A baixada dos cabalos, todo un espectáculo nas San Lucas de Mondoñedo

Decenas de visitantes e veciños seguiron o percorrido das bestas polo centro da cidade mariñá

O asombro apoderouse no serán deste martes dos presentes na Praza da Catedral de Mondoñedo coa entrada dos cabalos, que un ano máis acolleu ese privilexiado espazo, e xa van sete consecutivos dende que a organización das Feiras e Festas das San Lucas decidiu que as bestas do contorno pasasen polo mesmo corazón da cidade, onde siguen o seu percorrido decenas de visitantes chegados dos máis diversos puntos de todo o país, pero tamén moitos veciños.

A comisión mudou así esta tradición, que data do ano 1.156, pois aínda que os cabalos sempre baixaran á cidade, nunca pasarán por diante do outro símbolo principal do concello, segundo indica o cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa. Esta innovación fai que agora compitan en protagonismo ambos patrimonios culturais, ofrecen un espectáculo marabilloso e "único", como moi ben se encargan de pregoar os propios veciños e visitantes.

De feito, dende as cinco e media da tarde xa había público nas escaleiras da Praza da Catedral esperando para gozar de vistas privilexiadas e para que ninguén os privase dun sitio en primeira liña. Outros que chegaron máis tarde lamentábanse. "Había que vir antes, agora xa non hai sitio". A música galega de gaitas entretiña a espera mentras os nenos xogaban despreocupados.

Nesas andaban cando empezou a proxección na pantalla xigante instalada na praza e os presentes puideron escoitar ás persoas que están á fronte das gandeirías participantes falar do seu traballo e de como xuntan o gando para a baixada. Os gandeiros apostaron por limpar os montes coa presenza de máis cabalos como unha solución de futuro para contribuir a reducilos incendios, xa que nas fincas onde pacen as bestas pouco máis medra que toxos.

Tanto o presidente da comisión organizadora, Miguel Souto, coma a alcaldesa, Elena Candia, interviron para invitar a participar nas festas e para ensalzar o traballo dos gandeiros, sen esquecer que a cidade atesoura unha das feiras máis antigas de Europa.

Comentarios