Contratos-programa e universidades

As universidades galegas necesitan máis recursos financeiros e non recortes. Pero tan necesario como elo é fornecer a súa calidade. Hai que esforzarse máis para acadar mellores resultados nos eido docente, investigador e de transferencia de coñecemento. As universidades galegas deben avanzar moitos postos nos rankings internacionais dispoñibles, e hai que empurrar a centros e grupos de investigación a posicións de referencia a escala europea e mundial. Temos que apostar por ser moi bos nalgunhas cousas, crear centros de referencia, colaborar con outras universidades alí onde non temos masa crítica ou os froitos do traballo en rede son máis evidentes. Existe financiamento europeo para dar pulo a estas cuestións. Pero necesitamos máis.

En primeiro lugar, que a Xunta concrete eses contratos-programas anunciados. O coñecido ata o momento vai ben encamiñado. Un 15% do financiamento total condicionado ao cumprimento de obxectivos xa é unha cifra significativa. Nembargante, é verdade que o resultado final disto vai depender por completo de que se atine ou non na definición dos indicadores e a fixación de obxectivos e tamén do que pase co financiamento incondicionado e o seu reparto entre universidades.

Mais a cousa non pode quedar aquí. A cultura do cumprimento de obxectivos de calidade, internacionalización, excelencia, integración co entorno deben ser aplicados internamente no seo das universidades. A estratexia do café para todos conduce á mediocridade só trufada por individuos e grupos que, por diferentes motivos, non se deixan arrastrar polos incentivos perversos.

Por iso é tan importante e valioso o discurso do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato: contratos-programa tamén dentro da universidade con centros ou grupos de investigación. Máis recursos a quen se esforce máis, teña obxectivos máis ambiciosos e cumpra. Evidentemente, este discurso, que entronca coa liña de traballo comezada por Domingo Docampo e continuada por Alberto Gago, non lle gusta a todo o mundo. Porque o control sobre o cumprimento de obxectivos pon ás persoas fronte a un espello ao que non se pode evitar.

Por iso é tan importante apoiar este pulo reformista e que a vaga se estenda a outras universidades.

Comentarios