"Antes de actuar hai que deixar traballar aos técnicos"

"O que menos precisa o monte é unha chea de xente pisando a terra queimada"

A investigadora e científica Cristina Fernández traballa dende hai 30 anos estudando a forma de rexenerar o solo dos montes despois dun incendio. Desaconsella as sementeiras precipitadas, os paseos polo terreo queimado e recomenda que a cidadanía que queira axudar agarde a avaliación dos expertos antes de actuar pola súa conta
Cristina Fernández
photo_camera Cristina Fernández

Que se pode facer agora para acelerar a rexeneración dos montes?

O risco máis grande que hai agora mesmo é a perda do solo e a posible erosión, que pode xerar contaminación. Pero este problema hai que analizalo cun pouco máis de calma. Despois do incendio, a maior parte das nosas especies vexetais arbustivas rebrota da cepa con facilidade. Mesmo hai plantas que poden xerar unha cobertura en poucos meses. Aínda que fixeramos agora unha sementeira, esta non vai brotar ata que sexa primavera. O principal é protexer o solo. Galicia é das poucas comunidades autónomas que realiza traballos de control da erosión de maneira ampla dende 2010. Precisamos tempo porque o que ocorreu este ano non é común, polo fenómeno meteorolóxico que acompañou aos incendios. Nós estamos facendo agora mesmo os controis de rexenarado natural dos incendios do ano pasado en Soutomaior e hai unha rexeneración natural moi boa. Pero necesitamos tempo.

Canto tempo se precisa para facer a avaliación?

Ten que ser pronta, é cuestión de semanas. Estes traballos lévanse facendo dende 2010. Hai un protocolo no que se ven os detalles que hai que analizar. O incendio non é homoxéneo na súa afección e nalgúns casos non hai que facer nada máis que deixar o tempo pasar. Hai que saber que a cuberta orgánica está queimada e moitas outras cuestións.

Este protocolo actívase en todos os incendios?

En principio si, porque se aplica de xeito autonómico, pero hai algúns incendios que non precisan actuación. Normalmente hai unha priorización dependendo do risco. Por exemplo, os incendios en zonas costeiras teñen un risco maior de contaminar as rías.

Cales son as técnicas que se empregan polos técnicos?

Unha delas é o muching, que consiste na protección do solo con palla que aguante a terra e o protexa da erosión. Esa é a práctica principal, pero tamén se colocan barreiras con troncos e rolos de palla para axudar ao muching a parar a escorrentía coas choivas.

Canto tarda o terreo en rexenararse cando se aplican estas medidas?

Das intervencións que fixemos o ano pasado onde houbo incendios, os solos están xa recuperados entre un 40 e un 60%. Iso é moito e temos que ter en conta que este ano, con motivo da sequía, as condicións eran adversas. O monte rexenera a súa cobertura bastante ben por si mesmo, outra cousa é que en sitios nos que había piñeiros grandes agora mesmo aínda non haxa árbores, pero temos que entender que agora o problema principal non é recuperar a cobertura vexetal.

Non é certo que despois dun incendio o monte nunca volverá ser o que era e que poden reproducirse especies invasoras desprazando ás autóctonas?

Non exactamente. Xa hai especies invasoras sen lumes. Vivimos nun monte con moita influencia do ser humano. Hai sitios abandonados e merecen atención, pode ser certo que haxa que cambiar o modelo de monte pensando no cambio climático. Estou de acordo en que hai que empezar a ter en conta certos factores, pero Galicia sempre foi verde. O monte galego ten moita capacidade de rexeneración por si mesmo, por iso, dende o punto de vista ambiental, os lumes non sempre son unha catástrofe. Outra dimensión é a humana, cando hai perdas de casas e mortes.

Non pode pasar que o que ata hai unha semana era unha carballeira, tras ser arrasada polo lume, se convirta nun eucaliptal?

Depende do grao de afectación. Os carballos rebrotan e haberá exemplares que o farán. Eu teño experiencias de montes nos que se deixou á propia natureza e, ao final, os carballos puideron cos piñeiros e cos eucaliptos. É certo que son especies que crecen máis despacio e precisan máis tempo. A cuestión é moito máis complexa do que parece. Con isto non quero sacarlle gravidade aos lumes, por suposto que tería que haber moitos menos dos que hai porque en Galicia hai un índice de incendios moi elevados. Pero temos que fixarnos tamén na cuestión cultural, facer lumes é algo habitual e hai que deixar de velo así. Outra cousa que nos debería facer reflexionar é que sempre arden os mesmos lugares. Ano tras ano, os mesmos concellos, as mesmas parroquias. E o lume non aparece só no monte, alguén o planta.

Comentarios