Emotiva despedida ao párroco Xosé Manuel Carballo en Castro de Rei

O polifacético párroco de Goberno, que levaba varios varios meses retirado, faleceu aos 73 anos, tras unha longa enfermidade
Asistentes ao funeral
photo_camera Asistentes ao funeral

O polifacético párroco Xosé Manuel Carballo, natural de San Martiño de Goberno, faleceu este domingo aos 73 anos no hospital Lucus Augusti, tras afrontar unha longa enfermidade. E foron moitas as mostras de pesar de amigos e coñecidos que se sucederon ao longo de toda a xornada. Castro de Rei despediu este luns ao que todos definen como un gran dinamizador cultural, comprometido co rural e co idioma galego,

Xosé Manuel Carballo naceu en Goberno en 1944 e ordenouse sacerdote en 1967 en Lourenzá, tras pasar polo Seminario de Mondoñedo. Poucos anos despois, por petición propia, foi nomeado cura de Castro de Rei, Azúmara e Ramil, parroquias ás que se sumaron logo Goberno, Balmonte e Santa Locaia, conformando o grupo das seis que atendeu ata hai poucos meses, cando decidiu retirarse despois de 50 anos no sacerdocio.

Alfonso Blanco Torrado, coordinador de Xermolos: "O señor da palabra. Era sagrada, nunca a traizoaba e dominábaa en moitos rexistros"

Mini Rivas, político e músico: "O crego dos xogos, do teatro, dos contos, das letras e do compromiso. Dos precursores do idioma"

Pero Carballo era moito máis que un cura rural. Foi profesor no colexio Ramón Falcón, ilusionista e mestre de magos –moitos descubriron os trucos baixo a súa variña–, humorista incansable e incluso concelleiro en Castro de Rei, aínda que todos os que o coñeceron destacan, ademais da súa enorme retranca e as ganas incansables de facer, que non había siglas para el e que o seu labor era apolítico.

Escritor e autor teatral, deixa unha longa lista de obras, premios literarios e xornalísticos e incontables colaboracións que conforman un fondo legado. Don Otto de Viaxe pola Chaira é quizais unha das súas obras máis destacadas, aínda que non a única. Sobre as táboas, O menciñeiro á forza foi a súa ópera prima.

Moi comprometido na defensa do galego, tanto na liturxia como en tódolos ámbitos, impulsou un grupo de teatro. Empezou os ensaios cuns veciños e en 1976 deu forma a Os Baluros, cos que levou o nome de Castro de Rei e o 'agroteatro' por toda España, igual que o grupo de música co mesmo nome que el tamén impulsou.

Carballo evolucionou cos tempos e coas circunstancias. Tras un cancro de larinxe que o silenciou en 2013 e o obrigou a aprender a falar de novo –moitas veces cos dedos, como el dicía, a través dos escritos, os whatsaap ou os correos–, continuou na súa aposta por dinamizar o rural.

Marisa Barreiro, presidenta do Iescha: "Chairego de honra, membro honorario dos bos e xenerosos do bardo Pondal"

Francisco Balado, alcalde de Castro de Rei: "É unha gran perda. Colaborador sempre, fixo valer a súa achega cultural, sempre"

Na súa traxectoria vital involucrouse en todo. Dende impulsar a recuperación do Entroido de Val de Francos –era o primeiro en disfrazarse se era necesario–, a patria Valuria da que tanto falaba, as letras olvidadas de escritores da terra, como Francisco de Fientosa, as romaxes ou ata o pasado, coa inauguración dunha exposición sobre a historia de Castro de Rei na propia Praza da Igrexa.

Unha das súas últimas apostas foi este verán, cando impulsou un evento para rendir tributo a un ilustre veciño de Duancos no século XVIII, o primeiro marqués de Atalaya Bermeja, Domingo López de Carvajal, e tiña programado outro esta fin de semana, para sumar unhas poesías á inauguración da área de caravanas do municipio, do que era Fillo Predilecto. Foi unha das moitas homenaxes en vida.

Óscar Bello, mago de Castro de Rei: "Un home de innumerables habilidades e premios. Do teu afillado máxico"

Samarita Canto, coordinadora de Os Baluros: "Tiña un compromiso especial co rural, no teatro e en todo. Era un traballador incansable"

En 2015, un grupo de 200 amigos escribiron Cerna de Carballo, un libro na súa honra que incluía unha canción composta para el. Este domingo, tras o seu falecemento, a agrupación de teatro Os Baluros, xa empezou a programar outro tributo, ao que se sumou o grupo de música Os Valuros e para o que piden a colaboración veciñal.

Xosé Manuel Carballo foi despedido este luns pola tarde. O seu corpo, que descansou no tanatorio Serfuja de Castro de Ribeiras de Lea, foi conducido ata a igrexa de San Martiño de Goberno ás 16.00 horas, onde se celebrou unha misa oficiada polo bispo de Mondoñedo, Luis Ángel Heras, tras a que estaba programado o sepelio no cemiterio parroquial.

Comentarios