Goteira: "En 'Dhogs' tratei de xogar co espectador e coas atmosferas"

O director de Meira presentou a súa ópera prima no Festival de Ourense. A cinta foi seleccionada para festivais de México ou Brasil
Andrés Goteira (cuarto pola esquerda), con Morris, Melania Cruz ou María Costas, entre outros, onte en Ourense.
photo_camera Andrés Goteira (cuarto pola esquerda), con Morris, Melania Cruz ou María Costas, entre outros, onte en Ourense.

O Festival de Cine Internacional de Ourense acolleu onte a estrea galega da película 'Dhogs', a ópera prima do meirego Andrés Goteira, que continúa o seu preiplo tralo seu paso por Split (Croacia) e Sitges.

No filme, mentres un estraño personaxe cruza as rúas da cidade ao volante dun taxi, no bar dun luxoso hotel está Álex, unha muller que goza dunha última copa, inconsciente dos sucesos que a sobrepasarán nas próximas horas. Unha fugaz aventura cun executivo levaráa a unha espiral de violencia sen sentido aparente, obrigándoa a percorrer unha senda de sufrimento fóra do seu control. A película retrata aos malos nun mundo perverso de amos e escravos, no que os crimes se suceden ante unha sociedade pasiva, insensible, que todo o permite.

Andrés Goteira, o director da película, contou onte en Ourense que se trata dun filme no que tratou de "xogar co espectador, cos personaxes e coas atmosferas".

Un feito co que concordou o actor Antonio Durán, Morris, ao apuntar que "Andrés e esta película explotan ao máximo os planos e o desacougo do espectador en cada secuencia".

Na presentación tamén estiveron presentes parte do equipo técnico e o elenco de 'Dhogs', ademais de Morris, como Melania Cruz, Carlos Blanco, Iván Marcos, Xosé López, Enrique Lojo e María Costas.

'Dhogs' non remata en Ourense a súa viaxe para darse a coñecer. Está seleccionada para competir na sección oficial no Festival de Cinema Fantástico Nocturna de Madrid. A película presentarase o 26 de outubro, ás 22.00 na sala 1 de Cinesa. Fóra do noso país, tamén competirá no Mórbido Film Fest de México, na sección para óperas primas 'Nueva Sangre', e na Mostra de Cinema de Sao Paulo, na sección 'Novos Directores'.

Comentarios