familias disagregadas, os nenos ensinados a non obedecer as leis, a policía sen facer caso dos xuíces, os toristas sen vir...

-Entendo e comparto a túa preocupación.

-Xa, pero a min quen me prestaba que a compartise era o Pusdemón, que é un home ao que eu lle quero ben e gustaríame non velo na cadea, tal como o estou a imaxinar neste intre no meu caletre.

Daquela aparecen a Filomena e mais a Vanesa, que viñan de mercar uns churros.

-Non diga res. A que lle está a falar do Pusdemón, do procés e da nai que os pariu?

-Si.

-Leva así dende que rematou o concerto dos gaitistas. Fomos cear co José Guerrero e co García Gesto, e pasaron toda a noite pumba e dalle a metralla.

-A verdade é que o día non é prá menos.

-A min o golpismo cólleme virxe -di Vanesa-, porque o 23-F aínda non tiña interese pola política.

-O 23-F non tiñas nin dentes, bonitiña -dille o sogro.

-Pois iso dixen. Malamente podería saber eu o que era unha mordida.

Como había a mesa redonda dos escritores sobor do cienfalópodo, a Filo quixo aproveitar o acto pra erguerlle a paletilla e mais o ánimo ao Pelúdez.

-Imos ó cárcere, xa verás que ben o pasamos.

-Ti cres que son Pusdemón ou que? Se vou é co firme compromiso pola vosa banda de que non me deixades dentro pase o que pase, pois son doente de agorafobia e agora xenreira.

-Se é por quedar pechado chámase claustrofobia.

-Mira, xa non che sei, porque entre a trasnoitada e os catalaclismos teño os miolos revirados, a cachola descuajeringada e as funcións motrices gripadas.

No Vello Cárcere estaban, entre outros, os argalleiros Isidro Novo, Antonio Reigosa e Lois Pérez, así como os convidados como panelistas, Fernando Arribas, Xosefa Anllo Fernández, Aida Soengas, Amador Porta Alfonsín, Aurora do Carballiño e Os Minhotos que facían as músicas.

Logo de que cada un foi expoñendo o seu criterio, as súas lembranzas e seu coñecemento sobre o cienfalópodo, chega o momento do coloquio e entón xa ninguén dubida que o Pelúdez fará algún intervencionismo, como así foi, claro.

Saca do peto unha bolsa de plástico con auga na que estaba o Tamarindo, póusaa no chan e di:

-Pensaredes que vou falar dos garigolos da Mosqueira, ou de cando o Campo da Feira, ou do Pleistoceno, cando Deus desapartou as augas e dixo: Ti serás pulpo e ti, calamar. Non, non o farei porque xa o Arribas ten escrito un volume moi atinado no que se refire a todos eses historicionismos. Tampouco tratarei dos aspeutos literarios, que prá iso estades vós; nin dos pulpos nos garaxes, nin dos noivos, que por abranguer todo canto poden das rapazas danlles en chamar pulpos. Non falarei do cienfalópodo Paul que adiviñaba os resultados dos partidos...

Nese intre, un que estaba detrás de nós, interrompe o discurso e di:

-Entón, de que puñetas vas falar, Pelúdez?

-Pois a verdade é que non o sei. Durmín pouco e teño as pregaduras cerebrais entumecidas, sen gaña ningunha de facer moitos chistes. Déixovos a Tamarindo, por se alguén o puidera achegar ao mar. Boas tardes.

Fóra todos estaban pendentes das novas que viñan de Barcelona, pero a familia xa marchara.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.